A Xunta nega que os colexios galegos vinculados ao Opus Dei segreguen por sexo á hora de matricular o alumnado, malia que todos eles manteñen aulas exclusivamente masculinas ou femininas en todo o ensino obrigatorio.
A Xunta asegura que os colexios do Opus teñen matrícula mixta malia que todos eles manteñen aulas segregadas en todo o ensino obrigatorio
Os colexios Montespiño, na Coruña, e Las Acacias, en Vigo, mantéñense na práctica como centros femininos ao non contar con ningún rapaz matriculado nin en Primaria nin en Secundaria, mentres que o Peñarredonda coruñés e o Montecastelo vigués seguen sen contar con ningunha nena nin no primeiro ciclo obrigatorio nin na ESO.
Así o confirmaron os datos CIG-Ensino, obtidos a través do portal de transparencia da Xunta e que puido confirmar Praza.gal. "Por que segue sen haber ningunha matrícula mixta nos niveis de Primaria e a ESO en ningún dos catro centros?", pregúntase o sindicato, que cre "chave" coñecer "se a matrícula estivo aberta tanto para nenos como para nenas porque, malia existiren prazas libres, sobre todo no primeiro curso destas etapas, estas seguen sendo integramente femininas ou masculinas en cada centro".
Os catro colexios manobraron para non perder os concertos, ofertando escolarización mixta só en 1º de Primaria; os datos indican que non hai matrícula mixta en ningún curso do ensino obrigatorio
A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades asegura que "en Galicia cúmprese a lei e todos os centros sostidos con fondos públicos son de matrícula mixta". Os catro colexios privados vinculados ao Opus Dei manteñen este curso un total de 58 concertos, achegas públicas que a Xunta xa asumira que só pode outorgar se cumpre cos preceptos da nova lei educativa estatal —a LOMLOE— que, entre outros aspectos, veta a subvención aos colexios que segregan por sexo.
Malia este requisito, os catro centros seguen a funcionar, na práctica, como exclusivamente masculinos ou femininos. Por que seguen a ser mantidos con fondos públicos se manteñen aulas segregadas? Entre outras cousas, tal e como contou este diario, porque manobraron para evitar perder os concertos coa Xunta. Como? Ofertando só matrícula mixta en primeiro de Primaria, alegando que no resto de niveis as prazas xa estaban cubertas polo alumnado de cursos anteriores, polo que a realidade segregacionista tardaría aínda uns anos en desaparecer de facto.
A Xunta aclara que non lle consta "que algún alumno ou alumna quixese matricularse nalgún destes centros e lles fose denegada a solicitude"
Malia todo, e segundo os datos obtidos por CIG-Ensino da propia Xunta, nos colexios tradicionalmente femininos de Montespiño e Las Acacias, no primeiro curso de Primaria hai 21 e 24 nenas respectivamente e ningún neno. Nos centros tradicionalmente masculinos de Peñarredonda e Montecastelo, son 20 e 25 cativos e ningunha cativa. En 1º de Secundaria, a situación é semellante: 29 e 28 rapazas por ningún rapaz no primeiro dos casos e cadanseus 24 mozos no segundo. No resto de cursos do ensino obrigatorio, tampouco hai aulas onde se mesturen cativos e cativas.
"Desde este curso, calquera familia ten dereito a escolarizar os seus fillos en calquera centro educativo, sen ningún tipo de diferenciación. E os centros educativos teñen a obriga de admitir a matrícula mixta", explican desde Educación, que aclara que "o servizo de Inspección Educativa vixía especialmente esta cuestión" e que non lles consta "ningunha queixa nin incidencia de que algún alumno ou alumna quixese matricularse nalgún destes centros e lles fose denegada a solicitude".
Xa que logo, segundo a versión de Educación, e malia manteren aulas segregadas, os colexios cumpren coa lei e poden seguir recibindo fondos públicos porque ningunha familia solicitou matricular un neno nos centros onde só estudan nenas ou unha nena nos que só teñen nenos. "De terse detectado, non sería posible o concerto", aclara a Consellería, que insiste en que se "cumpre a lei" e que "o proceso de admisión que se aplica nestes centros é o mesmo que no resto do ensino galego".
Con todo, CIG-Ensino amosa a súa "sorpresa" ante os datos facilitados por estes centros á administración, "dado que non hai ningunha matrícula mixta malia haber prazas dentro das ratios máximas", nin no primeiro curso de Primaria nin no segundo de Secundaria. Así, o sindicato "insta tanto á inspección educativa da Xunta como do Estado a que vixíen o cumprimento da lexislación vixente".
Atendendo á versión de Educación, os colexios do Opus permiten a matrícula mixta, pero de facto non se aplica porque non hai esa demanda e seguen a ser centros femininos ou masculinos
"É moi probable que, neste tipo de centros, sexan as propias familias as que non cuestionen ou apoien o modelo segregacionista e que as solicitudes para formar aulas mixtas sexan poucas ou ningunha", explican fontes educativas, que advirten da pervivencia de clases separadas nun colexio financiado con fondos públicos malia o veto da lei educativa. A clave? Os colexios, en teoría, permiten a matrícula mixta, pero de facto non se aplica porque continúan a ser centros femininos ou masculinos na práctica.
Por outra banda, e segundo os datos facilitados pola Xunta, é nas doce novas unidades gañadas por dous dos centros do Opus Dei en Educación Infantil onde si hai aulas mixtas, pero baixo sospeita. Primeiro porque, como lembra CIG-Ensino, resulta "sorprendente que estas novas unidades existan só nos colexios tradicionalmente femininos": Montespiño e Las Acacias.
E segundo, porque polo momento, segundo puido comprobar Praza.gal, é imposible certificar nin tan sequera que en Infantil se cumpra coas aulas mixtas. Os datos enviados por estes centros privados á Xunta, tal e como explican fontes educativas, especifican que, por exemplo, no colexio Montespiño hai 23 prazas ocupadas nunha aula de Infantil e 24 noutra, e que a repartición é de máis ou menos a metade de pequenos e pequenas en cada unha das clases.