Colexios do Opus con concertos da Xunta manteñen as aulas segregadas malia a obriga legal de seren mixtos

Actividade nun centro escolar privado masculino © Colexio Peñarredonda

Os centros escolares privados vinculados ao Opus Dei en Galicia seguen coas aulas segregadas por sexo en todos os cursos do ensino obrigatorio malia manteren concertos coa Xunta, subvencións públicas para a que a nova lei educativa estatal exixe que sexan colexios mixtos. 

Estes catro centros (Montespiño e Peñarredonda na Coruña e Las Acacias e Montecastelo en Vigo) manobraron, tal e como contou Praza.gal, para evitar perder os concertos coa Xunta, en cuxa orde publicada  hai xa un ano o Goberno galego asumía que tería que cumprir cos preceptos da nova lei educativa estatal —a LOMLOE— que, entre outros aspectos, veta a subvención aos colexios que segregan por sexo.

A orde de concertos da Xunta asume que é ilegal subvencionar os que segregan CC-BY-SA Praza Pública

Os catro colexios manobraron para non perder os concertos, ofertando escolarización mixta só en 1º de Primaria; os datos da Xunta indican que non hai matrícula mixta en ningún curso do ensino obrigatorio

Os catro colexios privados con subvención pública —cun total de 58 concertos da Xunta para este curso, doce máis que o anterior, sumados todos en Infantil—, só ofertaron matrícula mixta en primeiro de Primaria, alegando que no resto de niveis as prazas xa estaban cubertas polo alumnado de cursos anteriores, polo que a realidade segregacionista tardaría aínda uns anos en desaparecer de facto. 

Con todo, segundo os datos que agora difunde CIG-Ensino e obtidos a través do portal de transparencia da Xunta, en todo o ensino obrigatorio dos catro centros —Primaria e ESO— "segue existindo só matrícula de un só xénero". 

Os centros alegaron, para non ofrecer matrícula mixta, que agás en 1º de Primaria, as prazas xa estaban cubertas polo alumnado de cursos anteriores

"Por que segue sen haber ningunha matrícula mixta nos niveis de Primaria e a ESO en ningún dos catro centros?", pregúntase a CIG, que cre "chave" coñecer "se a matrícula estivo aberta tanto para nenos como para nenas porque, malia existiren prazas libres, sobre todo no primeiro curso destas etapas, estas seguen sendo integramente femininas ou masculinas en cada centro".

As cifras así o corroboran. Nos colexios tradicionalmente femininos de Montespiño e Las Acacias, en 1º de Primaria hai 21 e 24 nenas respectivamente e ningún neno. Nos centros tradicionalmente masculinos de Peñarredonda e Montecastelo, son 20 e 25 cativos e ningunha cativa. En 1º de Secundaria, a situación é semellante: 29 e 28 rapazas por ningún rapaz nos primeiros dos casos e cadanseus 24 mozos nos segundos. 

CIG-Ensino amosa a súa "sorpresa" ante os datos facilitados por estes centros á administración, "dado que non hai ningunha matrícula mixta malia haber prazas dentro das ratios máximas", nin no primeiro curso de Primaria nin no segundo de Secundaria. Así, o sindicato "insta de novo tanto á inspección educativa da Xunta como do Estado a que vixíen o cumprimento da lexislación vixente".

"Malia existiren prazas libres, sobre todo no 1ºcurso de Primaria e ESO, estas seguen sendo integramente femininas ou masculinas en cada centro", denuncia CIG-Ensino

En teoría, e segundo os datos facilitados pola Xunta, é nas doce novas unidades gañadas por estes centros en Educación Infantil onde si hai aulas mixtas, pero baixo sospeita. Primeiro porque, como lembra CIG-Ensino, resulta "sorprendente que estas novas unidades se centren só nos dous colexios tradicionalmente femininos": Montespiño e Las Acacias. 

E segundo, porque polo momento, segundo puido comprobar Praza.gal, é imposible certificar nin tan sequera que en Infantil se cumpra coas aulas mixtas. Os datos enviados por estes centros privados á Xunta, tal e como explican fontes educativas, especifican que, por exemplo, no colexio Montespiño hai 23 prazas ocupadas nunha aula de Infantil e 24 noutra, e que a repartición é de máis ou menos a metade de pequenos e pequenas en cada unha das clases. 

Os datos que achegan os centros indican que en Infantil si hai aulas mixtas, pero a opción só foi posible en colexios 'femininos' e non se pode comprobar que a rapazada non estea segregada

"Os números danlles para manter as aulas segregadas por sexo aínda que a matrícula fose mixta e aseguren que non están separados por sexo, pero para comprobalo sería necesario que a inspección actuase e o aclarase", din as mesmas fontes. 

Sexa como for, CIG-Ensino conclúe que "malia a maquillaxe, cando menos de cifras na etapa de Infantil nos dous colexios femininos, estes catro centros seguen incumprindo a normativa vixente para manter os concertos". O sindicato insta a Consellaría a "investigar se hai ou non, como parece indicar, indicios de fraude no proceso de escolarización de alumnado de ambos os dous xéneros". 

Alumnado dun colexio relixioso, nunha actividade da Xunta polo Xacobeo CC-BY-SA Xunta

"Práctica ilegal"

"Do contrario, só cabería concluír que existe unha clara conivencia entre Educación e os centros vinculados ao Opus Dei para permitir que, malia segregaren o seu alumnado en contra do que se indica na LOMLOE, se manteña unha práctica ilegal e contraria ao principio da coeducación e da igualdade entre homes e mulleres", remata, alertando da posibilidade de que estes colexios accedan a concertos que non lles corresponderían, unha orde que, en global en Galicia, asigna financiamento público a 3.990 unidades escolares e destina 1.900 millóns á escola privada ata 2029.

No fondo, unha recente sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Navarra (TSJN) que deu a razón ao Goberno Foral de Navarra, que anulou o concerto cun centro educativo por segregar por sexo e que supuxo que este colexio concertado teña que devolver 600.000 euros ao Executivo navarro. "Coa actual Xunta, nada diso vai acontecer en Galicia porque iso suporía que a propia Administración investigase e non vai facer nada", rematan fontes educativas. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.