Alertan contra o posible traslado a Madrid dos fondos do arquivo militar de Ferrol, clave para o estudo da represión franquista

Interior do Arquivo Naval de Ferrol © Ministerio de Defensa

A Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña denuncian o posible "traslado a Madrid" dos fondos documentais que custodia o Arquivo Intermedio Militar Noroeste de Ferrol

A Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña denuncian o posible "traslado a Madrid" dos fondos documentais que custodia o Arquivo Intermedio Militar Noroeste de Ferrol. As dúas entidades demandan conxuntamente ao Ministerio de Defensa "o mantemento dos fondos en Ferrol" e a dixitalización documental "que facilite o acceso a investigadoras e investigadores interesadas no coñecemento histórico, nomeadamente aquelas causas e documentos sobre a represión franquista".

Nos últimos días as dúas asociacións foron alertadas da chegada ás instalacións militares en Ferrol dunha empresa de mudanzas, supostamente co encargo da Subdirección Xeral de Publicacións e Patrimonio Cultural do Ministerio de Defensa de levar a cabo un orzamento do traslado a Madrid dos fondos documentais dos tribunais militares da rexión noroeste, custodiados Arquivo Intermedio Militar Noroeste de Ferrol. Os fondos suman ao redor de dez mil caixas de documentación, polo que a empresa de mudanza tería preguntado pola posibilidade de acceder ao recinto con camións de gran tamaño.

Entrada ao Arquivo Militar de Ferrol © patrimonioinvisible.gal

As dúas asociacións foron alertadas da chegada dunha empresa de mudanzas, supostamente co encargo da Subdirección Xeral de Publicacións e Patrimonio Cultural do Ministerio de Defensa de levar a cabo un orzamento do traslado a Madrid dos fondos

Despois de ter coñecemento da operación, as dúas entidades memorialistas demandan o mantemento dos fondos en Ferrol "e que en todo caso se dixitalice a documentación e sexa accesible de acordo co establecido ao respecto do dereito de acceso e consulta dos documentos de arquivo sobre o Golpe de estado, a Guerra Civil e a ditadura que garante o dereito ao acceso libre, gratuito e universal aos arquivos públicos e privados".

La Voz de Galicia requiriu do Ministerio de Defensa e da Dirección do Arquivo Militar de Ferrol unha confirmación dos posibles plans de traslado, que nin confirmaron nin desmentiron a posibilidade.

As dúas asociacións, que se fan eco da "fonda preocupación e rexeitamento do mundo historiográfico e das investigadoras e investigadores galegos diante desta posibilidade de traslado", lembran a importancia que este arquivo tivo "para fornecer investigacións sobre a represión en todo o territorio galego como o proxecto Nomes e Voces". Lembran, igualmente, "que boa parte dos fondos documentais presentados no xuizo sobre a recuperación ao patrimonio público do Pazo de Meirás saíron deste arquivo".

As dúas entidades memorialistas demandan o mantemento dos fondos en Ferrol "e que en todo caso se dixitalice a documentación" e lembran a importancia que este arquivo tivo "para fornecer investigacións sobre a represión en todo o territorio galego"

Para as dúas entidades, "resulta sorprendente e incomprensible" que "se considere o traslado a Madrid" das "sentenzas de penas de morte e outras condenas que se ditaron por tribunais militares ilexítimos, que forman parte da memoria da represión franquista", alegándose "simplemente" a "gran demanda de consulta destes fondos" por parte de investigadores do resto do Estado.

A Asociación Cultural Memoria Histórica Democrática de Ferrol e a Comisión pola Recuperación da Memoria Histórica da Coruña solicitan das institucións, partidos políticos e entidades sociais e culturais galegas "a demanda do mantemento destes fondos no Arquivo Militar de Ferrol".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.