Alsa vai competir con Renfe en Galicia... nos trens turísticos da Ribeira Sacra

Un tren turístico de Renfe subvencionado pola Xunta CC-BY-SA Xunta de Galicia

Competencia autoriza a iniciativa porque "os servizos turísticos de Alsa e os servizos turísticos de Renfe non compiten entre si porque os de Alsa circulan con trens históricos e só operan durante o verán"

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC) vén de autorizar que Alsa, unha das principais empresas de transporte de pasaxeiros por estrada do Estado, preste servizos de trens turísticos en Galicia, na Ribeira Sacra. Competiría así cos trens turísticos que xa ofrece Renfe con subvencións da Xunta logo de que o regulador do mercado veña de certificar que os trens de Alsa non van supoñer un problema para os limitados servizos públicos ferroviarios de tipo regular que presta Renfe na mesma liña entre Ourense e Monforte.

Un autobús de Alsa nunha imaxe promocional da compañía © Alsa

Competencia considera que "os servizos turísticos de Alsa e os servizos públicos de Renfe non compiten entre si porque os de Alsa circulan con trens históricos e só operan durante o verán". "Ademais, os seus prezos son entre tres e sete veces máis caros que os dos servizos públicos", engade a CNMC.

En 2019 Competencia tamén autorizara a Arriva trens regulares A Coruña-Porto que nunca chegou a implantar

Competencia xa analizara e autorizara en 2019 que outra empresa con destacada presenza no transporte por estrada, Arriva, puidese operar trens de servizo regular entre A Coruña e Porto xa que non afectaban ás obrigas de servizo público de Renfe. Porén, Arriva nunca puxo en servizo eses trens, condicionados en parte polas melloras aínda pendentes na liña ferroviaria. 

Exemplo de horario proposto en 2019 por Arriva/Deutsche Bahn para a liña A Coruña-Porto que nunca chegou a implantar CC-BY-SA Praza Pública

Neste caso a aposta de Alsa é máis modesta e limítase aos trens turísticos nos traxectos Ourense-Monforte e Monforte-Petín, servizos que está a implantar en diversos lugares do Estado logo de que hai uns anos a empresa xa entrase tamén no transporte ferroviario de mercadorías. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.