As candorcas suman 26 interaccións con veleiros na costa galega no mes de agosto

Un grupo de candorcas no mar Dominio Público

Se se produce un encontro con estes animais, débese reducir a velocidade, apagando o motor ou baixando as velas, apagando o piloto automático e deixando o temón "á vía"

Dende hai tres anos as candorcas forman parte do ecosistema mariño do litoral galego. No verán de 2020 producíronse as primeiras interaccións entre estes animais e veleiros, encontros nos que algunha das embarcacións sufriu algún dano, sobre todo nos seus temóns, tendo que ser remolcadas ata a costa. Dende o comezo expertos pertencentes a entidades coma a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) pediron "tranquilidade" e "prudencia", pois os animais non son perigosos e non buscaban atacar en ningún caso ao ser humano. 

En todo caso, a orixe destas interaccións, cualificadas de "insólitas", ficaba pouco claro e aínda hoxe, dous anos despois, segue sen haber unha explicación segura para elas. Entre as hipóteses máis sólidas están a do "xogo" que exemplares novos establecerían cos veleiros e tamén o da resposta a un golpe inicial provocado por unha embarcación -accidental ou intencionado-, que tería desencadeado as interaccións sucesivas, nas que os animais acaban por rachar o leme dos barcos para reducir a súa velocidade.

Interaccións máis recentes entre barcos e candorcas © https://es.orcaiberica.org/

Dende CEMMA destácase que, en realidade, o ano pasado houbo máis interaccións, pero concentráronse en maior medida no sur da Península

En calquera caso, as interaccións continuaron no ano 2021, entre xuño e agosto na zona do Estreito de Xibraltar, e en setembro e outubro na costa portuguesa e galega. E, de novo, neste ano 2022, con encontros que en xuño se centraron tamén no sur da Península Ibérica e que dende entón se localizaron en zonas cada vez máis ao norte, chegando a Galicia a finais de xullo e especialmente neste mes de agosto. No que levamos de mes confirmáronse 26 encontros entre candorcas e veleiros no litoral galego, case todos entre as Illas Sisargas e Estaca de Bares.

Dende CEMMA destácase que, en realidade, o ano pasado houbo máis interaccións, pero concentráronse en maior medida no sur da Península. Este verán, en cambio, o número de interaccións totais foi menor, pero producíronse máis nas costas galegas. E, sobre todo, adiantáronse, dende o mes de setembro ou outubro, momento en que as candorcas chegaron en maior medida ás costas galegas, ata o mes de agosto.

A aplicación do protocolo non evita a interacción, pero se se seguen os consellos e recomendacións proporcionadas por CEMMA e outras organizacións "a interacción é de menor duración e de menor intensidade"

As recomendacións aos tripulantes e pasaxeiros das embarcacións que naveguen estes días pola costa galega seguen sendo as mesmas dos dous últimos anos. En primeiro lugar, débese reducir a velocidade, apagando o motor ou baixando as velas, apagando o piloto automático e deixando o temón "á vía". Tentar deixar atrás as candorcas por velocidade é inútil. Despois, débese contactar cos servizos de emerxencia a través do 112 ou a canle 16 da radio.

Finalmente, débense retirar as mans do temón, apartándose ademais de calquera parte do barco "que poida xirar ou caer". Este grupo de candorcas semellan ter coa estrutura máis débil do buque, o leme, ocasionando a súa rotura para reducir así a velocidade dos veleiros. Na medida en que o temón se mova ou sintan presión nel (cando alguén tenta gobernalo) as candorcas golpearano con máis forza, incrementando os posibles danos. A aplicación do protocolo non evita a interacción, pero se se seguen os consellos e recomendacións proporcionadas por CEMMA e outras organizacións "a interacción é de menor duración e de menor intensidade" 

Candorcas no seu paso por Fisterra en 2019 © Cemma

Suxírese evitar navegar pola noite, pois nese momento a actuación dos servizos de emerxencia e salvamento

Así mesmo, suxírese evitar navegar pola noite, pois nese momento a actuación dos servizos de emerxencia e salvamento (para o remolque dun veleiro avariado). Os equipos locais da CEMMA-GTOA e os axentes medioambientais do MITECO colaboran coas entidades de salvamento, e tratarán de visitar na medida do posible as embarcacións trasladadas a porto. Dende este grupo destácase que "falar coas tripulacións e recoller posible material gráfico, no caso de terse feito fotos ou vídeos, poderían axudarnos no noso intento de comprender mellor este comportamento".

Dende CEMMA lémbrase que non existe unha "perigosidade directa" cara ás persoas, no senso de que os animais busquen provocar dano aos tripulantes das embarcacións

Unha das medidas que está sobre a mesa está a posibilidade de restrinxir a navegación nunha zona concreta da costa, como xa se fixo en setembro do ano 2020 entre Cabo Prioriño e Estaca de Bares, un momento no que estes animais permaneceron na costa galega máis tempo do previsto. En calquera caso, podería tratarse dunha medida pouco efectiva, pois as candorcas se desprazan moito e non permanecen nunca nun lugar concreto da costa durante demasiado tempo.

Cómpre ter en conta, finalmente, que son os veleiros os que penetran no espazo que lles pertence ás candorcas, e non ao revés. Dende CEMMA lémbrase que non existe unha "perigosidade directa" cara ás persoas, no senso de que os animais busquen provocar dano aos tripulantes das embarcacións. En todo caso, cómpre tomar todas as precaucións debidas, pois un movemento brusco no barco si pode orixinar unha caída ou un golpe para as persoas que viaxan nel. 

O Grupo de Expertos cre que a orixe do actual comportamento das candorcas puido estar nun golpe provocado por un veleiro © Rafa Fernández Caballero

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.