Tras os traballos no treito Lugo-Monforte, agora comezan entre Monforte e Ourense, o que implica cortar a saída ferroviaria norte de Galicia por Valdeorras
Desde o próximo luns 21 de novembro e ata xullo do ano próximo, durante oito meses, Adif cortará por completo a circulación de trens entre Ourense e Monforte, no marco das obras de envergadura que está a acometer para mellorar toda a liña Ourense-Lugo. Os cortes súmanse aos que xa se rexistraron no seguinte treito, entre Monforte e Lugo, pero os que agora se acometerán non afectarán soamente aos trens que comunican a cidade de Lugo senón tamén a todos os que saen de Galicia por Valdeorras, como os Alvia de longa distancia a Catalunya ou os de media distancia que comunican con Ponferrada. Os pasaxeiros serán transbordados por estrada entre as estacións de Ourense e Monforte.
Adif está a mellorar toda a liña actual entre Ourense e Lugo tras anos de abandono mentres se debatía sobre unha hipotética nova liña de alta velocidade entre as dúas cidades. Cando finalmente quedou descartada esa posibilidade comezaron a planificarse traballos estimados nuns 550 millóns de euros que veñen desenvolvéndose desde hai un ano e que aínda se prolongarán durante todo o próximo ano.
Inicialmente Adif anunciara uns cortes totais da liña polas obras de tres meses entre Lugo e Monforte e outros tres meses entre Monforte e Ourense, pero posteriormente foi ampliando as súas previsións e finalmente, sumando os cortes nos dous subtreitos, Lugo estará máis dun ano -non consecutivo- sen conexión ferroviaria con Ourense, sen contar outros cortes nocturnos por traballos nese horario que tamén afectaron e afectan á conexión en determinados trens puntuais.
As obras contribúen á mellora do principal corredor para as mercadorías que entran ou saen de Galicia, a través de Valdeorras
Segundo o comunicado co que Adif anuncia o novo corte, estímase que os traballos que agora comezarán e que implican levantar as vías entre Monforte e Ourense “conclúan en xullo de 2023”. Mentres, ademais dos trens de media distancia entre Lugo e Ourense ou os Alvia entre Lugo e Madrid (que tamén pasan por Ourense), tamén se verán afectados polos cortes e os transbordos en autobús os trens Alvia Galicia-Catalunya (que ao longo do seu recorrido conectan tamén con León, Palencia, Burgos, Vitoria, Pamplona, Zaragoza, Lleida ou Tarragona) e os trens de media distancia entre Ourense e Ponferrada.
As obras neste segundo treito terán ademais unha maior afectación aos trens de mercadorías que no primeiro treito, xa que o corredor entre Ourense e Ponferrada é especialmente empregado polos trens de carga, o que fixo que fose incluído no denominado Corredor Atlántico de mercadorías ferroviarias no marco do que Adif está a acometer parte das melloras agora en marcha.