A positividade media semanal das probas PCR para detectar a COVID-19 en Galicia (o dato medio diario das que deron positivo nos últimos sete días) leva dende finais de outubro transitando por unha prolongada meseta na contorna do 8%, uns tres puntos por riba do limiar que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa como referencia para dar por controlada a pandemia nun territorio. Non se dispara, pero tampouco á baixado. Esa estabilidade comeza a moverse, pero non semella que para regresar aos niveis de control de finais de setembro, senón para subir.
Tras dúas semanas na contorna do 8%, a positividade media das probas PCR en Galicia abandona esa 'meseta' en sentido ascendente e sitúase no 8,25%, o dato máis alto da segunda vaga, polo freo no descenso nas áreas de Ourense e Santiago
Nos últimos días, a mellora relativa da situación en dúas das áreas sanitarias que máis empeoraran nas semanas previas, Ourense e Santiago -e en menor medida, Ferrol- permitiu que o dato galego non empeorase mentres si o facían varias áreas como Pontevedra, A Coruña ou Lugo. Pero os descensos na positividade media en Ourense e Santiago (que seguen sendo as máis próximas ao 5%) apuntan ao freo, o mesmo que o de Ferrol. O único descenso relevante da positividade é puntual (un só día) e dáse en Vigo mentres Pontevedra, A Coruña e Lugo seguen á alza e contribúen a situar o dato galego no 8,25% de positividade media diaria na última semana, o máis alto da segunda vaga da pandemia.
A positividade empeora e faino nun contexto no que a cifra de probas PCR realizadas segue en niveis alto, pero lonxe dos máximos da pasada semana. Entre as seis da tarde do mércores 4 e a mesma hora do xoves, día 5, foron procesadas 7.865, moitas máis que nos días con máis test da primeira vaga (con apenas 4.000), pero aínda lonxe dos días da pasada semana que chegaron ata as 10.000. As taxas de positividade si están, non obstante, aínda moi lonxe dos máximos da primeira vaga, con varios días por riba do 25%.
Outro día na contorna dos 700 casos novos
O Sergas suma 685 novos diagnósticos mediante PCR e un total de 722 novos casos. A incidencia acumulada a dúas semanas sitúase nos 340 e é a maior dende o comezo da pandemia
As PCR da última xornada confirmaron 685 novos diagnósticos do coronavirus en Galicia. Unidos aos positivos rexistrados mediante outros test -que o Sergas non especifica- fai que os novos casos computados polo Sergas aumenten en 722 e que o total acumulado de persoas que deron positivo nalgún test en Galicia dende o comezo da pandemia cruce o limiar das 40.000. Estas cifras contribúen tamén a incrementar a incidencia acumulada -casos novos por cada 100.000 habitantes- a 14 días. O dato galego xa rolda os 340 -máximo dende o inicio- e só na área de Ourense a tendencia segue sendo nidiamente descendente.
Ata tres áreas sanitarias incorporan máis dun cento de casos novos nas devanditas vinte e catro horas. Encabézaas Vigo, con 170, e séguea a área da Coruña-Cee cunha cantidade moi semellante. É salientable tamén que a área de Lugo supere os cen casos en vinte e catro horas e a área de Pontevedra fica por riba dos 90. Mentres, Ourense e Ferrol tamén moderan os seus crecementos neste indicador.
Nove mortes máis e 10.000 "activos" por primeira vez
Cinco das novas mortes son de persoas que viviran en residencias de maiores, tres das cales faleceron nos propios centros
No pórtico do novo paquete de restricións da Xunta, o máis severo para o conxunto do país dende a fin do confinamento, o Sergas incorpora ao rexistro oficial outras nove mortes de persoas que foran diagnosticadas da COVID-19. Cinco delas viviran en residencias de maiores e tres morreron nos propios centros de maiores: un home de 99 anos e unha muller de 94 na residencia Nosa Señora dos Milagres (Barbadás) e unha muller de 80 na residencia de Salvaterra. Da residencia Os Milagres de Barbadás procedía tamén unha muller de 89 anos que morreu no hospital de Ourense e da residencia Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia, outra muller de 89 anos que fora trasladada ao Clínico de Santiago, onde faleceu.
No complexo hospitalario compostelán morreu tamén outra muller de 85 anos e no hospital de Ourense, un home de 84. Por último, o Sergas notificou o falecemento dun paciente de 96 anos no complexo hospitalario da Coruña. O total de falecementos ligados á pandemia ascende así ata os 969. [Para non perderse: guía dos peches pola COVID que a Xunta impón ata decembro]
Estes falecementos prodúcense nun día no que veu sendo o indicador de referencia para a Xunta dende o comezo da pandemia, os "positivos activos", supera por primeira vez o limiar das 10.000 persoas. O pico da primeira vaga, segundo a serie histórica corrixida polo propio Sergas -a mesma que mantivo oculta durante sete meses- quedara na contorna das 5.500. Este indicador, non obstante, está intimamente ligado ao número de test que se realizan. O cómputo de persoas que o Sergas dá por "curadas" xa supera, mentres, as 29.000 persoas.
O empeoramento segue batendo nos hospitais
O número de persoas ingresadas nos hospitais galegos con test positivo xa se achega ás 600, pero a carga hospitalaria ligada á pandemia é maior
Como dende o comezo da pandemia, un incremento sostido da positividade e na detección de novos casos bate, con efecto retardado, na presión hospitalaria. O número de persoas ingresadas con test positivo segue crecendo e xa che achega ás 600. Son, concretamente, 593 (+16) e delas 85 están en unidades de coidados intensivos (+6) mentres que as outras 508 (+10) seguen ingresadas en unidades de hospitalización ordinaria.
Cómpre ter en conta, non obstante, que estas 593 son as persoas que ingresaron con test positivo da COVID-19 e aínda non deron negativo. No caso de que negativicen e continúen ingresadas porque o seu estado de saúde aínda non permite unha alta, desaparecen da estatística do coronavirus. Esta é a razón pola que a presión hospitalaria ligada á pandemia adoita ser maior da reflectida nesta estatística, pero a diferenza non é pública.
Por áreas sanitarias, dato global máis elevado de persoas hospitalizadas con test positivo do coronavirus segue rexistrándose na da Coruña-Cee, con 145 pacientes (21 na UCI), pero en termos relativos continúa a estar máis presionada a área de Ourense, con 107 persoas ingresadas con test positivo das que 16 están na UCI nunha área condicionada, ademais, pola maior idade media da poboación. De momento, aínda que en liña ascendente como nas demais áreas, o menor número de persoas hospitalizadas e consideradas casos activos do coronavirus segue estando en Lugo, con 53 ingresos, 5 na UCI.