A concesionaria da autoestrada demandou á aseguradora dun vehículo sinistrado 5.000 euros máis do que lle correspondía pola reparación da vía
En setembro de 2022 un vehículo envorcou na AP-9 e Audasa, a súa concesionaria, reclamou á aseguradora polos danos provocados á calzada, na que houbo que repoñer o asfalto. Pero pretendía recibir 5.000 euros máis do que lle correspondía porque valoraba o asfalto danado no accidente como se fose máis novo do que realmente era, cuestión que agora vén de ser denegada por un xulgado de Vigo, que censura que malia que a concesionaria tiña na súa man acreditar a data da última renovación do asfalto na zona, non o fixo.
A sentenza agora feita pública sinala que tras o accidente e a reparación da calzada a aseguradora do vehículo sinistrado pagou extraxudicialmente a Audasa 11.800 euros. Porén, a concesionaria alegou ante a xustiza que a valoración total dos danos era de 17.100 euros. Nesa contía, que incluía outros gastos, o custe concreto da reposición do firme sería para Audasa de 14.700, segundo a factura da empresa construtora contratada para a reparación. Porén, a aseguradora do vehículo sinistrado rebaixou esa valoración un 36%, a 9.400 euros, "por considerar unha antigüidade media da vía de 9 anos e unha vida útil estimada de 25 anos".
A xuíza censura que malia que a concesionaria tiña na súa man acreditar a data da última renovación do asfalto na zona do accidente, non o fixo
A xuíza, tras analizar os argumentos de Audasa e unha peritaxe encargada pola aseguradora, dá a razón á segunda xa que "ha de terse en conta que [a calzada] é un elemento degradable por diversos axentes (densidade e tipo de tráfico, climatoloxía...) e suxeito a un necesario mantemento", polo que considera "adecuado aplicar unha redución porcentual ao custe de reparación, se con esta se melloran as prestacións e vida útil do firme que existía nese punto a data do sinistro".
No proceso xudicial Audasa tentou reducir a antigüidade do asfalto asegurando que nesa zona realizara obras en outubro de 2019, só tres anos antes do accidente. Porén, a xuíza considera máis crible ao perito da aseguradora que corrixiu a Audasa sinalando que as obras de 2019 realizáranse a 200 metros do lugar do accidente e que a reparación deste afectaría a unha lonxitude duns 56 metros, "de modo que a reparación reclamada non se fixo sobre o pavimento renovado no ano 2019".
Para a xuíza, "estes datos desmenten a antigüidade do pavimento do treito en cuestión" que argumentaba Audasa, á que censura que "en canto concesionaria da vía, conta con dispoñibilidade plena de medios para acreditar tanto a antigüidade da vía, como a data da última renovación realizada nese punto concreto, de producirse".
Porén, Audasa "tampouco realizou unha estimación de vida útil que contradiga a efectuada polo perito da demandada, nin puxo de manifesto factores concretos desta vía que melloren esa previsión". Así que conclúe que "a depreciación aplicada pola demandada é razoable e axustada á natureza degradable do elemento danado, e ao estado da vía á data do accidente".