Aumenta o uso do coche para ir ao traballo en Galicia, pero baixa nas zonas urbanas

Medio de transporte empregado para ir ao traballo segundo o tamaño do concello sobre unha imaxe dun atasco © Montaxe: Praza.gal

Case 7 de cada 10 persoas (o 69,5%) adoitan empregar vehículos privados (coche ou moto) para acudir ao seu posto de traballo. Son case tres puntos máis que no ano 2015 (66,9%), pero o aumento localízase nos concellos de menor tamaño, mentres que en cidades e grandes vilas descende o uso do coche

Esta semana, do 16 ao 22 de setembro, celébrase a Semana Europea da Mobilidade. Dende hai anos ponse no foco a conveniencia de optar por medios de transporte máis sustentables, nunha aposta pola mobilidade sostible -transporte público, a pé, bicicleta, VMP...- para a realización dos desprazamentos habituais. Con todo, estes obxectivos chocan en Galicia con dous obstáculos fundamentais: a dispersión da poboación e as eivas nos sistema de transporte público, que obrigan sobre todo nas zonas rurais a seguir a empregar o vehículo privado, sen alternativa posible polo momento.

As estatísticas de mobilidade confirman esta situación e amosan unha diferenza crecente entre os hábitos das persoas que viven nas cidades e grandes vilas e as que habitan en concellos de menor tamaño, moitas veces rurais e de hábitats dispersos. 

O IGE publicou esta semana o módulo de mobilidade da Enquisa Estrutural a Fogares, con datos correspondente ao ano 2025 que actualizan os anteriores, de 2015, e que permiten establecer unha evolución nos hábitos da poboación. 

Aumenta a porcentaxe de persoas que acuden ao posto de traballo empregando o transporte público -do 5% ao 7,1% no conxunto de Galicia- e especialmente nas cidades -do 9,5% ao 13,7%-

Case 7 de cada 10 persoas (o 69,5%) adoitan empregar vehículos privados (coche ou moto) para acudir ao seu posto de traballo. Son case tres puntos máis que no ano 2015 (66,9%), pero con diferenzas entre as sete cidades e grandes vilas, nas que o uso do coche descende lixeiramente (do 58,1% ao 57,8% e do 76,7% ao 75,8%), e os concellos de menor tamaño, onde o uso do coche aumenta de forma clara: do 69,9% ao 78,8%.

Aumenta a porcentaxe de persoas que acuden ao posto de traballo empregando o transporte público -do 5% ao 7,1% no conxunto de Galicia- e especialmente nas cidades -do 9,5% ao 13,7%-. En cambio, descende de forma clara a proporción de persoas que vai andando ou en bicicleta ao traballo, do 25,9% ao 19,8%. Aumenta o uso de outros medios de transporte (por exemplo os vehículos de mobilidade persoal), do 2,2% ao 3,7%, especialmente nas cidade.

Os homes utilizan moito máis o transporte privado (74,5%) que as mulleres (64,5%), pero este medra máis nelas

Hai tamén importantes diferenzas por sexo e por grupo de idade. Os homes utilizan moito máis o transporte privado (74,5%) que as mulleres (64,5%), pero este medra máis nelas. En cambio, as mulleres usan máis o transporte público que os homes e tamén van máis a pé ou en bicicleta ao traballo.

De igual xeito, as persoas de 30 a 44 anos son as que máis empregan o coche para ir ao traballo (72,7%) e as persoas máis novas as que menos (64,3%). Porén, o uso do coche só medra entre os maiores de 45 anos (do 61% ao 68,7%), mentres que descende nos menores desta idade.

O uso do coche só medra entre os maiores de 45 anos (do 61% ao 68,7%), mentres que descende nos menores desta idade

Todos os grupos de idade van menos a pé ao traballo, sobre todo os maiores de 45 anos. En cambio, o uso do transporte público medra en todas os grupos de idade, especialmente entre os menores de 30 anos, entre os que pasa do 6,7% ao 10,3%.

A Coruña é a cidade que menos usa o coche para ir traballar (50,7%), unha porcentaxe que mesmo descende dende o 2015. Aparecen despois Santiago (59,9%) e Vigo (60,6%), tamén en descenso nos últimos dez anos

O uso do coche para ir ao traballo varía moito entre unhas e outras zonas de Galicia. A estatística do IGE amosa que este é moito máis reducido nas zonas urbanas, pero tamén entre unhas e outras cidades hai diferenzas e tamén variacións distintas na última década. A Coruña é a cidade que menos usa o coche para ir traballar (50,7%), unha porcentaxe que mesmo descende dende o 2015. Aparecen despois Santiago (59,9%) e Vigo (60,6%), tamén en descenso nos últimos dez anos. 

En cambio, en Ferrol (67,4%), Pontevedra (67,2%), Lugo (66,6%) e Ourense (64%) úsase máis o coche para ir ao posto de traballo, con aumentos dende o 2015 nestas tres últimas. 

O coche é empregado maioritariamente para realizar compras por galegos e galegas (58,9%, catro puntos máis que en 2015), fronte a un 27,8% que vai a pé en desprazamentos de máis de dez minutos. O uso do coche é moito maior nos concellos pequenos que nas cidades

O coche é empregado maioritariamente para realizar compras por galegos e galegas (58,94%, catro puntos máis que en 2015), fronte a un 27,75% que vai a pé en desprazamentos de máis de dez minutos, dous puntos máis que hai dez anos. O uso do coche é moito maior nos concellos pequenos (78,91%) e descende ata o 34,68% nas cidades.

O mesmo sucede coas actividades de ocio, maioritariamente realizadas en coche (56,5%, dous puntos máis que hai dez anos), pero con amplas diferenzas entre as cidades (32,1%) e os concellos de menos de dez mil habitantes (45,3%).

Na Coruña (62,5%), Lugo (55,8%) e Pontevedra (54,4%) a maior parte das compras realízanse camiñando 10 ou máis minutos

As diferenzas aumentan no medio de transporte empregado para facer compras ou para realizar actividades de ocio. Na Coruña (62,5%), Lugo (55,8%) e Pontevedra (54,4%) a maior parte das compras realízanse camiñando 10 ou máis minutos ou en bicicleta. En cambio, en Ferrol, Santiago ou Vigo aumenta a porcentaxe de persoas que emprega o coche habitualmente para facer as súas compras, con porcentaxes que roldan o 40%.

O mesmo pasa coas actividades de ocio, realizadas maioritariamente a pé na Coruña con desprazamentos curtos (57,9%), o mesmo que en Lugo (54,8%) ou Pontevedra (49,9%). En Ferrol ou Vigo, en cambio, aumenta o uso do coche para o ocio.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.