Bombeiros do lume galego á lama de València: "Estamos rebentados, pero reconforta o agradecemento"

Bombeiros da Brif Laza, despexando rúas afectadas polas riadas en Alfafar (València) © Miteco

Un bombeiro forestal da Brif de Laza comparte a súa experiencia intervindo en localidades afectadas polas riadas. Vén de chegar de retirar lama nun centro de ensino no que tras dous días de traballo, "acabamos vendo o chan"

Pablo soa moi canso ao outro lado do teléfono. Falta pouco para as nove da noite e hai algo máis de doce horas que principiou a xornada. Agora, previo paso pola ducha para desfacerse da lama que lle quedaba polo corpo, fai oco con amabilidade á conversa con Praza.gal: "Chegamos rebentados, pero a xente quedaba satisfeita", resume acabado de chegar de retirar lama do interior dun centro de ensino no que, tras dous días de traballo, "acabamos vendo o chan".

El é parte da vintena de bombeiros forestais da Brigada de Reforzo de Incendios Forestais (Brif) con sede en Laza "activados" o pasado 1 de novembro para, dous días despois, partir voluntariamente á Comunitat Valenciana. Alí incorporáronse aos traballos de desentullo e limpeza nalgúns dos concellos máis afectados polas riadas.

Bombeiros da Brif Laza, retirando lodo dun centro de ensino en Benetuser (Valencia) © Miteco

Dada a súa experiencia no monte, inicialmente prevían destinalos a despexar leitos de ríos ou algunhas infraestruturas. Pero non tardaron moito en enviárenos a labores aínda "máis urxentes". Dende "abrir camiños onde hai filas enormes de coches acumulados uns por riba dos outros" para permitir o paso dos servizos de emerxencia ata intervir en "baixos comerciais onde se está acumulando todo ese lodo" que, co paso dos días, máis ben semella "cemento".

O equipo galego estaba inicialmente destinado a despexar infraestruturas ou leitos de río, pero encomendáronlle labores "máis urxentes" como "abrir camiños onde hai filas enormes de coches acumulados"

O equipo chegado dende Galicia ten traxectoria non só na loita contra os incendios forestais. As Brif, dependentes do Ministerio para a Transición Ecolóxica, xa foron enviadas nos últimos anos a outras catástrofes e "imos tendo experiencia". "Moitos de nós estivemos no caso de Filomena en Madrid", algún outro en La Palma tras a erupción do volcán e mesmo en misións internacionais en Bolivia ou Chile. 

Ese labor previo, explica Pablo, sérvelles sobre todo á hora de "traballar como equipo", pero o sucedido en València "é distinto". "Pódeste facer idea na televisión" ou a través dalgúns vídeos que, como tanta xente, puideron ver antes de chegaren. "Pero aquí decátaste da magnitude da traxedia" malia "ver só unha parte". Por exemplo, ilustra, cando "entras nun local, baléiralo" de lodo e refugallos empurrados pola riada e ao rematar, os propietarios "dinche: esta moto ou este coche non son nosos", senón que chegaron empurrados polas augas.

Bombeiros da Brif Laza, intervindo en localidades valencianas afectadas polas riadas xunto a veciñanza da contorna CC BY-NC-SA Praza.gal | Imaxes: ATBRIF

Vehículos arrastrados pola forza da riada dende moitos centos de metros ata o interior do que eran tendas ou garaxes. Electrodomésticos en entresollados que ficaron absolutamente inservibles porque as augas chegaron ata a súa altura. E, sobre todo, "xente que perdeu moitas cousas", humanas e materiais, pero que "malia todo, está moi agradecida e ofrecen todo o que necesitemos".

"Aquí decátaste da magnitude da traxedia" ao comprobar, exemplifica, como tras baleirar un local "dinche: este coche non é noso", chegou ao interior arrastrado polas augas. "A xente perdeu moito e malia todo está moi agradecida"

A resposta da veciñanza á que axudan resulta especialmente "reconfortante" para este membro da Brif de Laza. As misións que lles encomendan son "case todas, importantes" e implican traballo "duro". Pero "o máis satisfactorio é axudar a veciños dunha rúa no seu garaxe, no seu local, no seu baixo..." e o seu agradecemento. Tamén, especifica, o traballo man con man co voluntariado chegado dende moitos puntos do Estado a unhas localidades nas que "queda moitísimo por facer".

A magnitude do acontecido fai que os plans de despregadura das Brif, igual que doutros moitos bombeiros chegados de Galicia -a través de varios concellos e consorcios provinciais- e doutros moitos lugares, fosen ampliándose. "Viñemos para cinco ou seis días, pero ao pouco de chegar xa foi cambiando a cousa". Polo momento, está previsto que continúen traballando en València ata o día 18 sen desbotar que, tras uns días de descanso, regresen.

Bombeiros da Brif Laza, retirando lama dun instituto de Benetuser cos materiais que habitualmente empregan nos incendios forestais © Miteco

"A xente vai notando o cansazo, pero seguimos con ánimos", explica ao ser preguntado polo impacto que ten nos bombeiros da Brif de Laza a intervención na traxedia vivida pola Comunitat Valenciana. "Se cadra, a posteriori", admite, serán máis conscientes do alí vivido. Polo momento, toca repoñer forzas e agardar instrucións para unha nova xornada de traballo coa que contribuíren ao retorno da veciñanza a unha "certa normalidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.