Casos non comunicados nin investigados e acusación de parcialidade á Fiscalía: a reticencia da Igrexa galega ante os abusos

Cruceiros nunha vila galega CC-BY-SA Xunta de Galicia

El País revela un documento interno da Conferencia Episcopal con detalles dos casos de abuso analizados pola Igrexa, que non sempre coinciden cos datos que transmitiu ao Defensor del Pueblo

O diario El País revelou este martes un documento cos detalles que estarían por tras do informe sobre abusos a menores na Igrexa feito público o pasado 21 de decembro pola Conferencia Episcopal Española. Se o informe público sinalaba a existencia de 806 casos, o documento agora revelado polo diario permite comprobar que só unha pequena parte son considerados pola Igrexa como cribles e que non sempre a información eclesiástica coincide coa que se facilitou ao Defensor del Pueblo para o informe que esta institución fixo público dous meses antes, con casos incluídos nun rexistro e non no outro.

Plenario de marzo da Conferencia Episcopal Española © CEE

O informe do Defensor del Pueblo, que localizaba abusos sexuais na Igrexa por toda Galicia, identificaba 15 casos concretos, pero a Conferencia Episcopal rexistra máis, 21, e o documento agora desvelado por El País sinala que só 3 se poden considerar probados, evidenciando diversas reticencias da Igrexa en moitos dos casos analizados. 

O documento "non computa" casos con condenas firmes rexistrados en ordes ou asociacións relixiosas 

Un dos casos de reticencias máis significativas reveladas polo documento agora publicado por El País é o dun párroco de Ourense condenado dúas veces en firme pola xustiza por dous casos distintos de abusos. O documento do diario sinala como nos dous casos o Bispado de Ourense considerou que houbo "unha actuación do Fiscal responsable da acusación pública na causa que se reputa reprobable por suposta falta de obxectividade e imparcialidade por causa da condición sacerdotal do imputado". Nos dous casos o bispado considerou que tras as denuncias había "móbil económico", pero a Xustiza ordinaria acabou considerando probados os feitos.

Noutro caso, na Diocese de Lugo, no que tamén foi condenado en firme pola Xustiza un franciscano, o documento reflicte como na investigación interna da Igrexa "faise constar a veracidade dos feitos e as dúbidas sobre se os actos foron consentidos", engadindo que "se alude ao coñecemento notorio de certos comportamentos da vítima", que non se detallan.

Páxinas do informe desvelado por El País nas que se recollen reticencias do Bispado de Ourense ante un caso que acabou condenado en firme pola xustiza CC-BY-SA Praza Pública

O caso do franciscano, por exemplo, aparece no documento agora revelado por El País como un dos que "non computa" por considerarse que afecta a unha orde ou congregación relixiosa e non a unha diocese. É o caso, non nomeado expresamente pero facilmente identificable, dos abusos cometidos no marco da seita dos Miguelianos de Oia. Aquel caso rematou cunha condena penal pero o informe clasifícao como "non computa – excluído do ámbito subxectivo da auditoría" porque a entidade era unha asociación de fieis, aínda que a Igrexa se apoiara nela durante anos para todo tipo de actividades.

A gran maioría dos 21 casos localizados en Galicia nese informe interno son cualificados como "non computa" ou "non probado" malia que en moitos casos as dioceses atenderon ás vítimas tratándoas como tales. Noutros casos, xeralmente máis antigos, o informe revela que a Igrexa non fixo ningún tipo de investigación interna.

O informe do Defensor del Pueblo presentado en outubro identificou 42 lugares en Galicia nos que se rexistrou polo menos un caso

Por outra banda, tanto o informe público da Conferencia Episcopal como o interno agora revelado por El País inclúen moitos menos casos que os que recolleu o Defensor del Pueblo no seu informe publicado en outubro. Nel identificábanse 42 lugares en Galicia nos que se rexistrou polo menos un caso. "O que ocorreu foi posible polo silencio", dixo daquela o defensor, Ángel Gabilondo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.