En agosto de 2024 remataba o prazo para que se traspuxese en España unha directiva europea sobre duracións mínimas e remuneración de permisos parentais. O Goberno de España non o fixo ata xullo de 2025, cando ampliou o tempo deses permisos pero os regulou de xeito que non toda esa ampliación fose retribuída. Agora varios tribunais galegos están a emitir sentenzas que obrigan a remunerar de xeito retroactivo permisos desfrutados entre eses dous momentos que foran outorgados como non remunerados.
Tribunais galegos están a recoñecer como retribuídos permisos parentais desfrutados entre agosto de 2024, cando rematou o prazo dado pola UE para amplialos, e xullo de 2025, cando foron regulados como non retribuídos
A directiva europea estableceu un permiso parental de ata catro meses a desfrutar antes de que o fillo ou filla teña oito anos, con cando menos dous deses meses remunerados. O Goberno do Estado non traspuxo esa directiva ata xullo de 2025, un ano máis tarde do que debía, e o que fixo foi considerar que parte das novas esixencias europeas xa estaban contempladas no permiso remunerado por nacemento previamente existente en España. Un xeito de calcular o permiso que na práctica restrinxiu a remuneración das novas semanas de permiso parental.
Como a trasposición da normativa chegou tarde, un ano despois do que debía, o Goberno de España aprobouna con efectos retroactivos para os nacementos desde agosto de 2024, límite fixado pola UE. Pero quen xa desfrutara dun permiso durante ese ano, entre agosto de 2024 e xullo de 2025, ao amparo da directiva xeral comunitaria, está agora a ver recoñecido pola xustiza o seu carácter remunerado, xa que esa era a interpretación da normativa europea antes do novo sistema de cálculo aprobado polo Goberno de España.
En Galicia son varios os tribunais que veñen emitindo sentenzas nos últimos meses recoñecendo agora a remuneración de permisos parentais desfrutados durante ese tempo. É o caso dunha sentenza agora feita pública, dun xulgado de Ferrol, que dá a razón a unha funcionaria da Xunta que desfrutou do permiso parental sen remuneración a comezos de 2025, antes da trasposición da normativa por parte do Goberno de España.
En xuño dese ano, coa normativa aínda sen traspoñer, solicitou á Xunta a súa remuneración e non lle contestaron. Recorreu ante a xustiza e foi nese momento, en xaneiro deste ano, xa coa normativa trasposta, cando lle contestaron denegando a remuneración.
Para a xustiza non recoñecer a remuneración dos permisos desfrutados durante o ano no que non estivo trasposta a normativa europea "suporía unha vulneración do Dereito da Unión e unha privación da efectividade da Directiva"
Pero agora a xustiza dálle a razón. O xulgado lembra que a directiva europea era de efecto directo se non había trasposición da mesma, e que no momento en que a muller solicitou o permiso "non estaba trasposta a directiva, nin polo Estado, nin pola Comunidade Autónoma". E conclúe que "non pode a Administración autonómica, da que depende directamente a demandante, nunha relación xerárquica, ampararse na súa inactividade ou na inactividade do Estado español, xa sancionado por esta conduta, privando do carácter retribuído de dous meses/oito semanas desfrutadas pola demandante". Por iso conclúe condenando á Xunta a pagarlle por ese tempo de permiso.
Na mesma liña pronunciáronse hai uns meses outros xulgados da Coruña ou Pontevedra. Nun dos casos, no que outra funcionaria recorría contra a decisión da Xunta de outorgarlle en maio do pasado ano o permiso de xeito non retribuído, a sentenza sinala que nesa data "non se adaptara a normativa española nin se regulara a retribución ou prestación do permiso" nin "tampouco se incluíra dito tempo como formando parte doutro permiso específico por decisión expresa do lexislador español", como e fixo un par de meses despois. Por iso, di esa sentenza, "se o lexislador español non concretou que o permiso parental de oito semanas era non retribuído, tampouco cabe formular unha interpretación extensiva" para considerar que os outros permisos xa incluían o novo esixido pola UE.
Outra das sentenzas reflicte como a Xunta non contestou a varios escritos de petición do permiso por parte doutra traballadora pública primeiro como remunerado e despois mesmo como non remunerado. Nesa sentencia, novamente referida a un permiso desfrutado no ano que pasou entre que a directiva europea entrou en vigor e o Estado a traspuxo restrinxindo a remuneración, a xustiza coincide en que non recoñecer a remuneración "suporía unha vulneración do Dereito da Unión e unha privación da efectividade da Directiva".