A Audiencia da Coruña di que o 7 de xaneiro de 2021 "o risco de formación de placas de xeo era evitable se se extremase a dilixencia na aplicación das substancias fundentes" pero que a actuación da concesionaria da Xunta "non foi suficiente nin eficaz"
O 7 de xaneiro de 2021, no medio de varias xornadas de intenso frío que mesmo deixaron a morte dunha persoa sen fogar en Vigo, placas de xeo provocaron ducias de accidentes de tráfico por toda a Costa da Morte. Eses sinistros producíronse tamén na autovía AG-55 que articula a comarca e cuxa circulación en condicións de seguridade debera garantir a empresa á que a Xunta entregou en concesión a construción e mantemento da infraestrutura.
Pero non foi así cando menos na saída do punto quilométrico 45 en A Agualada, Coristanco. Alí producíronse varios accidentes, entre eles o dun camión polo que agora vén de ser condenada a concesionaria a pagar máis de 22.000 euros.
A sentenza da Audiencia Provincial da Coruña agora feita pública e que condena á concesionaria ratifica outra previa dun xulgado de primeira instancia de Carballo. Segundo o relato dos feitos, o camión articulado, propiedade dunha empresa de madeiras, accidentouse tras pasar sobre unha placa de xeo existente na saída do punto quilométrico 45, na que "se produciron varios sinistros".
A concesionaria esgrimiu que o risco de xeo non era previsible porque non existía alerta meteorolóxica o día do accidente e que a pesar diso aplicara tratamentos preventivos. Pero a Audiencia da Coruña ratifica a súa condena e desmonta os seus argumentos: "Non cremos sostible a imprevisibilidade do fenómeno causante do sinistro. Así, a propia demandada recoñece ter adoptado medidas para previlo, como, por exemplo, a aplicación de salmoira o 6 de xaneiro ás 17.57 horas e o 7 de xaneiro ás 8.46 horas, e a sinalización do perigo de xeo a través dos paneis de mensaxe da vía, signos inequívocos de que o risco era previsible", di a sentenza, para engadir que en todo caso "a aplicación do fundente non se reiterou en toda a madrugada, a pesar de que as temperaturas permaneceron baixo cero durante boa parte dela".
"Se o risco era previsible e evitable, e se a actuación da concesionaria non logrou evitar o risco, non é posible considerar que a demandada cumprise plenamente coa obriga de manter en perfectas condicións de circulación a vía", di a sentenza
A sentenza tamén di que "o risco de formación de placas de xeo era evitable se se extremase a dilixencia na aplicación das substancias fundentes", e engade que "non foi así, ben porque a frecuencia ou cantidade non foron suficientes, ben por que non se aplicou con esmero no ramal de saída 45". "De aplicarse o fundente en dito ramal coa frecuencia, cantidade e esmero suficientes, o accidente non se materializaría", conclúe o tribunal, para o que "é esta unha conclusión plausible porque nese concreto punto, o ramal de saída 45, se produciron varios sinistros, o que apuntala a idea de que a aplicación do fundente nesa localización non foi suficiente nin eficaz".
"En suma, se o risco era previsible e evitable, e se a actuación da concesionaria non logrou evitar o risco, non é posible considerar que a demandada cumprise plenamente coa obriga de manter en perfectas condicións de circulación a vía", remata a sentenza, que condena á concesionaria a pagar 15.000 euros polos danos materiais do camión e outros 7.000 á empresa madeireira propietaria polo que esta tivo que gastar en contratar servizos de transporte alternativos mentres non tivo o camión reparado.