Casas reitorais que pasen a ser vivendas sociais. É a intención final do convenio asinado este mércores entre o Arcebispado de Santiago, Cáritas e o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) para "identificar, estudar, rehabilitar e poñer en uso inmobles de titularidade eclesiástica susceptibles de converterse en recursos residenciais para persoas e familias en situación de vulnerabilidade".
O Arcebispado de Santiago, Cáritas e o COAG buscan transformar casas reitorais en vivendas sociais e "ofrecer respostas a un dos principais desafíos sociais de Galicia"
Coa vivenda como principal preocupación social, tal e como vén de ratificar o último CIS, e a mobilización e as protestas pola crise habitacional máis activas que nunca tras a chispa que prendeu o desafiuzamento de Maricarmen en Madrid, unha entidade social como Cáritas e a Igrexa pretenden, tal e como explicaron en rolda de prensa, "ofrecer respostas concretas a un dos principais desafíos sociais de Galicia, o acceso a unha vivenda digna". E fano coas prazas sinalando a diferentes administracións pola falta de políticas valentes que resolvan un problema enquistado desde hai anos e cada vez máis grave.
A idea do acordo é crear un "marco estable de cooperación" para "mobilizar patrimonio residencial da Igrexa e poñelo ao servizo de proxectos de vivenda de emerxencia, aloxamento temporal e inclusión social". Así o explicaron tras a sinatura do acordo o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto Fernández, a directora de Cáritas Diocesana de Santiago, Pilar Farjas, e o decanto do COAG, Luciano G. Alfaya.
O primeiro paso do plan é analizar a situación das 800 casas reitorais da arquidiocese e definir as prioridades e posibilidades de que se convertan en vivendas de emerxencia
O primeiro paso é analizar "o potencial" das arredor de 800 casas reitorais no territorio da Arquidiocese de Santiago (gran parte da provincia da Coruña e norte e centro da de Pontevedra), que supoñen o 20% das perto de 4.000 que existen en Galicia, e identificar aquelas que, polas súas características e localización, poidan ser rehabilitadas e destinadas a programas residenciais de carácter social.
"A Igrexa quere poñer os seus recursos ao servizo das persoas e familias que máis o necesitan; trátase dunha forma concreta de responder a necesidades reais e de contribuír a que persoas poidan recuperar estabilidade e dignidade a través dun fogar", dixo no acto o arcebispo.
"A Igrexa quere poñer os seus recursos ao servizo das persoas e familias que máis o necesitan", di o arcebispo
Pola súa banda, Pilar Farjas destacou que o acordo permite "ampliar recursos e ofrecer novas oportunidades a persoas e familias con dificultades para acceder a unha vivenda". Ademais, Alfaya puxo en valor o feito de que o COAG poida "contribuír" a paliar "un problema da vivenda xeral" participando "desde unha ollada técnica, de coñecemento e de experiencia" e, a maiores, poñendo en valor o patrimonio, recuperando o rural e impulsando "a activación de servizos e de contornas degradadas". "Vai moito máis aló que de recuperar a vivenda", explicou.
A primeira actuación será actualizar o inventario de casas reitoriais realizado pola Xunta e o COAG a principios dos anos 90, analizar os inmobles dispoñibles e as súas posibilidades e definir prioridades de actuación ou posibles fontes de financiamento.
Rede de arquitectos do COAG
Tamén se prevé crear unha rede de arquitectos vinculados ao COAG para o desenvolvemento de estudos previos, asesoramento técnico e proxectos de rehabilitación, ademais de dar apoio para orientar sobre axudas públicas ou eficiencia enerxética.
A iniciativa destas tres entidades, explican, apóiase na "experiencia acumulada" por Cáritas en Santiago na xestión de recursos de aloxamento para persoas. Dispón de 40 vivendas destinadas a fins sociais con 240 prazas en diferentes municipios galegos.