Doentes de COVID persistente protestan polo peche da unidade dedicada á enfermidade en Ourense

Concentración ante o CHUO polo peche da unidade post-COVID © Cedida

Hai unhas semanas pechou as súas portas no Hospital de Ourense a Unidade Multidisciplinar post-COVID. Este xoves persoas que sofren os efectos da doenza concentráronse ás portas do centro hospitalario para protestar contra a decisión adoptada polo Sergas.

Hai unhas semanas pechou as súas portas no Hospital de Ourense (CHUO) a Unidade Multidisciplinar post-COVID que se creara para atender as persoas que sufriron secuelas graves nas primeiras ondas da pandemia e que posteriormente evolucionou para atender os novos casos de Covid Persistente. Este xoves persoas que sofren os efectos da doenza concentráronse ás portas do centro hospitalario para protestar contra a decisión adoptada polo Sergas.

Unhas corenta persoas participaron na protesta, que serviu para acompañar a entrega de 1.780 solicitudes de mantemento da unidade. Na concentración reclamouse ao SERGAS "que non nos abandone" e que se manteña a Unidade Post-Covid "dotándoa do persoal médico necesario".

Hospital de Ourense (CHUO) © Xunta

Os doentes lembraron que xa durante o pasado ano a unidade foi pouco a pouco perdendo actividade e recursos, ata finalmente pechar hai unhas semanas

Os doentes lembraron que xa durante o pasado ano a unidade foi pouco a pouco perdendo actividade e recursos, ata finalmente pechar hai unhas semanas. "Durante o 2024 e 'pola calada' pasou de multidisciplinar a funcional, fallando a coordinación con especialistas, e finalmente en setembro quedou sen as tres doutoras, deixando os doentes 'á espera' e manténdose unicamente coa atención sicolóxica e a enfermería", explicaron nun comunicado.

O colectivo lembra que a covid persistente "é unha enfermedade crónica, multiorgánica e altamente incapacitante que non ten cura e na maioría das persoas afectadas ten unha evolución non favorable e episódica". Sinalan que segundo estimacións da OMS, pode afectar a un 5% das persoas contaxiadas de Covid, o que en Galicia equivalería a 70.000 persoas.

O colectivo destaca que "hai doentes no sistema sanitario que non están diagnosticadas ou que están a ser vistas por especialistas polos seus síntomas sen unha visión integral da enfermidade"

Denuncian que "a día de hoxe" o Sergas "aínda non ten realizado un protocolo de diagnóstico en atención primaria coa posterior derivación ás Unidades Post Covid, polo que o número de persoas atendidas pola Unidade non creceu como si o fixo a enfermidade". Engaden que "precisamente é esta xustificación", a dos poucos doentes rexistrados, a que estes días ofreceu o Sergas. 

O colectivo destaca que "hai persoas doentes no sistema sanitario que non están diagnosticadas ou que están a ser vistas por especialistas polos seus síntomas sen unha visión integral da enfermidade". Afirman que en cada andazo da COVID se rexistran novos contaxios e novos casos de Covid persistente "que non estan a ser atendidas polo sistema".

Na concentración reclamouse ao SERGAS "que non nos abandone" e que se manteña a Unidade Post-Covid "dotándoa do persoal médico necesario"

As e os doentes de Covid Persistente e Síndrome Post Covid esixen "unha atención sanitaria digna, coordinada e especializada nesta enfermidade nova, que se impulse a investigación na búsqueda dunha cura e que non se os abandone". "Que non afonden na agonía que provoca a incerteza de non saber como van evolucionar a medio e longo prazo", engaden.

“Somos homes e mulleres en corpos de anciáns que nos negamos a ser dobres vítimas, da COVID e do SERGAS. Non nos van silenciar e si dende a Xerencia non atenden imos loitar ata o final por un servizo público de calidade, temos dereito a unha atención sanitaria digna”, din.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.