Douscentos novos casos da COVID-19 no primeiro día con máis de 7.000 probas e co foco en Ourense

O incremento de casos da COVID-19 contrasta coa estabilidade ou melloras no resto de Galicia CC-BY-SA Foto: Concello de Ourense | Montaxe: Praza Pública

A relativa estabilidade e mesmo tendencia descendente da pandemia en boa parte de Galicia está a provocar que o empeoramento da situación na área de Ourense en xeral e na capital da provincia en particular siga sen disparar os datos galegos da COVID-19. As cero horas deste 8 de outubro entra en vigor na cidade de Ourense e no concello lindeiro de Barbadás un confinamento perimetral que a Xunta atribúe á necesidade de frear o que define como unha "bomba vírica" e que chega despois de sumar 70 casos novos da COVID-19 do total de 200 da última xornada en toda Galicia.

A relativa estabilidade e mesmo tendencia descendente no resto de Galicia provoca que o empeoramento en Ourense non dispare os datos da COVID-19 para o conxunto do país

Eses douscentos casos novos, exactamente a mesma cifra que o día anterior, son o resultado de calcular a variación a respecto do anterior parte do Servizo Galego de Saúde, que segue sen divulgar ese dato directamente. O comunicado deste 7 de outubro apunta a 4.068 casos "activos" que, xunto coas 247 "curacións" sumadas (para un total de 20.591) dan lugar a eses 200 novos positivos. No cálculo téñense en conta catro novos falecementos, que elevan o total de mortes ligadas á pandemia ata as 769.

Os catro novos falecementos elevan o total a 769

As catro persoas falecidas tiñan idade  avanzada e unha delas, unha muller de 87 anos, vivía na residencia de maiores El Pinar, en Bergondo e estaba ingresada no CHUAC. Outra das falecidas tamén estaba hospitalizada na Coruña e tiña 85 anos. Os dous falecementos restantes correspóndense cunha muller de 87 anos no hospital de Santiago e un home de 88 na Clínica Santa Teresa de Ourense de quen, segundo Sanidade, non constaban "patoloxías previas".

Novo máximo de probas PCR nun día

Alén das cifras de novos casos e da evolución de Ourense, este 7 de outubro destaca tamén un dato que apunta ao incremento da capacidade diagnóstica que xa viña reflectíndose nas últimas semanas. Segundo os datos do Sergas, o total de probas PCR realizadas na última xornada chegou a 523.412. Isto querería dicir que foron procesadas en vinte e catro horas un total de 7.429, máis de sete mil nun día por primeira vez dende o comezo da pandemia. No día con máis probas PCR da primeira vaga, apenas foran procesadas apenas 4.200.

A taxa de positividade de Galicia segue por baixo do limiar que sinala a OMS como límite para o control da epidemia, pero en Ourense a cifra dispárase

Esta cantidade de probas implica que o número de novos casos equivale a apenas o 2,7% dos douscentos novos casos detectados na xornada, lonxe do 5% que a Organización Mundial da Saúde fixa como limiar para dar por controlada a epidemia nun determinado territorio. Este indicador cómpre lelo con cautela, xa que a Xunta segue sen informar de cantos casos foron detectados mediante PCR e cantos, a través doutras probas. 

Así e todo, a información máis recente do Ministerio de Sanidade (fornecida ao Estado pola Xunta, que non a fai pública), datada no pasado 3 de outubro, sitúa a taxa de positividade das probas PCR realizadas en Galicia no 4,5%. Tamén, daquela, por baixo do limiar que para a OMS implica ter a pandemia baixo control. Este dato global para Galicia contrasta co de Ourense que, segundo indicou o presidente da Xunta este mércores no Parlamento, chega ao 18%.

Esta estabilidade e mesmo tendencia descendente no resto de Galicia, alén Ourense, tradúcese tamén nas cifras de hospitalización. Os datos deste 7 de outubro indican que 219 persoas están ingresadas en Galicia con test positivo do coronavirus. Son 15 menos que a xornada anterior e delas, 34 están na UCI (unha menos). Esta baixada da hospitalización non implica que non houbese novas hospitalizacións a causa da COVID-19, senón que as altas (ou os casos de pacientes ingresados que pasan a dar negativo) son máis que os novos ingresos. 

Así, por exemplo, o Ministerio de Sanidade indicaba o pasado martes que o luns ingresaran en Galicia 43 persoas a causa do coronavirus. A Xunta tampouco divulga directamente esta información que si transmite ao Estado, como fixa a normativa vixente.

Ascensos de "activos" nas áreas de Ourense e Santiago

Malia ao anuncio da Xunta de trasladar aos concellos dúas veces por semana senllos mapas de incidencia acumulada do coronavirus a 7 e 14 días con información ata o nivel municipal, cando menos de momento, os partes de Sanidade séguense expresando en termos de "positivos activos", mantén a negativa aos datos abertos e chega só ata o nivel da área sanitaria cos seus indicadores. 

Partindo desta limitación, as únicas áreas sanitarias nas que aumentan os "positivos activos" -con máis casos novos que a suma de altas e falecementos- son a de Ourense (+39, con 70 casos novos, segundo puido confirmar La Región na área sanitaria) e tamén a de Santiago, con 17 máis. No resto das áreas, os novos casos son menos que as altas e por iso descenden os casos "activos".

A incidencia deste indicador (casos activos por cada cen mil habitantes) segue destacando na área ourensá por riba de calquera outra, con 367 casos. A seguinte área con máis incidencia, a de Pontevedra-O Salnés, rexistra 215 casos por cada cen mil habitantes e a súa tendencia é descendente. A área con menor incidencia de casos activos é a de Ferrol (60) e o dato galego sitúase nos 152.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.