Expocidades, na procura dun turismo centrado na natureza, o patrimonio e a gastronomía para Galicia e o norte de Portugal

Inauguración da edición 2023 de Expocidades © Eixo Atlántico

Ata o 10 de setembro os visitantes poderán coñecer os lugares de interese das cidades do Eixo Atlántico, así como os seus produtos gastronómicos

30 cidades e vilas de Galicia e do Norte de Portugal participan esta semana en Valongo (na área metropolitana de Porto) en Expocidades, Mostra Turística das Cidades do Eixo Atlántico. A mostra, unha ferramenta de promoción do turismo de proximidade das cidades do Eixo Atlántico, busca promover as cidades no seu medio de mercado inmediato, así como tamén aproveitar para favorecer a relación directa entre produtores turísticos e comercializadores.

A feira de turismo foi inaugurada este mércores pola tarde e permanecerá aberta ata o domingo. No acto de apertura participaron Nuno Fazenda, Secretário de Estado do Turismo, Comércio e Serviços, e Isabel Ferreira, Secretária de Estado de Desenvolvemento Rexional, xunto con Lara Méndez, presidenta do Eixo Atlántico, Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico e José Manuel Ribeiro, alcalde de Valongo. Expoturismo, que chega á súa sétima edición, celébrase anualmente desde 2013 e tan só interrompida polos dous anos de pandemia.

Inauguración da edición 2023 de Expocidades © Eixo Atlántico

Cos 30 expositores que acoden este ano preténdese impulsar un turismo de proximidade alcanzable, de calidade e centrado na saúde, natureza, patrimonio e gastronomía

Ata o 10 de setembro os visitantes poderán coñecer os lugares de interese das cidades do Eixo Atlántico, así como os seus produtos gastronómicos. Cos 30 expositores que acoden este ano preténdese impulsar un turismo de proximidade alcanzable, de calidade e centrado na saúde, natureza, patrimonio e gastronomía.

No ámbito do turismo, un dos motores económicos do Eixo Atlántico, estase a traballar na identificación e desenvolvemento de novos conceptos turísticos tras o éxito do concepto de turismo de fronteira e o seu slogan “2 países, 1 destino”, impulsado polo Eixo Atlántico hai máis dunha década.  En concreto, búscase promover os modelos de turismo de autor, turismo policéntrico e a incorporación transversal dun concepto xa existente pero "insuficientemente implantado", que é o turismo accesible.

No ámbito do turismo, un dos motores económicos do Eixo Atlántico, estase a traballar na identificación e desenvolvemento de novos conceptos turísticos tras o éxito do concepto de turismo de fronteira e o seu slogan “2 países, 1 destino”

Sobre estes conceptos, precisamente, o secretario xeral do Eixo Atlántico manterá a semana próxima unha reunión en Bruxelas coa responsables da área de Turismo da Comisión Europea que mostraron o seu interese nestes conceptos desenvoltos.

Nesta edición Expocidades integrarase tamén coa Feira de Produtos Tradicionais do Eixo Atlántico, un evento que se vén organizando desde hai unha década en diferentes cidades e que conta coa participación de produtores tradicionais e de excelencia de Galicia e Norte de Portugal. Este programa, liderado polo Barco de Valdeorras, forma parte das actuacións do Eixo Atlántico para impulsar o desenvolvemento económico e fixar poboación nos territorios de menor densidade demográfica. Neste caso, promociónanse espazos de comercio para os pequenos produtores e artesáns tradicionais.

Lara Méndez, na inauguración de Expocidades © Concello de Lugo

Lugo en Expocidades

En concreto, búscase promover os modelos de turismo de autor, turismo policéntrico e a incorporación transversal dun concepto xa existente pero "insuficientemente implantado", que é o turismo accesible

A Deputación de Lugo estará presente dende este xoves ata o próximo domingo na feira de turismo do Eixo Atlántico para promover os recursos patrimoniais, culturais, naturais e gastronómicos da provincia. A institución provincial conta cun expositor e leva a cabo diferentes actividades ou propostas xa consolidadas como Coñece a túa Provincia, que favorecen o modelo turístico de calidade, proximidade, experiencia e sostible no que se traballa.

Tamén o Concello de Lugo conta cun stand propio no que se promoverán os tres patrimonios da humanidade, a riqueza natural e paisaxística da cidade, o legado romano ou a súa oferta gastronómica. A alcaldesa de Lugo e presidenta do Eixo Atlántico, Lara Méndez, subliñou que “o noso municipio conxuga todos os ingredientes para estar na primeira liña das redes do turismo de calidade e non masificado”.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.