"Feijóo é un burócrata que non toma ningunha iniciativa política, na relación con Portugal só facía fotos"

Xoán Vázquez Mao, secretario xeral do Eixo Atlántico © Eixo Atlántico

Xoán Vázquez Mao é o secretario xeral do Eixo Atlántico, a entidade que agrupa medio cento de gobernos locais de Galicia e do Norte de Portugal. Ás portas das eleccións xerais do 23 de xullo, Mao advirte de que "o debate non pode seguir sendo Bildu ou Vox" e bota en falta "falar de cousas concretas", entre outras, as "moitas que están en xogo" para os intereses galego-portugueses. E iso, advirte, implica avaliar o feito polo Goberno do PSOE e UP en materias como as conexións ferroviarias, pero tamén "da última década da Xunta", porque "Feijóo é candidato ao Goberno de España" e para "avaliar" o que podería supoñer unha vitoria do PP, "a referencia que temos é o que fixo en Galicia". 

O tren adoita ser a gran reivindicación para a conexión de Galicia e Portugal ante o Goberno de España, tamén o é ante estas eleccións xerais?

"O primeiro é a conexión Ferrol - A Coruña, na que non fixo nada ningún goberno. O segundo gran problema é a conexión de Betanzos a Lugo, que nos conecta coa saída cara a Europa e na que nos venden un by-pass que é como receitar Aspirina para un cancro"

Cando falamos das infraestruturas, pola estrutura de Galicia e da Eurorrexión o plano ferroviario é indivisible. temos que falar dun conxunto que non se pode dividir. A situación aínda está moi mal aínda que se avanzasen algunhas cousas e a parte que peor é a do norte, a da Coruña e Lugo. Na fachada marítima ibérica temos tres portos de augas profundas: Sines, e os portos exteriores da Coruña e Ferrol; inconcibiblemente, non están conectados por tren coa rede nin entre si. Ademais, temos o problema para a xente que vai cada día da Coruña a Ferrol. Por iso o primeiro é a conexión Ferrol - A Coruña, na que non se fixo nada con ningún goberno. E hai un segundo problema, que dende Betanzos cara a Lugo a conexión é fundamental, porque conecta coa saída cara a Europa, ademais de dúas cidades con gran relación, e nesa conexión existe cero, véndennos un by-pass que é como receitar Aspirina para un cancro.

Xoán Vázquez Mao, intervindo na inauguración da capitalidade cultural de Lugo no Eixo Atlántico, que se celebra neste 2023, en presenza de Lara Méndez, alcaldesa da cidade e presidenta do Eixo © Eixo Atlántico

"Está previsto que o Goberno central transfira o tren de proximidade ás autonomías. Galicia necesítao e non coñecemos se a Xunta ten algunha estratexia; non falou con ninguén e iso quere dicir que será moi difícil poñelo en marcha"

A Comisión Europea cada certos anos abre unha xanela para alteracións ou modificacións do Corredor Atlántico Ferroviario. Xa levamos tempo reclamando para que o trazado de Ferrol á Coruña e Monforte entrase no Corredor. Dixéronnos que si, e até agora non se fixo nada. E entre Lugo e Ourense hai dúas variantes, a de Rubián e a dos Peares - Canabal, nas que o estudo de impacto ambiental está nun caixón.  O único no que se avanzou foi na saída sur de Vigo, e na de Vigo - O Porriño acaba de adxudicarse o estudo informativo previo.

Esta é a situación xeral, moi asimétrica. E hai un segundo problema do que non se fala: o ano próximo está previsto que o goberno central transfira o tren de proximidade ás comunidades autónomas. É verdade que Euskadi, Catalunya, Levante ou Madrid teñen un movemento distinto, pero Galicia ten unha necesidade dun tren de proximidade propio con lanzadeiras que comuniquen as nosas cidades. Para mostra, o ben que funciona a liña A Coruña-Vigo aínda que falten frecuencias. E non coñecemos se a Xunta ten algunha estratexia ou planificación, non falou con ninguén, o que quere dicir que vai ser moi difícil poñelo en marcha dende o ano que vén.

Durante bastante tempo, o Eixo Atlántico e vostede mesmo lamentaron a escasa implicación da Xunta, alén das declaracións de intencións, na integración con Portugal. Teme que isto poida reproducirse no Goberno de España se o ex-presidente Feijóo goberna?

Primeiro temos que ver que a Eurorrexión como tal só é mediática e por parte da Xunta non existe. En Galicia é coñecido que hai moitos anos que non temos acción exterior. A última, se me apuran, foi con Fraga. Touriño fixo algunhas viaxes e Feijóo, nada de nada, máis alá de reunións que casualmente coinciden coas eleccións ou precampaña, pero sen contido. Das competencias que poderían exercer en seguridade, en incendios… Non fan nada. Alén disto, Feijóo é un señor que é un burócrata. Eu defínoo como un burócrata simpático, pero non é un político. Non hai máis que ver o seu balance en Galicia. Non crea problemas nin provoca á xente e iso dá votos. Pero, a partir de aí, non toma ningunha iniciativa política e na relación con Portugal, o único que facía eran fotos. E así, un día facía unha declaración de amor a Portugal e ao día seguinte, nomeaba un responsable do Porto de Vigo que apostaba por competir contra Leixões. 

Tren de probas sobre a ponte do Miño xa electrificada na primavera de 2021 © Infraestruturas de Portugal

Veñen de presentar unha ampla axenda para combater o despoboamento na Eurorrexión que apunta a que hai que rachar coa ollada “fatalista” e realizar accións prácticas, dende fomentar o cooperativismo a medidas fiscais. Ata que punto inflúe o resultado das eleccións xerais?

O Goberno actual fixo unha cousa boa, que foi crear a secretaría de Estado para o Reto Demográico e lanzou iniciativas con soporte financeiro e axudas. Isto é moi bo, pero hai un problema que é común a todos os gobernos e que un eventual goberno de Feijóo non creo que resolvería pola súa falta de visión estratéxica; seguiría buscando os votos onde hai máis poboación e desinvestindo onde hai menos xente. E hai un segundo problema: levamos moito tempo tanto en Madrid como en Galicia con gobernos que descoñecen absolutamente a estratexia e o ordenamento do territorio. 

"A infraestruturas non se fan ou fanse con criterios electoralistas. Como mostra, os anos que leva parado o porto seco de Monforte, que é competencia da Xunta e ata hai uns días, competencia dun señor que agora é candidato por Lugo"

En Galicia, o último intento foi no primeiro goberno de Feijóo, co conselleiro Agustín Hernández, que si tiña esa visión estratéxica. E polo tanto, as infraestruturas ou non se fan, ou fanse con criterios electoralistas. Como mostra, os anos que leva parado o porto seco de Monforte, que é competencia da Xunta e ata hai uns días, competencia dun señor que agora é candidato por Lugo. Ese é o primeiro problema e a partir de aí, a falta dunha visión estratéxica da cohesión. Se es electoralista, non podes crer na cohesión nin na innovación. Non nas axudas, que son un complemento puntual. E disto non se fixo nada, máis alá de observatorios demográficos, estudos… O que fan os burócratas.

Vimos de pasar outras eleccións, as municipais, especialmente relevantes para o Eixo. O mapa municipal galego non mudou en exceso en canto á orientación política dos principais concellos, isto garante a continuidade das liñas de traballo do Eixo Atlántico?

Unha das claves de facer un traballo coma o noso, que é a anos vista, é a estabilidade política. E cando falamos de estabilidade política non falamos só das persoas, senón de políticas de alto nivel. E niso temos varias vantaxes: as eleccións en Portugal e en Galicia teñen dous anos de diferenza, así cando mudan os concellos dunha beira, temos a estabilidade dos da outra. Ademais, nós cultivamos o sentido común, o bon senso que chaman os portugueses. E, agás excepcións, o habitual é que a xente que entra no Eixo se sinta cómoda nun ambiente de consenso independentemente do partido político. E iso xera un ambiente de estabilidade moi proactivo, mesmo con moi bo ambiente entre alcaldes e alcaldesas aínda que haxa discrepancias. E os que non se senten cómodos nese ambiente non participan. Como as políticas do Eixo non son políticas locais nin localistas, que son políticas de consenso, ninguén cando chega se sente incómodo e iso dános moita estabilidade. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.