Lugo acolle dende este xoves unha semana de cine que busca visibilizar e reivindicar o traballo creativo das mulleres no audiovisual, centrando a súa ollada nas profesionais galegas e portuguesas. O ciclo Mulleres Atlánticas – Unha mirada en feminino desenvolverase dende o 2 de marzo e ata o domingo 12 no auditorio do Vello Cárcere. Promovido polo Concello e organizado pola Asociación Cultural Valle-Inclán, forma parte da programación da Capital da Cultura do Eixo Atlántico, que acolle o municipio lucense ao longo deste ano.
A semana abrirase este xoves 2 de marzo coa conferencia “XXI, o século das cineastas”, a cargo da ferrolá Chelo Loureiro
A semana abrirase este xoves 2 de marzo coa conferencia “XXI, o século das cineastas”, a cargo da produtora e directora cinematográfica ferrolá, Chelo Loureiro, especializada en cinema de animación. Chelo Loureiro pertence a CIMA (Asociación de mulleres cineastas e de medios audiovisuais), que fomenta a presenza equitativa das mulleres na creación e nos medios audiovisuais, para conseguir unha sociedade máis igualitaria e diversa. Fundou a produtora Abano Producións en 2007 e foi gañadora de tres premios Goya, o último este ano coa obra Unicorn Wars. A conferencia estará presentada por Pilar Martínez Conde, máis coñecida como Pilocha, unha das grandes voces da canción galega.
Nas xornadas seguintes poderán verse filmes realizados por autoras galegas, como A illa das mentiras, de Paula Cons, Tralas luces, de Sandra Sánchez, e Valentina, de Chelo Loureiro; e tamén de directoras portuguesas, como Capitães de abril, de Maria de Medeiros, A vingança de uma muller, de Rita Acevedo Gomes, e A Metamorfose dos Pássaros, de Catarina Vasconcelos. Todas as proxeccións terán lugar ás 20 horas, agás a do venres, 10 de marzo, que será ás 18 horas. O acceso será libre e totalmente de balde, ata completar o aforo do auditorio do Vello Cárcere.
Lara Méndez: “A visión cinematográfica feminina segue a ser minoritaria dentro da industria e, en moitos casos, unha gran descoñecida para o público"
Na presentación da semana, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, subliñou que “a visión cinematográfica feminina segue a ser minoritaria dentro da industria e, en moitos casos, unha gran descoñecida para o público, motivo polo cal, este tipo de iniciativas seguen a ser fundamentais para poñer en valor e dar a coñecer o traballo creativo das mulleres neste ámbito artístico”. Así mesmo, a rexedora engadiu que a organización deste ciclo se enmárcase nas actividades programadas con motivo do Día Internacional da Muller, que se celebrará o vindeiro 8 de marzo.
Programación
- Xoves, 2 de marzo, ás 20.00h: Conferencia: XXI, o século das cineastas, con Chelo Loureiro.
- Luns, 6 de marzo, ás 20.00h: A illa das mentiras, de Paula Cons. (Galicia)
- Martes, 7 de marzo, ás 20.00h: Capitães de abril, de Maria de Medeiros. (Portugal)
- Xoves, 9 de marzo, ás 20.00h: A vingança de uma muller, de Rita Acevedo Gomes. (Portugal)
- Venres, 10 de marzo, ás 18.00h: Valentina, de Chelo Loureiro. (Galicia)
- Sábado 11 de marzo ás 20.00h: A Metamorfose dos Pássaros, de Catarina Vasconcelos. (Portugal)
- Domingo, 12 de marzo, ás 20.00h: Tralas luces, de Sandra Sánchez. (Galicia)
Conciliación no audiovisual, "o reto silenciado pendente”
Pontevedra acolle o debate “Conciliación na produción audiovisual, o reto silenciado pendente”
Ademais, este mesmo martes a Deputación de Pontevedra, desde a Escola de Igualade María Vinyals en colaboración con Agapi (Asociación Galega de Produtoras Independentes), organiza unha mesa de debate dedicada a analizar aspectos relacionados coa conciliación na produción audiovisual da man de voces como Paula Cons, Jaione Camborda, Gael Herrera ou Adriana P. Villanueva. Catro mulleres cineastas, produtoras, directoras e nais, que contarán as súas experiencias como profesionais nun debate moderado por Uxía Caride.
Participan Paula Cons, Jaione Camborda, Gael Herrera ou Adriana P. Villanueva, cineastas e nais
Baixo o título “Conciliación na produción audiovisual, o reto silenciado pendente” abordaranse cuestións coma as dificultades á hora de conciliar a vida laboral e familiar, os retos aos que se enfrontan as mulleres embarazadas á hora de organizar a súa substitución no traballo, o papel da muller no sector audiovisual unha vez que é nai, a multitarefa ou a necesidade de ter que elixir entre os coidados ou asumir unha carga extra de traballo poucas veces recoñecida.
O debate terá lugar no salón de plenos do Pazo Provincial da Deputación de Pontevedra ás 19 horas. O acceso é libre ata completar aforo pero é necesario realizar unha inscrición previa neste enlace.