A Xunta encarga reparacións por 3,5 millóns no taboleiro do viaduto do Barbantiño, que entrou en servizo en 2009, pero demora para unha seguinte fase actuacións tamén necesarias en piares e paramentos
Quen circule sobre o viaduto do Barbantiño, na AG-53 Santiago-Ourense entre Punxín e Amoeiro, con 800 metros de lonxitude e preto de cen metros de alto, aprecia sen ningún esforzo tanto visualmente como polo movemento do vehículo que a súa rasante presenta considerables oscilacións. É un problema vistoso e incómodo para a condución pero non o máis grave que rexistra o viaduto, con fisuras e corrosións que esixen reparacións estruturais apenas década e media despois da súa entrada en servizo, en abril de 2009.
A Xunta vén de encargar obras por 3,5 millóns de euros no taboleiro do viaduto, pero deixa pendentes outras igualmente imprescindibles noutras estruturas para as que unha inspección técnica recomenda "non demorar a súa execución un prazo maior a cinco anos".
O viaduto do Barbantiño vén sendo inspeccionado de xeito periódico desde a súa entrada en servizo en 2009, detectándose fisuras e corrosión tanto no seu taboleiro como nos piares. A Xunta, a través da Sociedade Pública de Investimentos (SPI), encargou a unha consultora de enxeñaría que analizase os problemas detectados e propuxese solucións, e agora vén de sacar a concurso por 3,5 millóns de euros parte das actuacións necesarias.
Os técnicos din que os problemas "afectan á durabilidade estrutural"
Os técnicos detectaron fisuras tanto nos piares como no taboleiro do viaduto, corrosión en elementos metálicos, acumulación de auga no interior do taboleiro e "ausencia de impermeabilización na lousa do taboleiro", o que provoca que as sales empregadas contra en inverno contra o xeo "entren en contacto directo cun formigón cuxo ambiente non é o adecuado, acelerando procesos que poderían afectar directamente á durabilidade dos materiais da estrutura". Un problema similar ao detectado no viaduto afundido en 2022 na A-6 en Pedrafita.
Segundo as conclusións dos técnicos, os problemas do viaduto do Barbantiño "afectan á durabilidade estrutural" e "o atraso na adopción de medidas correctoras que mitiguen os efectos adversos de axentes externos patóxenos e aseguren o seu correcto funcionamento durante a vida útil provocaría que estas patoloxías, co paso do tempo, afectasen á capacidade estrutural da ponte". Canto á rasante ondulante que presenta o viaduto, os técnicos descartan regularizala "mediante a disposición adicional de materiais que puidesen incrementar o peso propio da estrutura".
Nos traballos que agora vai encargar a Xunta actuarase "no interior do taboleiro e a cara superior da lousa superior do viaduto", pero quedan para unha seguinte fase actuacións igualmente necesarias no resto de paramentos exteriores do taboleiro e na subestrutura ou piares do viaduto. Segundo o proxecto agora a executar, as seguintes obras son pospostas "por motivos derivados da planificación da Sociedade Pública de Investimentos de Galicia (SPI)", pero os técnicos inciden xusto a continuación en que "a pesar diso, e en base ás conclusións extraídas dos ensaios realizados sobre a estrutura, recoméndase NON demorar a súa execución un prazo maior a cinco anos".