Nos areais da Coruña, nos que se reuniron preto de 100.000 persoas, recolléronse 22,7 toneladas de refugallo fronte ás 44 do ano pasado
As celebracións do San Xoán, marcadas polas altas temperaturas que se rexistraron en Galicia durante o día e durante a noite, foron ademais máis limpas que outros anos. As praias amenceron con menos residuos que o pasado ano, unha mellora que se notou especialmente nos areais da Coruña, onde se recolleron 22,7 toneladas de refugallos fronte ás 44 do ano pasado, cando o estado no que amenceron as praias foi moi criticado mesmo pola alcaldesa Inés Rey.
Este ano, en cambio, o volume de lixo sen recoller -do que tiveron que encargarse os equipos de limpeza- foi visiblemente inferior, unha diminución do 50%. Para a rexedora, “é un claro síntoma de que a cidadanía cada vez está máis concienciada, e de que se divirte dunha forma cada vez máis responsable. Quero felicitar a todos os que fixeron as cousas ben e demostraron que desfrutar da festa non impide manter unha actitude cívica e responsable”.
Para a alcaldesa Inés Rey, “é un claro síntoma de que a cidadanía cada vez está máis concienciada, e de que se divirte dunha forma cada vez máis responsable"
Ademais, a zona do proxecto piloto na que se reservaron parcelas en Riazor para entidades coa condición de que estas se fixesen responsables de recoller os seus propios residuos resultou “un éxito”, destacou Inés Rey, xa que "estas zonas quedaron substancialmente máis limpas que o resto de lugares dos areais onde se fixeron fogueiras".
Na noite de San Xoán preto de 100.000 persoas reuníronse nos areais da cidade da Coruña e outras tantas fixérono nas distintas celebracións que se organizaron nos barrios. Unha festa masiva que rexistrou un número pequeno de incidencias. O dispositivo preventivo organizado polos servizos sanitarios rexistrou un total de 174 asistencias e 28 traslados hospitalarios.
Os areais de Panxón e Praia América, en Nigrán, que como vén sucedendo nos últimos anos, amenceron "practicamente" sen lixo
Entre as principais tipoloxías asistenciais destacan as queimaduras (56), as feridas e laceracións (32), as intervencións relacionadas co servizo de salvamento e socorrismo (30), as intoxicacións etílicas (25), os accidentes e traumatismos (19) e as limpezas oculares (11). O número total de incidencias mantense en cifras similares ás do ano pasado, cun leve aumento de atencións por queimaduras e un descenso significativo (-25%) das atencións por intoxicación etílica.
Praias limpas en Nigrán
O 112 informou de 194 incidencias na provincia da Coruña, 121 en Pontevedra, 38 en Lugo e 20 en Ourense. A cidade da Coruña foi o concello con máis incidencias (72), seguido de Vigo (27), Lugo (18), Santiago (8) e Ourense (7)
A mellora na Coruña únese á situación doutros areais que tamén son protagonistas nesta noite de San Xoán, coma o de Panxón e Praia América, en Nigrán, que como vén sucedendo nos últimos anos, amenceron "practicamente" sen lixo.
O Concello de Nigrán celebrou "un ano máis o éxito da súa campaña municipal de concienciación ambiental #SanXoanSenLixo, desenvolvida desde o 2019 e que este ano, como o pasado, incluíu un dispositivo con advertencia de sancións".
370 incidencias en toda Galicia
Na súa maior parte estiveron relacionadas ben con queimaduras producidas por chacharelas e brasas, ben con complicacións derivadas das altas temperaturas rexistradas. Houbo tamén intoxicacións etílicas, ademais de 67 incidentes por pelexas, agresións ou por persoas con comportamentos agresivos
Polo demais, no resto do país viviuse unha tarde, unha noite e unha madrugada coas habituais incidencias nestes festexos, pode que nalgúns lugares incrementadas polo feito de ser festivo o día 24, algo que outros anos só sucedía nuns poucos concellos, entre eles A Coruña.
O 112 informou de 194 incidencias na provincia da Coruña, 121 en Pontevedra, 38 en Lugo e 20 en Ourense. 370 en total e todo o país. A cidade da Coruña foi o concello con máis incidencias (72), seguido de Vigo (27), Lugo (18), Santiago (8) e Ourense (7).
Na súa maior parte estiveron relacionadas ben con queimaduras producidas por chacharelas e brasas, ben con complicacións derivadas das altas temperaturas rexistradas. Houbo tamén intoxicacións etílicas, ademais de 67 incidentes por pelexas, agresións ou por persoas con comportamentos agresivos ou alterados.