Este martes vai facer calor durante todo o día. Meteogalicia eleva a 41 graos a máxima prevista para Ourense, que será só un chisco inferior en Lugo (38 graos), Ferrol (37) e Santiago (37)
Achégase o San Xoán, un dos días (coa súa noite previa) máis festeiros do ano, que este ano ademais é non laborable en toda Galicia. Será, coma sempre, unha xornada de sardiñas, de herbas, de cacharelas e de cheiro a fume. Todos os anos administración e organizacións ecoloxistas reiteran unha serie de recomendacións que buscan, sobre todo, que as celebracións se leven a cabo con seguridade para as persoas participantes e, ademais, non supoñan un prexuízo para o medio ambiente, especialmente nas praias. Tamén para reducir a cantidade de residuos xerados, que os servizos de limpeza deben recoller ao día seguinte.
Este ano, ademais, ás recomendacións habituais súmanse as relacionadas coas altas temperaturas que está a rexistrar Galicia e que este martes serán especialmente elevadas en case todo o territorio. E, relacionado con isto, o igualmente elevado risco de incendio, que poden incrementar a conta de superficie queimadas.
En consecuencia, este martes o sur de Lugo, o noroeste de Ourense e o val ourensán do Miño teñen aviso laranxa por altas temperaturas
Este martes vai facer calor durante todo o día. Meteogalicia eleva a 41 graos a máxima prevista para Ourense, que será só un chisco inferior en Lugo (38 graos), Ferrol (37) e Santiago (37). Pontevedra (34), A Coruña (33) e Vigo (33) terán máximas algo máis moderadas. A calor continuará despois da caída do Sol, con mínimas por riba dos vinte graos en todas as cidades agás Vigo e A Coruña. O mércores os termómetros marcarán máximas algo inferiores, pero Ourense chegará a 37 graos e Lugo a 36.
En consecuencia, este martes o sur de Lugo, o noroeste de Ourense e o val ourensán do Miño teñen aviso laranxa por altas temperaturas. Mentres, o resto de comarcas non litorais teñen igualmente aviso amarelo por altas temperaturas. Tamén teñen aviso amarelo as comarcas de Ferrolterra, A Coruña e Bergantiños, ademais de O Baixo Miño.
O Índice de risco diario de incendio forestal que publica a Xunta alerta este martes de perigo extremo no centro e sur da provincia de Ourense e de risco moi alto no resto da provincia ourensá e en boa parte do interior da de Lugo e Pontevedra
O mércores mantéñense os avisos por altas temperaturas, amarelos neste caso, no Miño ourensán, sur de Lugo e comarca de Valdeorras. A eles súmase un aviso amarelo por tormentas en todas as comarcas interiores a partir das tres da tarde.
Hai aviso por altas temperaturas e, ademais, alto risco de incendios en varias comarcas do pais, consecuencia directa da calor e do tempo seco. O Índice de risco diario de incendio forestal que publica a Xunta alerta este martes de risco extremo no centro e sur da provincia de Ourense e de risco moi alto no resto da provincia ourensá e en boa parte do interior da de Lugo e Pontevedra. Para o mércores o risco manterase extremo na maior parte da provincia ourensá e tamén o será en varios concellos da provincia de Lugo.
Recomendacións para un San Xoán seguro e limpo
A preamar chegará pouco despois da medianoite (0:16 en Vigo, 0:39 na Coruña), xusto no momento de maior intensidade dos festexos
Na Galicia litoral as celebracións do San Xoán nas praias impóñense cada vez máis. Quen desexe realizar alí a súa festa deberá atender a varias recomendacións e precaucións, comezando polo horario das mareas, que neste caso non serán moi favorables para aproveitar a superficie dos areais. A preamar chegará pouco despois da medianoite (0:16 en Vigo, 0:39 na Coruña), xusto no momento de maior intensidade dos festexos.
Unha das grandes batallas todos os anos é lidar contra as montañas de residuos que durante a noite se acumulan nas praias e noutros espazos. O pasado ano foi moi comentada a imaxe que ofrecían pola mañá os areais coruñeses e a propia alcaldesa Inés Rey chamou a "facer unha reflexión" e anunciou "medidas" ante a "imaxe lamentable" de toneladas de lixo acumuladas nas praias de Riazor e Orzán.
O pasado ano foi moi comentada a imaxe que ofrecían pola mañá os areais coruñeses e a propia alcaldesa Inés Rey chamou a "facer unha reflexión" e anunciou "medidas" ante a "imaxe lamentable" de toneladas de lixo acumuladas nas praias de Riazor e Orzán
Este luns a rexedora subliñou que este será “o San Xoán con máis medios ca nunca”, cun dispositivo que inclúe o reforzo de contedores, sinalización e persoal informador para facilitar que a cidadanía adopte comportamentos responsables durante a noite máis multitudinaria do ano. Neste sentido, o Concello habilitará 25 puntos de residuos nas praias —21 situados en Riazor, Orzán e Matadoiro, dous en San Amaro e un en Oza—, aos que se suman oito puntos de reforzo nos barrios para o depósito de residuos especiais.
En canto á proba piloto que o Concello levará a cabo na praia de Riazor, unha vez finalizado o prazo de solicitude de espazos, as 55 áreas foron asignadas a diferentes entidades e asociacións interesadas. Deste xeito, agrupacións como ASPRONAGA, África Universal ou a Asociación Comercial e Hostalería Cidade Escolar, Labañou e Riazor dispoñerán dun espazo asignado e accesible onde celebrar o San Xoán. O obxectivo desta iniciativa é contribuír á limpeza das praias tras as celebracións, pois as entidades solicitantes teñen a obriga de limpar os espazos unha vez abandonen o areal.
Dende as administracións locais faise fincapé nos últimos anos en promover fórmulas e iniciativas que limiten a cantidade de residuos que queda ciscada sen recoller. "Unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido, e despois, a procurar unha axeitada xestión" , sinalan dende ADEGA
Dende as administracións locais faise fincapé nos últimos anos en promover fórmulas e iniciativas que limiten a cantidade de residuos que queda ciscada sen recoller. "Unha correcta política de residuos debe estar primeiramente encamiñada a reducir o volume de lixo producido, e despois, a procurar unha axeitada xestión" , sinalan dende ADEGA neste mesmo senso. Dende as organizacións ecoloxistas alértase tamén sobre os efectos prexudiciais que esta celebración pode ter en determinados espazos naturais, sobre todo nas praias. E, igualmente, chámase a atención sobre a contaminación acústica e os riscos xerados polos petardos e outros materiais pirotécnicos.
Estes son algúns dos consellos que unhas e outras entidades e institucións están a repetir nestes días previos:
- Acoutar os espazos das celebracións sobre todo nas proximidades de espazos naturais como fragas, bosques, ríos ou contornas históricas ou monumentais.
- Evitar facer cacharelas en praias e dunas, especialmente en litorais protexidos ou de alto valor ecolóxico. ADEGA advirte de que mesmo nas praias urbanas existe unha rica biodiversidade que se pon en risco.
- Usar recipientes (vasos, pratos) de barro ou louza, e garrafas de cristal retornables, que os clientes poden levar coa consumición pagando unha pequena fianza, que se devolve ao remate da noite.
- Habilitar suficientes contedores para a recollida selectiva dos refugallos. A recollida debería facerse pouco despois de rematada a festa
- Dispoñer sempre de protocolos, materiais e persoal responsable con capacidade para previr situacións de risco e facer fronte aos pequenos accidentes que sempre se producen