Galicia encadea tres días sen falecementos con coronavirus por primeira vez dende o inicio da pandemia

CC-BY-NC-SA Praza Pública

Este martes, por terceiro día consecutivo (e cuarto en total dende o inicio do estado de alarma) Galicia non rexistrou ningún falecemento de persoas con coronavirus, manténdose a cifra total de mortes en 607. Porén, non haberá unha cuarta xornadas seguida sen falecementos, pois este mércores houbo xa que lamentar un novo pasamento dun paciente infectado polo virus (que aparecerá nos datos que se coñezan mañá xoves). Trátase, segundo informou a Consellaría de Sanidade, dun home de 81 que estaba ingresado no CHUAC da Coruña.

Non haberá unha cuarta xornadas seguida sen falecementos, pois este mércores houbo xa que lamentar un novo pasamento dun paciente infectado polo virus

En calquera caso, a situación epidemiolóxica de Galicia segue a mellorar sumando á estatística só 9 novos positivos de coronavirus detectados por proba PCR, segundo vén de informar o Ministerio de Sanidade. A cifra é lixeiramente superior á dos últimos días, nos que probablemente se deixou notar o coñecido 'efecto fin de semana', con menos probas e menos casos detectados que noutros momentos da semana. A estes casos hai que sumar outros 48 positivos detectados en Galicia por test de anticorpos, un método menos fiable que as probas PCR e que ademais pode indicar infeccións producidas hai máis tempo.

Este mércores hai que sumar 9 novos positivos de coronavirus detectados por proba PCR

A incidencia acumulada continúa en descenso, con 6,15 casos por cada 100.000 habitantes nos últimos 14 días, un indicador que só melloran Andalucía, Asturias, Canarias, Murcia e a Comunidade Valenciana. A incidencia acumulada en España (17,49) tamén baixa un chisco e só Navarra, Castela e León, Madrid e Cataluña están por riba dos 30 casos.

Nas últimas 24 horas rexistráronse catro novos ingresos de pacientes con coronavirus nos hospitais galegos, dous nas UCI

En canto ás hospitalizacións, tamén aumentan un pouco con respecto aos días anteriores, pero seguen en niveis baixos. Segundo os datos do Ministerio de Sanidade, nas últimas 24 horas rexistráronse catro novos ingresos de pacientes con coronavirus nos hospitais galegos, dous nas UCI. A favorable situación epidemiolóxica e o estado no que se atopa o sistema hospitalario galego, cun número de pacientes con coronavirus cada vez menor, son dous dos argumentos que o Goberno galego manexa para demandar o pase de todas as áreas sanitarias do país á Fase 2 do proceso de desconfinamento. [A Xunta pide pasar á fase 2 e esgrime os concellos sen casos de coronavirus, que non son públicos]

O Sergas segue, en calquera caso, manexando os "positivos activos" como principal indicador de seguimento da pandemia. E faino en ausencia dunha serie histórica completa, pública e harmonizada con referencias temporais para as "curacións" introducidas de xeito masivo varias veces nas últimas semanas, o cal resta de xeito notable valor a esta información para coñecer a tendencia da doenza. Así, por exemplo, eses "positivos activos" chegan este 20 de maio aos 1.063 -73 menos- mentres o que a Xunta presenta como "curacións" (aínda que inclúe tamén negativos en test de anticorpos) aumentan en 130 e chegan ás 9.411. 

O acumulado de persoas que deron positivo por covid-19 nalgún momento chega xa ás 11.081 nunha xornada con 1.497 probas PCR, volvendo superar as 1.000 nun día tras baixar dese limiar durante a fin de semana. O total de PCR procesadas chega ás 128.856, indica o Sergas.

O número de pacientes con coronavirus nos hospitais galegos segue á baixa, con 95 persoas ingresadas (16 delas na UCI). Nas últimas 24 horas incrementouse o número de infectados pola covid-19 nas UCI galegas, de 15 a 16. En total, dende o inicio na pandemia 2.939 casos necesitaron hospitalización en Galicia, cun total de 334 ingresos en UCI. Do total de 1.063 casos activos de coronavirus, a gran maioría (986) atópanse nos seus domicilios.

O número total de casos activos de coronavirus en residencias de maiores e centros de atención á discapacidade descende ata os 225. Deles, 98 corresponden a usuarios/as das residencias de maiores e 83 ao seu persoal; ademais, 27 usuarios/as dos CAPD e 17 traballadores/as completan a suma globa. Dende o inicio da crise producíronse 271 mortes nestes centros en Galicia.

Por áreas sanitarias segue sen existir máis referencia que o número de positivos activos divulgado pola Xunta, xa que a información do Ministerio de Sanidade só chega ao nivel autonómico. Daquela, non é posible coñecer como se distribúen os novos casos por áreas.

Partindo desta cautela, máis da metade da diminución xeral de positivos activos rexístrase na área sanitaria de Vigo (-38) seguida da de Ourense, que con 190 casos rexistra xa unha incidencia -positivos activos por cada 100.000 habitantes- moi próxima á das áreas coruñesa e viguesa tras superalas amplamente durante varias semanas. A única área que rexistra máis positivos activos que vinte e catro horas antes é a da Coruña, aínda que son só dous máis.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.