'Grazas, xoguetes' por unha infancia que soña sen estereotipos de xénero

Dúas das imaxes da campaña 'Grazas, xoguetes' da Deputación de Pontevedra, con Emma Lustres e África González © Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra leva varios anos impulsando campañas en vésperas do Nadal para animar a agasallar as nenas e nenos con xoguetes libres de estereotipos de xénero e non violentos. Neste 2022 faino baixo o lema Grazas, xoguetes para impulsar unha acción con rostros coñecidos de diferentes eidos profesionais que "lembran os xoguetes que os inspiraron para elixiren as súas profesións", para "soñar" sen estereotipos de xénero.

A inmunóloga África González, a produtora cinematográfica Emma Lustres, o bailarín Diego Landín, a futbolista Paula Dapena e o cociñeiro Pepe Solla son a imaxe da acción. González lembra, por exemplo, un estetoscopio co que a agasallaran, Solla recorda unha cociña de xoguete na que imitaba á súa avoa ou Landín evoca uns peluches de animais que bailaban. Todo, baixo un consello común: "Este Nadal aposta polo talento das túas fillas e fillos, aposta por xoguetes libres de estereotipos".

O bailarín Diego Landín é un dos protagonistas da campaña 'Grazas, xoguetes' da Deputación de Pontevedra

"Xogar marca a vida e o obxectivo é que nenas e nenos experimenten co xogo e poidan acabar sendo o que desexen libremente, que se abra un gran abano", resalta a presidenta da institución provincial, Carmela Silva. A ex-deputada Laura Seara, responsable da campaña dende a consultora Red Talento, subliña que se dirixe aos tres "principais axentes de socialización": "A familia, porque se dirixe a pais e nais para que dean unha pensada aos xoguetes que van poñer nas mans das súas fillas e fillos; o profesorado e tamén as amizades".

A inmunóloga África González, a produtora cinematográfica Emma Lustres, o bailarín Diego Landín, a futbolista Paula Dapena e o cociñeiro Pepe Solla protagonizan a campaña da Deputación de Pontevedra para animar as familias a que os xoguetes fomenten que nenas e nenos "poidan ser o que desexen"

Durante a presentación, a futbolista Paula Dapena lembrou como o mundo do fútbol aínda segue padecendo o machismo e valora a importancia de iniciativas coma esta para que "a sociedade teña en conta que hai que soñar que todas e todos podemos ser todo". Neste sentido, o bailarín Diego Landín, director do marinense Ballet de Galicia, lembra o importante que para el foi "sentirse protexido na casa, onde me permitiron soñar co que quería ser" dende neno.

Silva lembra que a campaña deste ano cadra coa entrada en vigor do novo Código de autorregulación da publicidade infantil en xoguetes, pactado entre a asociación que agrupa os fabricantes do sector co Goberno de España o pasado abril, con novas medidas para evitar "nesgos e roles de xénero nos anuncios". Así, por exemplo, o código chama a evitar "a asociación exclusiva coas nenas" dos xoguetes "que reproduzan roles de coidados, traballo doméstico e beleza persoal" e especifica que "nas comunicacións comerciais onde aparezan varios nenos/as, evitaranse que sexan dun só sexo" [Consulta aquí o documento íntegro]

Presentación da campaña 'Grazas, xoguetes' da Deputación de Pontevedra o 2 de decembro de 2022 © Deputación de Pontevedra

A campaña da Deputación de Pontevedra desenvólvese dende a vindeira semana e ata o 6 de xaneiro e inclúe tanto soportes físicos como accións en internet e redes sociais, como formatos como ilustracións, fotografías e vídeos. Ademais, contempla un concurso dirixido a alumnado de 3º e 4º de Primaria baixo o lema O mellor xoguete do mundo, no que nenas e nenos poden deseñar "un xoguete orixinal, creativo, igualitario e non violento" xunto ao resto da súa aula escolar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.