Greenpeace reclama "medidas urxentes para protexer o solo nas superficies forestais arrasadas, minimizar os procesos erosivos e evitar a contaminación de cursos de auga"
O verán que estamos a piques de rematar foi o peor en materia de incendios dende o ano 2006, con 43.000 hectáreas arrasadas en tan só mes e medio, con ducias de fogos concentrados entre a segunda metade de xullo e todo o mes de agosto. Aos efectos negativos máis inmediatos, que inclúen dende a destrución de vexetación á queima de vivendas (máis de 1.800 persoas tiveron que ser desaloxadas por mor dos incendios este verán) súmanse en moitas ocasións outro tipo de consecuencias, derivadas por exemplo do arrastre das cinzas pola chuvia, que poden rematar en ríos, rías e acuíferos, contaminando as súas augas.
Neste senso, Greenpeace vén de alertar deste perigo, ao tempo que reclama das distintas administracións "medidas urxentes para protexer o solo nas superficies forestais arrasadas, minimizar os procesos erosivos, evitar a contaminación de cursos de auga e garantir o abastecemento de auga potable". Faino, ademais, a través dunha reportaxe fotográfica, realizada por Pedro Armestre do efecto da chuvia sobre zonas incendiadas preto de Verín.
Alerta do efecto negativo que se pode estar producindo nalgunhas zonas de Ourense e lembra fenómenos semellantes que tiveron lugar no 2013 no litoral como consecuencia do incendio do Pindo
Greenpeace alerta do efecto negativo que se pode estar producindo nalgunhas zonas de Ourense e tamén lembra fenómenos semellantes que tiveron lugar no ano 2013 nos bancos marisqueiros e no litoral como consecuencia do incendio do Pindo en Carnota. Este verán, de igual xeito, denunciouse o arrastre de cinzas no Barbanza, que podería ter afectado a zonas do litoral -mesmo bancos marisqueiros- da Pobra e Boiro. Porén, dende a Xunta sinalouse que o arrastre provocado pola chuvia non incluía cinzas, senón unicamente terra e sedimentos presentes nos ríos.
A organización ecoloxista, que cualifica de "chapapote de monte" ás cinzas que poden contaminar a auga, reclama a construción de pequenos diques perpendiculares á pendente en ladeiras moi empinadas
A organización ecoloxista, que cualifica de "chapapote de monte" ás cinzas que poden contaminar a auga das áreas próximas aos incendios, reclama medidas como a construción de pequenos diques perpendiculares á pendente en ladeiras moi empinadas para evitar perda de chan e frear a escorrentía, buscando reter o chan, pór obstáculos á circulación da auga nas ladeiras e impedir a formación de regos e fochancas. Tamén aposta por levar a cabo construcións provisionais en regatos, ríos e lagoas para evitar que cheguen sedimentos e cinzas que contaminen os cursos de auga.
Greenpeace pide dar tempo aos ecosistemas para a súa recuperación para ver a súa capacidade de rexeneración e, posteriormente, ver que medidas é necesario implementar
Así mesmo, pide sacar a madeira queimada para evitar risco de pragas e enfermidades e facelo sen arrastrala para seguir co obxectivo fundamental de evitar erosionar o chan. Finalmente, pide dar tempo aos ecosistemas para a súa recuperación para ver a súa capacidade de rexeneración e, posteriormente, ver que medidas é necesario implementar (sementeira, repoboación, limitación de acceso ao gando...). Ademais, recomenda agardar a repoboar "para ver como evoluciona a superficie queimada e como se abre paso a rexeneración natural das especies coas estratexias mencionadas".
"Nos incendios forestais seguimos perdendo mesmo despois das chamas, e é fundamental non só a extinción do lume, senón o seguimento das zonas incendiadas. Tras o paso das chamas, póñense en perigo os recursos hídricos polo arrastre de cinza", sinala Mónica Parrilla
"Nos incendios forestais seguimos perdendo mesmo despois das chamas, e é fundamental non só a extinción do lume, senón o seguimento das zonas incendiadas. Tras o paso das chamas, póñense en perigo os recursos hídricos polo arrastre de cinza", sinala Mónica Parrilla, enxeñeira forestal responsable da campaña de incendios forestais de Greenpeace.
"Para axudar á recuperación dos bosques, é prioritario protexer o solo para reducir os procesos erosivos agravados polas desexadas choivas. Polo tanto, as primeiras actuacións de emerxencia débense centrar en frear os procesos erosivos actuais, controlar as posibles escorrentías e posteriormente favorecer a rexeneración natural da cuberta vexetal", engade.
A Xunta leva a cabo traballos de recuperación en 106 hectáreas no courel
Persoal da Consellaría de Medio Rural está a realizar labores de recuperación de zonas afectadas por incendios no Courel. Trátase de traballos de mulching (acolchado) de palla
Persoal da Consellaría de Medio Rural está a realizar labores de recuperación de zonas afectadas por incendios no Courel. Trátase de traballos de mulching (acolchado) de palla, que se levan a cabo de acordo coas indicacións dos técnicos especialistas do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que previamente realizaron a inspección, avaliación e localización das áreas de actuación preferente.
O obxectivo principal destes labores é o de protexer zonas concretas, para evitar erosións no chan. Neste caso, o plan de traballo abranguerá arredor de 106 hectáreas, fundamentalmente bagoadas e terreos da rede de drenaxe das pistas.
Nestas zonas os técnicos constataron en xeral unha baixa ou moderada severidade do lume no chan, polo que non existe un risco alto de erosión
Nestas zonas afectadas polos lumes no Courel os técnicos constataron en xeral unha baixa ou moderada severidade do lume no chan, polo que non existe un risco alto de erosión. Así, na maior parte da área arborada as propias follas caídas proporcionan protección ao solo e mesmo se están notando rebrotes de vexetación. Ademais, os puntos de conexión entre as ladeiras afectadas polo lume e os cursos de auga conservan na súa maior parte a vexetación sen queimar, o que asegura unha atenuación dos posibles arrastres.