Lugo, no mapa europeo dos territorios coa maioría da poboación sen hospital a menos de 15 minutos

Parada de autobús ante o hospital Lucus Augusti de Lugo, nunha imaxe de arquivo, e fragmento do mapa de poboación con acceso a hospitais en menos de 15 minutos CC-BY-NC-SA Montaxe: Praza.gal | Foto: Concello de Lugo

Eurostat calcula que máis do 83% da poboación da UE pode chegar ao hospital en coche en apenas un cuarto de hora, pero o resultado ten grandes diferenzas territoriais

A accesibilidade dos servizos públicos é un dos asuntos centrais en múltiplos debates, caso do caducadísimo sistema de financiamento das comunidades autónomas. A accesibilidade entendida como equidade -igualdade de condicións no acceso-, condición que só é posible lograr salvando obstáculos que non son iguais en todos os lugares. No centro dunha cidade moi poboada, por exemplo, a principal eiva para acceder a un servizo público pode ser a súa saturación e nun pequeno municipio, a distancia ou as malas vías de comunicación.

A principios de mes, cadrando coa celebración do Día Mundial da Saúde -conmemoración que a Organización Mundial da Saúde celebra cada 7 de abril-, a oficina estatística da Comisión Europea abordou unha destas variables poñéndolle números. Baseándose nos datos da empresa de navegadores GPS TomTom e na súa propia información poboacional, Eurostat calculou a porcentaxe de habitantes que teñen acceso a un hospital en menos de 15 minutos en coche. E neses resultados a provincia de Lugo destaca entre o cento de territorios nos que a maioría da poboación non chega a ese limiar do cuarto de hora.

Á hora de abordar estes datos cómpre ter en conta, non obstante, que Eurostat divide o territorio no terceiro nivel das súa Nomenclatura das unidades territoriais estatísticas (NUTS). Trátase dunha división que, como criterio xeral inclúe territorios de entre 150.000 e 800.000 habitantes. No caso do Estado español, as NUTS 3 correspóndense coas provincias, mentres que noutros membros da UE cadra con áreas de menor superficie, como son os distritos alemáns, por exemplo.

A provincia de Lugo, cun 49,7% de habitantes en condicións de non superar o limiar dos 15 minutos no acceso ao hospital, ten unha situación semellante a territorios do norte de Portugal ou ás de Ávila, Toledo, Cuenca e Teruel.

Tendo en conta este condicionante -e outros obvios, como que se trata de cifras medias e que non teñen en conta condicionantes de momentos concretos do ano ligados á meteoroloxía ou á saturación das estradas, por exemplo-, o bo resultado xeral para o conxunto da Unión Europea, onde o 83,2% da poboación ten un hospital a menos de 15 minutos conducindo, ten moitos matices territoriais. Así, por exemplo, en 124 rexións dese mapa NUTS-3 practicamente o 100% da poboación pode chegar en coche a un hospital en menos dun cuarto de hora, atendendo aos datos de Eurostat. A maior parte deles, ata 96, son distritos alemáns.

Alén de Alemaña, Eurostat destaca outra trintena de territorios onde a totalidade da poboación conta con esa posibilidade de chegar ao hospital en menos de 15 minutos. Sucede en seis áreas de Bélxica, noutra media ducia dos Países Baixos, catro rexións gregas, outras catro francesas e na illa de Malta. Tamén en cadanseus dous territorios de Italia e Polonia e, asemade, nas provincias de Barcelona e Madrid, co 97,1% e o 96,4% da poboación nese rango, respectivamente.

O hospital comarcal da Mariña, en Burela CC-BY-SA Sergas

A propia Eurostat destaca, ao analizar estas cifras, os case cen territorios con menos do 50% da poboación vivindo en lugares dende os que se pode chegar a un hospital en coche sen superar os 15 minutos. Romanía (con 21 territorios) ou Grecia (con 15) son os Estados membros con máis áreas NUTS 3 nesa situación, na que no caso galego só está Lugo, onde o só 47,9% das algo máis de 325.000 persoas residentes poden chegar ao hospital en menos dese tempo.

A Coruña e Pontevedra, con case o 70% da poboación por baixo do limiar dos 15 minutos, teñen indicadores equiparables a grandes áreas de Centroeuropa ou dos países nórdicos

Dende a reforma da Lei de Saúde de Galicia do ano 2018 toda a provincia de Lugo conforma unha única área sanitaria. Conta con tres hospitais públicos: o principal é o Lucus Augusti, na capital lucense, e canda el funcionan dous comarcais, o da Mariña (Burela) e mais o de Monforte. O espallamento poboacional, o estado dalgúns puntos da rede viaria ou a orografía da provincia, especialmente en áreas montañosas, foi sinalada en diversas ocasións por colectivos políticos, veciñais e de defensa da sanidade pública como un dos motivos que fai especialmente relevante, no caso lucense, a existencia de servizos sanitarios de proximidade.

Como amosa o mapa que acompaña esta información, nese rango coa maioría da poboación no grupo que ten o acceso ao hospital xeograficamente máis complicado están tamén contornas do norte de Portugal coma o Alto Tâmega (42,5%) ou Tâmega e Sousa (43%) ou as provincias de Ávila, Toledo, Cuenca e Teruel. Sucede o mesmo na maior parte do territorio de Irlanda e, máis amplamente, en territorios do leste do continente. En contraste, as provincias da Coruña e Pontevedra, con niveis próximos ao 70%, presentan unha accesibilidade aos hospitais neste indicador moi semellante ao de grandes áreas de Centroeuropa ou dos países nórdicos.

Detalle do mapa de tempo de acceso a servizos sanitarios -non só hospitais- dividindo a poboación en cuadrículas dun quilómetro cadrado © Eurostat

Eurostat complementa esta estatística, non obstante, con outros datos de accesibilidade aos servizos sanitarios -non só hospitais- mesmo máis precisos, descendendo territorialmente ata as cuadrículas dun quilómetro cadrado. Con esa perspectiva é posible observar como no noso país conviven os datos das principais cidades e as súas áreas de influencia, equiparables aos territorios con mellores resultados de Europa, con outros de áreas rurais onde o acceso á sanidade nun vehículo a motor se pode demorar alén dos 45 minutos e mesmo dunha hora.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.