Máis de vinte marchas por toda Galicia unen a comunidade educativa na loita polo ensino público

Mobilizacións polo ensino público o 6M en Vigo, A Coruña, Carballo e Verín CC-BY-NC-SA BNG / Asembleas Abertas do Ensino Público

Nais e pais, alumnado, profesorado e persoal non docente e de coidado unidos. Milleiros de persoas saíron ás rúas de máis de 20 localidades galegas na tarde deste mércores "en loita polo ensino público" e para denunciar o "abandono" ao que din que o ten sometido a Xunta polo seu "desleixo" e polas "políticas de recortes". 

Profesorado, alumnado e familias uníronse en máis de vinte marchas por toda Galicia para denunciar a falta de recursos e a "deterioración" do ensino público

Todas as cidades e case unha vintena de vilas máis acolleron estas marchas unitarias, convocadas por sindicatos como CIG, CUT, STEG, Solidariedade Obreira e CNT, pero tamén polas Asembleas Abertas do Ensino Público, numerosas anpas e as súas federacións, organizacións estudantís e outros colectivos. 

Boa parte da comunidade educativa representada en marchas que volven chamar a atención sobre a falta de recursos, medios ou profesorado de apoio, pero tamén sobre a "deterioración" das infraestruturas de moitos centros que levan meses e anos reclamando solucións. 

Mobilización o 6M polo ensino público en Vigo CC-BY-NC-SA BNG Vigo

Foron mobilizacións case inéditas, pola unidade na convocatoria, e descentralizadas, ao amosar o malestar coa situación da escola pública por toda Galicia, desde a costa atlántica ata o interior pasando pola Mariña. 

"É unha mostra de unidade que reforza a loita conxunta iniciada nos últimos meses"

"Unha mostra de unidade que reforza a loita conxunta iniciada nos últimos meses", reflexionan por exemplo desde as Asembleas Abertas na Costa da Morte, que acolleu marchas en Carballo e Cee onde, como no resto de protestas, confluíron familias, profesorado e alumnado, que encheu de múltiples e variadas pancartas as 25 mobilizacións. 

"A comunidade educativa en loita polo ensino público" foi o lema conxunto elixido para unhas marchas nas que se mesturaron tamén demandas xerais para a rapazada ou particulares para o lote de colexios que reclaman desde hai tempo solucións ás súas eivas en infraestruturas ou docentes. 

"Infraestruturas dignas", "menos recortes e máis recreos", "escola segura e digna" ou "o noso instituto desfaise, solucións xa" foron algunhas das proclamas dos numerosos carteis e pancartas portadas, en moitos casos, polos máis pequenos. 

Mobilización o 6M polo ensino público en Cee CC-BY-SA Asembleas Abertas do Ensino Público

"Un novo impulso na loita"

"Estas mobilizacións supoñen un novo impulso na loita por un ensino público de calidade, inclusivo e con recursos reais para atender as necesidades do alumnado", expresan as Asembleas Abertas, que valoran "moi positivamente" a resposta da cidadanía que, con todo, non chegou ao poder de convocatoria que as forzas sindicais mostraron nas últimas folgas e en horario de mañá. 

Foron, en todo caso, mobilizacións multitudinarias e espalladas por moitas localidades onde ás demandas xerais pola situación do ensino público uníronse reivindicacións particulares, especialmente por falta de profesorado de apoio e por graves problemas estruturais nos edificios dos colexios e institutos públicos. 

As marchas mesturaron demandas xerais polo ensino público con reclamacións particulares de cada centro por falta de recursos ou eivas nas infraestruturas

Entre as melloras que reclamaron os milleiros de persoas mobilizadas en toda Galicia está unha maior dotación para os departamentos de orientación, o aumento de persoal de reforzo, a diminución das ratios de alumnado, a reposición das baixas do profesorado de xeito inmediato, a mellora das instalacións dos centros "deteriorados e sen espazo", así como a recuperación das condicións laborais do profesorado previas aos recortes do ano 2008.

Desde os diferentes colectivos advirten, ademais, de que o "desleixo" e "abandono" que denuncian na escola pública acaba por favorecer e impulsar o ensino concertado ou privado, nunha estratexia da que acusan directamente a Xunta. Preguntada por esta 

Mobilización o 6M polo ensino público na Ramallosa, en Nigrán CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

"Román atende, o ensino non se vende", en referencia ao conselleiro de Educación, ou "ensino público e de calidade" foron outras das proclamas máis repetidas nas diferentes marchas, que se desenvolveron en todas as urbes pero tamén en Muros, Porto do Son, Carballo, Cee, Monforte, Ribadeo, O Carballiño, Verín, A Estrada, Ponteareas, Cangas ou Vila de Cruces, entre outras localidades. 

Preguntado polas protestas e as acusacións á Xunta por favorecer o ensino privado e concertado, o conselleiro Román Rodríguez asegurou este xoves que terá que explicalas "quen as di". "É un argumento de moi pouco peso e bastante demagóxico", dixo. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.