A Xunta ten pendente concretar as súas instrucións que desenvolvan a normativa marco estatal acordada hai dez días e agora feita oficial
O Boletín Oficial del Estado (BOE) vén de publicar nas súas edicións destes xoves e venres as ordes polas que o Ministerio de Educación establece, tras acordalos coas autonomías e as universidades, os criterios a seguir tanto no que resta de curso escolar como nas probas de acceso aos estudos universitarios. Nestas últimas os exames terán máis preguntas a elixir para que todo o alumnado poida acadar a máxima nota aínda que non puidera cursar toda a materia mentres que no ensino primario, secundario ou de bacharelato, á espera do que poida concretar a Xunta, serán os equipos docentes de xeito colexiado os que teñan a última decisión sobre promoción ou titulación do alumnado ao non quedar condicionados por límites de materias suspensas.
O número de preguntas a elixir na selectividade establecerase “de xeito que permita a todos os alumnos alcanzar a máxima puntuación na proba, con independencia das circunstancias nas que este puidera ter acceso ao ensino”
A Comisión Interuniversitaria Galega (CiUG) xa reprogramara do 7 ao 9 de xullo as probas de acceso á universidade e agora o ministerio fai oficiais as características básicas dos exames. “Realizarase unha proba por cada unha das materias obxecto de avaliación. En cada proba, o alumnado disporá dunha única proposta de exame con varias preguntas”, establece a orde ministerial, que concreta que en cada proba o alumnado deberá responder a un número determinado de preguntas “de xeito que permita a todos os alumnos alcanzar a máxima puntuación na proba, con independencia das circunstancias nas que este puidera ter acceso ao ensino e a aprendizaxe durante a suspensión da actividade lectiva presencial”. Todas as preguntas poderán ser elixidas dentro do número máximo que estableza cada autonomía e cada exame terá unha duración máxima de 90 minutos.
A orde establece para todos os niveles educativos inferiores á universidade que “non serán tidas en conta limitacións que afecten ao número de áreas pendentes” tanto para pasar de curso como para obter os títulos
Pola súa banda, a orde que fai oficiais as directrices de actuación no que resta de curso e o comezo do próximo para a educación primaria, secundaria e o bacharelato, acordadas o pasado 15 de abril entre o ministerio e as autonomías -Galicia amosou a súa conformidade, mentres que non o fixeron Euskadi, Andalucía, Murcia, Madrid e Castela e León- basea a avaliación do alumnado nos dous primeiros trimestres.
A orde establece para todos os niveles educativos que “non serán tidas en conta limitacións que afecten ao número de áreas pendentes” tanto para pasar de curso como para obter os títulos correspondentes ao remate de cada ciclo de ensino. Sen esa limitación, serán os equipos docentes os que de xeito colexiado valorarán se cada alumno ou alumna acadou os obxectivos educativos.
A orde establece que as administracións educativas de cada autonomía poderán adaptar os criterios de avaliación, cuestión que a Xunta ten pendente. Desde o acordo destas “directrices de actuación” o pasado 15 de abril, a conselleira de Educación, foco das críticas dos sindicatos, vén reclamando ao Goberno central que sexa el o que estableza os criterios de xeito común para todas as autonomías. Así o fixo aínda este xoves, nunha reunión con sindicatos e asociacións de nais e pais, na que Carmen Pomar comprometeuse “a publicar as instrucións coa máxima celeridade en canto o Ministerio publique a normativa correspondente”.
CIG-Ensino lamenta que a consellería tardase seis semanas en reunirse coa comunidade educativa e que non avanzase traballo á espera da publicación oficial do acordo a nivel estatal
Desde CIG-Ensino, o sindicato maioritario, laméntase que tivesen que agardar seis semanas de estado de alarma, tras sucesivos cambios de criterio da consellería a respecto da presenza do profesorado nos centros, para poder ter aínda este xoves a primeira reunión con Pomar, encontro no que se sucederon exposicións de cada asistente pero sen diálogo nin negociación. Segundo o sindicato, “a única novidade da reunión foi o anuncio da convocatoria dunha Mesa Sectorial para a semana próxima para falar das oposicións” que a conselleira anunciou este mércores que se aprazan tras semanas de reclamacións ao respecto por parte de opositores e sindicatos. CIG-Ensino lamentou que, á espera da orde coa que agora o ministerio habilita ás autonomías a desenvolver a súa propia competencia para adaptar a promoción de curso, a consellería non avanzase traballo e facilitase un borrador de instrucións que a comunidade educativa poida negociar ou alegar.