Nace o Rexistro de Medios Dixitais Galegos "para separar o gran da palla" e dignificar a profesión

O secretario do Colexio de Xornalistas, Darío Janeiro, e o decano da entidade, Francisco X. González Sarria © CPXG

Que é un medio xornalístico dixital? Na actualidade existen na rede unha multitude de iniciativas de comunicación de todo tipo, profesionais ou non, que seguen criterios xornalísticos ou non, con contidos propios ou non. "Para separar o gran da palla", o Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia vén de crear o Rexistro de Medios Dixitais Galegos (NRede) para recoñecer os medios de comunicación con criterios xornalísticos que existen no eido dixital.

O Rexistro "é unha ferramenta necesaria nos tempos da dixitalización de contidos para separar o grao da palla; para que lectores e administracións identifiquen as empresas que realmente realizan un labor xornalístico”, destaca o decano do Colexio de Xornalistas

A iniciativa, que foi presentada este mércores polo decano do Colexio de Xornalistas, Francisco X. González Sarria, e o secretario da entidade, Darío Janeiro Pereira, "é unha ferramenta necesaria nos tempos da dixitalización de contidos para separar o grao da palla; para que lectores e administracións identifiquen as empresas que realmente realizan un labor xornalístico”, destacou González Sarria. 

O Rexistro busca, polo tanto, ofrecer á cidadanía "a garantía de que a información á que está tendo acceso é froito dun traballo profesional e respecta a deontoloxía do xornalismo, distinguíndoa así doutro tipo de contidos dixitais", sinala o Colexio. Igualmente, pretende servir de axuda para que estes medios teñan máis argumentos para o acceso a subvencións públicas (das que neste momento están excluídos en moitas ocasións en Galicia) ou para acreditarse en determinados eventos.

Páxina de inscrición no Rexistro de Medios Dixitais © CPXG

O Rexistro busca ofrecer á cidadanía "a garantía de que a información á que está tendo acceso é froito dun traballo profesional e respecta a deontoloxía do xornalismo, distinguíndoa así doutro tipo de contidos dixitais"

O Rexistro vai servir, polo tanto "para que as institucións, empresas e cidadanía en xeral poidan saber se o sitio web que están a visitar cumpre, de maneira probada, cos requisitos para poder ser considerado un medio de comunicación, coas garantías que iso supón para a información que forneza". Neste senso, Darío Janeiro, coordinador do proxecto, salientou a importancia de contar "cun certificado fiable e actualizado, mantido por unha entidade de referencia como o Colexio de Xornalistas, onde tanto cidadáns, administracións, entidades ou empresas que se relacionen cun medio dixital poidan verificar que cumpre cos estándares profesonais".

Búscase deste xeito dotar á poboación dunha ferramenta "para evitar caer na desinformación que fomentan webs non profesionais", ao tempo que se facilita ás autoridades, á sociedade civil e ao mundo empresarial un listado de medios de comunicación dixitais da nosa comunidade que poden tomar de referencia para consulta de información ou para o envío de notas de prensa. "En tempos de desinformación e de proliferación de espazos na rede de dubidosa orixe e intencionalidade, dispor dunha ferramenta como NRede pon en valor a aposta do CPXG de salientar o traballo de medios de comunicación e xornalistas", engadiu Janeiro.

Búscase deste xeito dotar á poboación dunha ferramenta "para evitar caer na desinformación que fomentan webs non profesionais"

O Colexio destaca que a creación dun rexistro de medios dixitais "é unha iniciativa para a dignificación do xornalismo na rede" e lembra que esta xa se puxo en marcha noutras autonomias, como é o caso do ROMDA do Colegio Profesional de Periodistas de Andalucía. Así, para os xornalistas, destaca o Colexio, o feito de identificarse como traballadores dun medio de comunicación recoñecido como tal "ha facilitarlles a acreditación en todo tipo de eventos e conferencias de prensa, dotalos de garantías fronte a posíbeis menosprezos e ataques por parte de actores de todo tipo e permitirlles xustificar o seu traballo informativo ante as autoridades".

Stand de Praza e Vinte na última edición do Culturgal CC-BY-SA Praza.gal

Os requisitos

Pretende servir de axuda para que estes medios teñan máis argumentos para o acceso a subvencións públicas (das que neste momento están excluídos en moitas ocasións en Galicia)

Os medios galegos interesados xa poden solicitar a súa inscrición a través da páxina web do Colexio e, unha vez que acrediten o cumprir cunha serie de requisitos, quedarán rexistrados nun listado de libre acceso para consulta da cidadanía. Serán recoñecidos tamén mediante o selo de Medio Dixital Galego, co seu numero de rexistro, que poderán visibilizar nas súas páxinas web de cara a se identificar como un espazo de comunicación con contidos xornalísticos. Este selo terá vixencia anual, sendo necesaria a súa renovación pasado este tempo. Ademais, o Colexio de Xornalistas solicitaralle á Xunta de Galicia a inclusión dos medios certificados por NRede na Guía da Comunicación editada pola administración autonómica.  

  • O medio debe estar constituído como empresa xornalística ou entidade legalmente rexistrada (ou ben o seu/s autor/es ou autora/s estaren dados de alta como autónomos/as)
  • Debe estar ao corrente das obrigas con Facenda e a Seguridade Social e ter no cadro de persoal ou na organización empresarial cando menos unha persoa licenciada ou graduada en Xornalismo ou colexiada no CPXG
  • Os medios inscritos deben desenvolverse principalmente na contorna dixital e cubrir información de interese xeral mediante a produción propia de contidos actualizada de forma periódica.
  • Deben ter un mínimo de seis meses de traxectoria demostrable (tres anos no caso de anuarios)
  • O último requisito é o respecto ao Código Deontolóxico do Xornalismo Galego.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.