Xornalistas de todos os medios galegos recibirán formación en igualdade de xénero

Reunión entre o Colexio de Xornalistas e a Consellería de Igualdade para tratar o convenio de formación en igualdade nos medios CC-BY-NC CPXG

O convenio entre o Colexio de Xornalistas e a Xunta promove esta formación para atallar "as prácticas inadecuadas que perpetúan a normalización da desigualdade entre homes e mulleres" desde os medios

Xornalistas galegos de todos os medios de comunicación terán acceso a unha formación en materia de igualdade para o desenvolvemento da profesión. O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG) vén de asinar un convenio coa Xunta para impartir un plan formativo adaptado ás circunstancias e necesidades das e dos profesionais que traballan en Galicia. 

O convenio asinado este martes entre o decano do CPXG, Francisco X. González Sarria, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, comezará centrándose no tratamento da violencia machista nos medios de comunicación, aportando coñecementos e ferramentas prácticas para abordar estas informacións cunha perspectiva de xénero.

A especialista en prevención da violencia machista Isabel Menéndez formará a un grupo de xornalistas que serán os que impartan despois esta formación nos medios

Segundo explican desde o Colexio de Xornalistas, nunha primeira fase, un equipo de xornalistas formadoras, integrado por profesionais de diferentes medios galegos, será formado e coordinado por María Isabel Menéndez. Menéndez, profesora titular de Comunicación Audiovisual e Publicidade na Universidade de Burgos, ten unha longa experiencia como docente e investigadora, ademais de como consultora para institucións públicas e empresas no ámbito das políticas de igualdade de oportunidades e a prevención da violencia de xénero.

O CPXG solicitara á Secretaria Xeral da Igualdade, dependente da Consellería de Emprego e Igualdade, o apoio para levar a cabo esta iniciativa formativa "con vistas a atallar tanto as eivas detectadas no tratamento destas cuestións, como, en xeral, as prácticas inadecuadas que perpetúan a normalización da desigualdade entre homes e mulleres". 

O CPXG inxire esta formación na importancia que a lei galega da violencia de xénero e o Pacto de Estado lle confiren ao papel dos medios

Dende a entidade que representa aos xornalistas en Galicia lembran que a perspectiva de xénero no xornalismo e o correcto tratamento da violencia machista son dúas cuestións nas que ten traballado moito o Colexio, especialmente desde a sinatura en 2004 da Declaración de Compostela. Unha recompilación de recomendacións para unha práctica xornalística profesional en casos de violencia machista, que xurdiu da xornada que sobre medios de comunicación e violencia contra as mulleres se desenvolveu no Instituto Galego da Información, convocada polo Observatorio Galego dos Medios, creado ao amparo do CPXG.

A formación que se levará a cabo agora tamén se encadra na importancia estratéxica que a Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero e o Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero conceden aos medios de comunicación dentro da loita pola erradicación da violencia machista.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.