Non digas "bilingüismo cordial" cando falas de diglosia: 50 expertos reclaman que a TVG rectifique o mal uso no Telexornal

Captura do Telexornal da TVG do 11 de febreiro CC-BY-SA Praza.gal

Solicitan que "a cobertura informativa sobre cuestións lingüísticas se basee en criterios obxectivos e académicos"

Medio cento de profesoras e profesores de universidade e investigadoras fan público un escrito no que solicitan a rectificación da Televisión de Galicia en relación co uso do termo "bilingüismo cordial" no Telexornal mediodía da canle pública nunha información sobre a "enquisa de percepción social do galego", encargada pola Xunta á empresa Sondaxe, da Corporación Voz de Galicia, para matizar a gran consulta sobre o uso do galego presentada o pasado outubro polo Instituto Galego de Estatística (IGE), que concluíu que o castelán xa é o idioma predominante no noso país. 

As persoas expertas sinalan que na emisión do mediodía do Telexornal do pasado martes, 11 de febreiro, o presentador Carlos Amado utilizou a expresión "bilingüismo cordial" para se referir ao feito de que unha persoa deixe de utilizar o galego cando outra persoa se dirixe a ela en castelán. "Como profesorado especializado e investigador en sociolingüística, consideramos necesario aclarar que 'bilingüismo cordial' non é un termo recoñecido academicamente", salientan. 

Describen que a investigación sociolingüística documentou amplamente esta dinámica comunicativa, referíndose a ela como "un fenómeno da diglosia, é dicir, unha das manifestacións do proceso de substitución lingüística" no que se atopa inmerso o país.

Estas profesionais aseguran que "resulta preocupante que unha información difundida nun medio público xustifique ou normalice este comportamento lingüístico, xa que isto contradí os principios estabelecidos mesmo polo Estatuto de Autonomía, que encomenda ás institucións a promoción do galego na vida social". Así mesmo, lembran que diferentes normativas e tratados internacionais sobre dereitos lingüísticos reforzan a obriga de fomentar a normalización do galego.

"Instamos a TVG a rectificar esta información e a adoptar medidas"

Por estes motivos, realizan unha solicitude á Corporación Radio e Televisión de Galicia (CRTVG) para que "a cobertura informativa sobre cuestións lingüísticas se basee en criterios obxectivos e académicos, evitando a difusión de conceptos sen valor científico". 

"Instamos a TVG a rectificar esta información e a adoptar medidas que garantan o cumprimento do artigo 5 do Estatuto de Autonomía, que estabelece o deber de promover o uso do galego en todos os ámbitos públicos, culturais e informativos", aseveran no seu escrito, no que tamén animan a todas as persoas "a que contribúan activamente á normalización do galego na súa vida diaria, superando dinámicas de situacións diglósicas e facendo un uso constante e normalizado da nosa lingua propia".

A praza da Quintana ateigada de xente na concentración en defensa do galego do 17 de novembro de 2024 convocada por Queremos Galego CC-BY-SA Praza Pública

As persoas asinantes: 

  • Mariña Arbor Aldea – Universidade de Santiago de Compostela
  • Iván Arias Arias – Universidade de Santiago de Compostela
  • Xosé Bieito Arias Freixedo – Universidade de Vigo
  • Carlos Callón – Universidade de Santiago de Compostela
  • Arturo Casas Vales – Universidade de Santiago de Compostela
  • Lucía Cernadas Varela – Universidade da Coruña
  • Francisco A. Cidrás Escáneo – Universidade de Santiago de Compostela
  • Esther Corral Díaz – Universidade de Santiago de Compostela
  • Xosé Henrique Costas – Universidade de Vigo
  • Fernando Dacosta Pérez – Universidade de Vigo
  • Concepción Diéguez Diéguez – Profesora e investigadora
  • Carme Fernández-Pérez Sanjulián – Universidade da Coruña
  • Francisco Fernández Rei – Universidade de Santiago de Compostela
  • Benigno Fernández Salgado - Universidade de Vigo
  • Estela Fidalgo Garra – Universidade de Santiago de Compostela
  • Manuel Forcadela – Universidade de Vigo
  • Valentina Formoso – Profesora e investigadora
  • Pilar García Negro – Universidade da Coruña
  • Manuel González González – Universidade de Santiago de Compostela
  • Helena González Doval – Universidade de Santiago de Compostela
  • Miguel González Pereira – Universidade de Santiago de Compostela
  • Mercedes González Vázquez - Universidade de Vigo
  • Miguel Guisantes Alonso – Universidade de Santiago de Compostela
  • Ana Iglesias Álvarez – Universidade de Vigo
  • Irene López Batalla – Universidade de Santiago de Compostela
  • María López Sandes – Universidade de Santiago de Compostela
  • Xoán López Viñas – Universidade da Coruña
  • Cilha Lourenço Módia – Universidade da Coruña
  • Ramón Mariño Paz – Universidade de Santiago de Compostela
  • Cristina Martínez Tejero – Universidade de Santiago de Compostela
  • María Isabel Morán Cabanas – Universidade de Santiago de Compostela
  • Eduardo Moscoso Mato – Universidade de Santiago de Compostela
  • Teresa Moure – Universidade de Santiago de Compostela
  • Manuel Negri – Universidade de Santiago de Compostela
  • Alba Nogueira – Universidade de Santiago de Compostela
  • Camiño Noia Campos –Universidade de Vigo
  • José Carlos Quiroga Diaz – Universidade de Santiago de Compostela
  • Mario Regueira – Universidade da Coruña
  • Xosé Luís Regueira Fernández – Universidade de Santiago de Compostela
  • Elvira Ribeiro Tobío –Universidade de Vigo
  • Francisco Rodríguez – Doutor e investigador
  • Miguel Rodríguez Carnota – Doutor e investigador
  • Felisa Rodríguez Pardo – Universidade de Santiago de Compostela
  • Alba Rozas – Universidad de Salamanca
  • Xosé Manuel Salgado – Universidade de Santiago de Compostela
  • Xosé Manuel Sánchez Rei – Universidade da Coruña
  • Xosé Soto Andión – Universidade de Vigo
  • José António Souto Cabo – Universidade de Santiago de Compostela
  • Xavier Varela – Universidade de Santiago de Compostela
  • Nel Vidal – Profesor e investigador
  • Guillerme Vidal Fonseca – Universidad de Extremadura

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.