O Concello decretou a emerxencia do inmoble co obxectivo de levar a cabo actuacións de urxencia para evitar novas derrubas. Porén, non está ho horizonte a restauración integral da casa
A casa natal de Ricardo Carvalho Calero, en Ferrol Vello, sufriu un novo derrubamento este domingo pola tarde. O inmoble, que se atopa en ruínas dende hai anos, perdeu un dos seus muros, cuxas pedras caeron cara ao interior do predio que ocupa, sen povocar danos persoais. Este luns técnicos municipais inspeccionaron o estado da vivenda e a Concellaría de Urbanismo decretou a emerxencia do inmoble co obxectivo de levar a cabo actuacións de urxencia para evitar novas derrubas e garantir a seguridade da veciñanza e dos edificios anexos.
Porén, máis aló da obra puntual que se poida realizar para evitar novos desprendementos, non está ho horizonte a restauración integral do inmoble. O Concello de Ferrol argumenta que primeiro debe aprobarse o Plan Especial de Ferrol Vello, que tampouco semella que vaia ser unha realidade inmediata, pois aínda non chegou sequera a trámite de aprobación inicial.
O Concello de Ferrol argumenta que primeiro debe aprobarse o Plan Especial de Ferrol Vello, que tampouco semella que vaia ser unha realidade inmediata, pois aínda non chegou sequera a trámite de aprobación inicial
O inmoble situado no número 51 da rúa San Francisco é de propiedade municipal. Foi adquirido polo Concello -durante o goberno do socialista Vicente Irisarri- no ano 2011 canda aos números 47 e 49 por 350.000 euros. O obxectivo era levar a cabo unha rehabilitación integral da vivenda e convertela nun grande espazo cultural que incluiría unha Casa-Museo dedicada a Carvalho Calero.
No ano 2015 o Concello de Ferrol aprobou o Plan Especial e Protección e Rehabilitación (Pepri) de Ferrol Vello, que abría a porta a este proxecto. No ano 2021 o Goberno municipal presentou o anteproxecto para a recuperación de cinco inmobles que compoñen o espazo situado entre a rúa de San Francisco e a Praza Vella, entre eles a casa de Carvalho. Era o inicio dunha actuación cuxa finalización estaba prevista para o ano 2023. Porén, uns meses máis tarde o Tribunal Supremo anulou o Plan Especial, estimando o recurso de casación interposto por dous particulares.
No ano 2015 o Concello aprobou o Plan Especial de Ferrol Vello e en 2021 ían comezar as obras para a restauración da casa natal de Carvalho. Porén, o Plan Especial foi anulado polo Supremo pouco despois
A decisión supuxo o retorno á casa de saída e case catro anos máis tarde o barrio de Ferrol Vello, declarado Ben de Interese Cultural no ano 2011, segue a carecer de Plan Especial, o que impide outorgar licenzas para obras que impliquen variación de volumes ou unir predios.
Dende o BNG denúnciase "a degradación continúa que padecen estas edificacións" e culpa da situación ao "desleixo e abandono" por parte do Goberno local. O portavoz municipal dos nacionalistas, Iván Rivas, acusou o PP da "paralización" dos trámites administrativos necesarios para poder levar a cabo a rehabilitación: a redacción do proxecto e a modificación do planeamento, froito dunha "inexistente vontade política".
O BNG acusa o Goberno municipal do PP da "paralización" dos trámites administrativos necesarios para poder levar a cabo a rehabilitación: a redacción do proxecto e a modificación do planeamento, froito dunha "inexistente vontade política"
O BNG propuxo nos últimos anos declarar a casa de Carvalho Calero como Zona de Especial Necesidade de Rehabilitación (ZER), unha medida recollida na Lei que regula as areas Rexurbe, sinalando que isto permitiría desenvolver este proxecto á marxe da anulación do Pepri de Ferrol Vello. Estas zonas vincúlanse a edificios ou conxuntos de edificios específicos para desenvolver intervencións de carácter urxente debido ao seu avanzado estado de deterioro. Segundo o BNG o goberno local simplemente debe achegar as parcelas e a solución técnica xunto a unha valoración económica.