O auxe do testamento solidario en Galicia: cada vez máis persoas deixan parte da herdanza a unha ONG

Sinatura nun notario Dominio Público Vidal Balielo Jr

Case un cento de persoas en Galicia fixeron un testamento solidario nos últimos cinco anos. Foron un total de 90 as que especificaron na súa última vontade que parte do seu legado ou herdanza fose parar a unha ONG para achegar o seu gran de area a unha causa social. 

Case un cento de persoas en Galicia fixeron un testamento solidario nos últimos cinco anos para deixar parte da súa herdanza a unha ONG

Son algúns dos datos que se tiran do último informe anual Testamentos con Impacto realizado pola plataforma Haz Testamento Solidario, que agrupa 28 das principais ONG do Estado e desde hai dúas décadas dedícase a promover a importancia de facer testamento e a posibilidade de colaborar a través deste cunha ou varias causas solidarias mediante unha doazón. 

A plataforma, que informa e axuda sobre os trámites a realizar para esta acción solidaria, destaca no seu último informe o "incremento histórico no interese de galegos e galegas por vincular o seu legado a causas sociais", cun incremento de case o 500% no número de solicitudes de información rexistradas. 

Activistas en Galicia Amnistía Internacional, unha das entidades beneficiarias do testamento solidario CC-BY-SA Amnistía Internacional Galicia

Se en 2021 foron 46 as persoas demandaron información sobre como facer un testamento solidario, no pasado 2025 a cifra situouse nas 256, máis de cinco veces máis. "Os datos reflicten unha transformación social moi profunda en Galicia", explican desde a plataforma, que asegura que este auxe responde a "un maior coñecemento" desta opción, pero tamén a "factores sociodemográficos claves" como "a consolidación dos novos modelos de familia e o aumento da soidade ou dos fogares unipersoais". Todo nun país onde a herdanza ten unha fonda relevancia social, familiar e económica. 

Das 46 persoas que demandaron información en Galicia sobre esta fórmula en 2021 pasouse ás 256 de 2025

No último lustro, A Coruña situouse como a quinta provincia de todo o Estado con maior número de persoas interesadas nos testamentos solidarios, só por tras de Madrid, Barcelona, Bizkaia e València. En concreto, foron 136 as persoas que contactaron coa plataforma ou cunha das ONG para informarse sobre esta fórmula o pasado ano fronte ás 17 de 2021. En Lugo pasouse de tres a 23, en Ourense de sete a 17 e en Pontevedra de 19 a 80. 

Dos 90 testamentos solidarios comunicados no país —aqueles nos que o testador ou testadora avisa á ONG de que a incluíu nesas últimas vontades— nese período, 44 corresponden á provincia da Coruña, 26 á de Pontevedra, nove á de Ourense e un á de Lugo, ademais doutros dez que non están vinculados a territorio ningún en Galicia.

Case a metade deses testamentos solidarios (44) foron aceptados xa polas entidades sen ánimo de lucro, 22 deles na provincia da Coruña. 

"Igual que colaborei en vida, é ben seguir colaborando cando xa non estea aquí", di Carlos Fernández, lucense que fixo un testamento solidario en favor de Amnistía Internacional

Desde a plataforma coidan que o aumento no interese e na certificación de testamentos solidarios en Galicia débese, principalmente, a ese maior coñecemento sobre esta modalidade de colaboración coas ONG. "Durante anos foi practicamente descoñecida para o gran público en España pero hoxe percíbese como un trámite sinxelo, económico e compatible cos herdeiros legais", explica. 

Coincide Carlos Fernández, lucense residente nos Ancares que é un dos galegos que fixo un testamento solidario para deixar parte da súa herdanza a Amnistía Internacional (AI), entidade da que é activista "desde hai máis de 40 anos". "É un trámite fácil que tiña, ademais, xa decidido; abonda con levar identificada a ONG ao notario con todos os datos", explica quen coida que "igual" que colaborou "en vida" con AI "era ben seguir colaborando cando xa non estea aquí". 

Cemiterio nunha parroquia rural de Galicia CC-BY-SA M. Pereira

Pequena achega revalorizada co IPC

Nas herdanzas que se rexen polo Código Civil español, no testamento, á marxe do terzo de lexítima e do terzo de mellora que corresponde a fillos e descendentes, hai outra parte —o terzo de libre disposición— que o testador pode deixar a quen queira, sexa familiar ou non e podendo ser un terceiro ou unha persoa xurídica. 

En Galicia, pola contra, o patrimonio neto da herdanza divídese en dous grandes partes: a lexítima, do 25%, que a lei obriga a reservar para os herdeiros forzosos ou lexitimarios; e a de libre disposición, do 75%, que o testador pode deixar a quen desexe. É aí onde cada vez máis persoas destinan unha cantidade económica ou bens a unha ONG. Estas entidades, ademais, están exentas do imposto de sucesións, polo que o 100% do legado se destina integramente á causa social elixida. 

"No meu caso, decidín deixar unha pequena cantidade fixa, establecendo no testamento que se revalorizase de acordo co IPC para que non se vise afectada pola inflación... Porque non teño pensado morrer axiña", explica entre risas Fernández, que aclara que unha decisión como a que el tomou "non afecta de xeito significativo a posibles herdeiros". 

"A achega que fago a Amnistía Internacional non afecta case nada economicamente aos meus herdeiros, pero é un legado solidario e de orgullo que pode servir como exemplo"

"A pequena achega que eu lego a Amnistía Internacional non supón practicamente nada para os meus herdeiros pero si pode ser importante para a ONG", explica quen cre que mesmo pode supor "un legado solidario e de orgullo" na súa familia. "Pode servir como exemplo, que teñan presente que herdaron algo pero que parte desa herdanza vai para unha causa social coa que eu colaboraba e coa que quixen colaborar mesmo despois de morto", explica. 

A agraciada neste caso, Amnistía Internacional, é unha das 28 ONG incluídas na plataforma Haz Testamento Solidario, todas elas comprometidas con causas humanitarias, da infancia, da saúde, da investigación científica, do medio ambiente ou dos dereitos humanos. Entre elas, ACNUR, Aldeas Infantís, Cruz Vermella, a Federación Española de Bancos de Alimentos, Greenpeace, Mans Unidas ou a Fundación Española contra o Cancro, entre outras. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.