A Directora Xeral de Memoria Democrática, Zoraida Hijosa, e outros representantes ministeriais reuníronse en Santiago co equipo do Grupo HISTAGRA-CISPAC coordinado polos profesores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho
O pasado mes de marzo confirmouse o encargo do Goberno central ao grupo de investigación da USC Histagra para a elaboración do Censo Estatal de Vítimas do golpe de Estado de 1936 e a ditadura franquista. Era un recoñecemento á experiencia do equipo investigador no traballo realizado dende 2006 no proxecto interuniversitario Nomes e Voces, que tivo que pechar por falta de financiamento da Xunta.
Este venres a Directora Xeral de Memoria Democrática, Zoraida Hijosa, o Director de División de Exhumaciones Jaime del Rey Gómez-Morata e o Xefe de Área da Dirección Xeral, José Luis Muñoz Romano desprazáronse a Santiago para participar na reunión de lanzamento do convenio para a elaboración do censo. Os representantes ministeriais mantiveron un encontro co equipo do Grupo HISTAGRA-CISPAC coordinado polos profesores Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho.

Este encargo “supón o recoñecemento a un esforzado traballo de décadas para arroxar luz sobre o período máis negro da nosa Historia recente coa fin de reconstruír a nosa memoria democrática”, destacan Lourenzo Fernández Prieto e Antonio Míguez Macho
Na xuntanza formalizáronse os equipos de seguimento e de traballo que desenvolverán a investigación en todo o territorio español á vez que se definiu a composición dos comités asesores, integrados por especialistas de distintas universidades españolas e iberoamericanas. Ademais, deuse inicio á posta en marcha da base de datos específica que recollerá os resultados do proxecto.
Para os profesores da USC Lourenzo Fernández Prieto, catedrático de Historia Contemporánea, e Antonio Míguez Macho, decano da Facultade de Xeografía e Historia, este encargo “supón o recoñecemento a un esforzado traballo de décadas para arroxar luz sobre o período máis negro da nosa Historia recente coa fin de reconstruír a nosa memoria democrática”.
O convenio ten como obxectivo a elaboración do primeiro Censo Estatal de Vítimas do golpe de Estado de 1936, da Guerra Civil e da Ditadura para o período 1936-1939, así como unha proposta metodolóxica para a súa posible ampliación ao período 1940-1942
Cun horizonte temporal de tres anos e un financiamento de cerca de medio millón de euros, o convenio ten como obxectivo principal a elaboración do primeiro Censo Estatal de Vítimas do golpe de Estado de 1936, da Guerra Civil e da Ditadura para o período 1936-1939, así como unha proposta metodolóxica para a súa posible ampliación ao período 1940-1942, ambos os dous espazos de tempo con maior número de vítimas mortais.
En ambos casos, o censo centrarse en vítimas mortais que non foran combatentes, e abranguerá todo o territorio do Estado español da época, incluíndo o Protectorado de Marrocos, o Sáhara e Guinea.

Ademais da elaboración do censo, este proxecto contribuirá á apertura de novas liñas de investigación apoiadas documentalmente
Os datos obtidos gravaranse na ferramenta Dédalo, que constituirá a base de datos oficial do Censo de Vítimas da Guerra de España e a ditadura. Ademais da elaboración do censo, este proxecto contribuirá á apertura de novas liñas de investigación apoiadas documentalmente, o que fomenta un maior coñecemento da verdade respecto do acontecido durante a Guerra de España e a posterior ditadura.
Ao remate da reunión, a comitiva trasladouse a Vilagarcía de Arousa para visitar o monumento do cemiterio de Rubiáns, inaugurado en decembro de 2024 con motivo da exhumación da fosa común realizada ao abeiro do Plan de Memoria Democrática de Galicia 2021-2024, e foron recibidos polo alcalde da vila, Alberto Varela.