O descenso no número de contaxios de COVID alivia un chisco a situación dos hospitais en Galicia

O lento descenso no número de contaxios alivia a situación dos hospitais CC-BY Imaxe: NIAID | Montaxe: Praza Pública

Sanidade informa este sábado de 355 casos novos, consolidándose o descenso aos poucos no número de contaxios, que alivia a situación dos hospitais

O descenso no número de contaxios de COVID en Galicia alivia a situación dos hospitais, nunha xornada na que melloran un chisco todos os indicadores respecto da pandemia, pero no que a cifra de mortes continúa a ser importante, malia manter unha tendencia á baixa. 

A Consellería de Sanidade informa este sábado de 355 casos novos confirmados por proba PCR nas últimas 24 horas, entre as seis da tarde do xoves e a mesma hora do venres. Son 71 menos dos notificados un día antes, consolidándose a tendencia ao descenso que se mantén tamén na media diaria a sete días de novos diagnósticos. 

O reparto destes novos casos volve ser dispar entre áreas sanitarias e case a metade corresponden ás dúas máis poboadas: a de Vigo, con 74, e a da Coruña-Cee, con 73 nas devanditas vinte e catro horas. Tamén destacan as cifras da área de Lugo, con 61 novos positivos, mentres que Santiago-Barbanza contabiliza 39 e Pontevedra-O Salnés, 55. Ourense destaca, pola súa banda, neste caso polas súas baixas cifras: 17 novos casos.

É destacable o repunte experimentado pola área luguesa, con 30 novos casos máis que na xornada anterior, e o lixeiro aumento na de Ourense, que malia todo segue a consolidar o descenso global das últimas semanas. 

As áreas de Ourense e Santiago sitúanse por baixo do 5% de positividade media a sete días das probas PCR

No que atinxe á positividade media a sete días das probas PCR, con 7.005 procesadas nas últimas vinte e catro horas (unhas 400 menos que o día anterior), o indicador global para Galicia segue baixando aos poucos ata arredor do 6,3%

Polo momento, hai dúas áreas, a de Ourense e a de Santiago, que están por baixo do 5%, limiar que a Organización Mundial da Saúde (OMS) sinala como o axeitado para dar por controlada a pandemia nun territorio.

Hai 65 persoas menos ingresadas con test positivo que hai unha semana, pero seguen sendo máis das que había hai só un mes

A mellora dos datos globais compróbase tamén no que ten que ver co número de pacientes coa COVID-19 que precisan hospitalización. O que o presidente da Xunta dera en chamar "reseteo" dos hospitais antes da "campaña de Nadal" está lonxe de producirse, pero a presión hospitalaria rebáixase aos poucos. 

O total de persoas ingresadas con test positivo é agora de 469, das que 85 están na UCI. Son 65 menos que hai unha semana e unhas 30 menos que o venres, pero seguen sendo aínda máis das que había fai un mes. 

Por áreas sanitarias, as maiores cifras de hospitalización ligada á COVID-19 corresponden á da Coruña-Cee (145) seguida da de Vigo, que xa baixa do cento e queda en 81 persoas logo dun importante descenso. Cómpre ter en conta, coma sempre, que a carga hospitalaria relacionada coa pandemia adoita ser maior que a reflectida nestes datos, toda vez que as persoas infectadas só computan na estatística mentres teñen test positivo, pero deixan de facelo cando pasan a dar negativo aínda que, polo seu estado de saúde, precisen continuar ingresadas.

Así, e logo da última actualización facilitada pola Consellería de Sanidade, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é dun total de 8.211, deles 1.697 son da área da Coruña, 1.065 da de Lugo, 510 da de Ourense, 1.167 da de Pontevedra, 2.168 da área de Vigo, 898 da de Santiago e 706 da de Ferrol.

O cómputo oficial do Sergas inclúe doce mortes máis de persoas con coronavirus 

Ademais, nesta mesma xornada de sábado, o cómputo oficial inclúe doce mortes máis de persoas diagnosticadas de coronavirus, dúas delas usuarias de residencias. Son o dobre das computadas no día anterior, ata chegar ás 1.191 en Galicia desde o inicio da pandemia, 506 delas en centros residenciais de maiores, máis do 42% do total. 

Seguen a ser cifras moi importantes, cunha media de mortes en sete días que aínda é un punto superior á que se rexistraba hai xusto un mes e que se mantén en números semellantes ás que diariamente se computaban a mediados e finais do pasado mes de abril. 

En canto aos casos de coronavirus por concellos, aqueles situados no eixo atlántico e na súa contorna continúan a concentrar as áreas con maior incidencia da pandemia.

En Galicia hai seis concellos cunha incidencia acumulada superior aos 1.000 casos por 100.000 habitantes

Zonas como a Costa da Morte e a comarca de Bergantiños mantéñense como as de maior incidencia acumulada da COVID nos últimos 14 días, ao igual que as comarcas do Salnés e do Baixo Miño, xunto á área metropolitana de Vigo. Outros municipios illados e fortemente afectados son Vilalba ou Monterroso. 

Xa que logo, en Galicia hai un total de seis concellos cunha incidencia acumulada nos últimos 14 días superior aos 1.000 casos por 100.000 habitantes (Irixoa, Beariz, Vilalba, Guntín, Coristanco e Baltar), ademais doutros 24 que a manteñen entre 500 e 1.000. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.