A muller obtivo permiso de residencia en 2018 a petición da xustiza por axudar a desmantelar a rede de prostitución de Lugo, pero malia levar anos residindo de xeito legal denegáronlle a nacionalidade en 2024, o que agora corrixe a Audiencia Nacional
En 2018 unha muller que estaba a colaborar coa xustiza na investigación do caso Carioca de prostitución en Lugo obtivo un permiso de residencia extraordinario a solicitude da xustiza pola súa axuda. En 2022, tras residir legalmente máis anos do requirido, solicitou a nacionalidade, pero o Estado denegoulla en 2024 sen ter en conta o seu propio permiso extraordinario de residencia.
Agora a Audiencia Nacional condena o Estado, considera "acreditado o cumprimento do requisito de residencia legal" e recoñécelle á muller "a nacionalidade española por residencia".
O caso Carioca comezou a ser investigado con dilixencias previas en 2008 por parte do Xulgado de Instrución 1 de Lugo, no que estaba a xuíza Pilar de Lara. A investigación, como outras da mesma xuíza que acabou sendo sancionada, demorouse e diversificouse en varias pezas, chegando a sentenza da peza principal en xullo de 2024, cando quedou confirmada para a xustiza a existencia de favores mutuos entre axentes da Garda Civil e proxenetas con varias mulleres prostituídas como principais vítimas.
Na sentenza da Carioca foron condenados por conformidade dous gardas civís e tres proxenetas. E entre os primeiros estaba precisamente un que tiña entre os seus cometidos realizar inspeccións "en clubs de alterne ou establecementos análogos" para, entre outros aspectos, "examinar a documentación do persoal" e, no caso de persoas estranxeiras, denunciar posibles estancias en situación irregular.
A súa presenza en España era "imprescindible" para a xustiza e obtivo as tarxetas de residencia "desde o ano 2018 ata 2024", pero denegáronlle a nacionalidade por incumprir co requisito de residencia legal continuada
Neste contexto, en marzo de 2018 o xulgado instrutor enviou oficio sobre a muller ao subdelegado do Goberno en Lugo "polo que informa sobre dita colaboración e que a súa presenza en España é imprescindible, solicitando así mesmo que se lle conceda a correspondente autorización de residencia por circunstancias excepcionais". A muller obtivo "as correspondentes tarxetas de residencia en España desde o ano 2018 ata 2024", pero nese ano foille denegada a nacionalidade que solicitara en 2022 por incumprir co requisito de residencia legal previa.
A lexislación establece que as persoas de Iberoamérica que soliciten a nacionalidade española só teñen que residir previamente en España de forma legal, continuada e sen interrupción durante dous anos. E ese foi o argumento dado polo Estado, que non cumprira co requisito de residencia previa legal durante dous anos, obviando o permiso extraordinario que obtivera pola súa colaboración coa xustiza. Así que agora a Audiencia Nacional anula a decisión do Estado "e no seu lugar recoñecemos a nacionalidade española por residencia á recorrente".