O estudo para unha liña de tren Lugo-Santiago reactívase tras dous meses parado polo recurso dunha consultora

O estudo cuxo concurso vén de ser reactivado abre a porta a analizar un corredor ferroviario "directo" entre Lugo e Santiago alternativo á conexión por Curtis que se avaliará inicialmente CC-BY-SA Praza Pública - Ministerio de Transportes

Tras esta paralización e os seguintes pasos pendentes, os resultados das dúas primeiras fases do estudo non estarán ata cando menos finais de 2026

A finais de agosto o Ministerio de Transportes sacou a concurso un estudo de viabilidade para a posible construción dunha liña de tren entre Lugo e Santiago. O seu prazo de execución son 18 meses, pero o comezo dos traballos viuse demorado porque unha das empresas candidatas foi excluída por un defecto formal na súa oferta e presentou un recurso que mantivo paralizado cautelarmente o concurso durante dous meses. O Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais rexeitou finalmente ese recurso e o proceso de adxudicación do contrato vén de reactivarse este mesmo luns.

Vía férrea de Lugo á Coruña ao seu paso por Parga (Guitiriz) CC-BY-NC-SA Praza Pública

O estudo de viabilidade para un tren entre Lugo e Santiago é un dos compromisos acadados co BNG para a investidura de Pedro Sánchez. Con 420.000 euros de orzamento e 18 meses de prazo de execución, nunha primeira fase vai analizar a mobilidade da cidade de Lugo e a súa demanda de transporte e nunha segunda fase avaliará unha posible conexión das liñas xa existentes Lugo-A Coruña e A Coruña-Santiago "na contorna do municipio de Curtis", de onde podería partir unha liña ata conectar co Eixo Atlántico na contorna de ordes.

Pero o contrato tamén contempla a posibilidade dunha terceira fase "opcional", máis alá dos 18 meses previstos inicialmente, para estudar un "corredor alternativo de novo trazado, que uniría directamente as cidades de Lugo e Santiago".

Convocado o concurso a finais de agosto, o 2 de outubro a mesa de contratación abriu as ofertas presentadas, de cinco agrupacións de empresas: Ingeropt3 SLU-Estudios y Servicios de Movilidad y Gestión de Ifraestructuras SL, Proes Consultores SA-Deloitte Strategy, Risk & Transactions SLU, UTE Antea-Teirlog, UTE Tema-Fulcrum Lugo y Santiago de Compostela e UTE Argon Consultores-Sanvi Consulting. E analizada a documentación desta última, a mesa decidiu excluíla por defectos formais na súa oferta técnica e desvelar nela datos da oferta económica, que deben ser avaliados nunha seguinte fase independente.

Resolución do Tribunal de Recursos Contractuais que levanta a suspensión cautelar do concurso para estudar unha posible liña de tren Lugo-Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A empresa formulou un recurso contra a súa exclusión do concurso ante o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais e este, nunha resolución asinada o 16 de outubro, decidiu a paralización cautelar do procedemento de contratación. Tras analizar o caso, o tribunal vén de establecer que a empresa en cuestión foi correctamente excluída do proceso porque desvelara o nome dun dos responsables da súa oferta nun documento no que non podía facelo, o que podía "interferir no xuízo dos técnicos que han de valorar o proxecto". 

O concurso contempla a posibilidade dunha terceira fase "opcional" do estudo que avalíe unha conexión "directa" entre Lugo e Santiago sen pasar por Curtis

Despois desa resolución, que acorda o levantamento da suspensión cautelar, a mesa de contratación do concurso retomou os seus traballos de valoración das ofertas este mesmo luns, dous meses despois da paralización do proceso.Os seguintes prazos, que inclúen a avaliación das ofertas e a adxudicación do contrato, fan que os traballos non poidan comezar ata o vindeiro ano e os resultados das dúas primeiras fases do estudo non vaian estar rematados ata cando menos finais de 2026. Sería a partir dese momento cando se podería facer a terceira e "opcional" fase de estudar unha liña "directa" entre Lugo e Santiago sen pasar por Curtis.

Actual vía de Lugo á Coruña CC-BY-NC-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.