En Galicia hai xa 2.190 núcleos de poboación deshabitados, que podemos identificar na maior parte dos casos como "aldeas abandonadas". A cifra non deixou de crecer nas últimas décadas e, por exemplo, en 2006 eran apenas 1.334
En Galicia hai xa 2.190 núcleos de poboación deshabitados, que podemos identificar na maior parte dos casos como "aldeas abandonadas", aínda que en moitas ocasións se trata de grupos de vivendas dispersas nas que xa non reside ninguén. O INE publicou esta semana os datos actualizados do Nomenclátor, que recolle información sobre as persoas que viven en cada núcleo ou entidade de poboación no Estado.
Galicia -xunto co norte de Portugal, unha parte de Asturias e León- ten unha forma de ocupación do territorio singular e moi diferente á do resto da Península Ibérica: de carácter disperso e cunha multiplicidade de núcleos de poboación, en lugar de agruparse en entidades máis amplas. Razóns históricas e tamén xeográficas explican esta distribución que, por exemplo, leva a que en Galicia haxa case tantos núcleos de poboación (31.325) coma do resto do Estado (47.424). E, igualmente, a metade das entidades de poboación de toda España (30.518 de 62.151).
Deses máis de 30 mil núcleos de poboación, un 7% está deshabitado, 2.190. Un número de núcleos e aldeas abandonadas que nas últimas décadas non deixou de medrar (coa excepción do ano 2023). En 2006, hai menos de vinte anos, eran 1.334.
A cifra podería seguir aumentando nos vindeiros anos. En máis de 1.500 aldeas só viven persoas de máis de 65
Dende hai décadas o fenómeno do despoboamento do rural galego está a provocar que un número cada vez maior de núcleos fiquen completamente deshabitados, convertindo o que anteriormente puido ser un espazo cheo de vida e actividade -e que axudaba ademais a xestionar a contorna- nunha aldea abandonada.
Canda esas máis de dúas mil aldeas abandonadas, cómpre destacar un número semellante de poboacións que unicamente contan con un ou dous habitantes e que, polo tanto, poden estar igualmente en risco de desaparición, máis tendo en conta que unha porcentaxe siginificativa deses núcleos están habitados unicamente por persoas de máis de 65 anos. En concreto, no ano 2024 en 1.565 aldeas galegas só vivían maiores de 65.
Ortigueira (126), As Pontes (90), Muras (56), Ourol (55) e Viveiro (49) son os concellos con máis núcleos deshabitados
Como vén sendo habitual, Lugo e A Coruña suman a maior parte destas aldeas abandonadas, tres de cada catro, en especial nas súas serras setentrionais. Algunhas comarcas do interior de Pontevedra e do centro e sur de Lugo tamén suman un bo número de núcleos sen habitante ningún.
Ortigueira (126), As Pontes (90), Muras (56), Ourol (55), Viveiro (49), A Lama (44), Palas de Rei (44), O Valadouro (38), Friol e A Laracha (34), A Fonsagrada (32), Carballo (31), A Cañiza (30) ou Vilalba, O Saviñao e O Vicedo (29) son os concellos que concentran un maior número de núcleos deshabitados.
En 128 concellos a cifra de aldeas abandonadas aumentou na última década, pero en 100 localidades esta descendeu
En xeral, as zonas que hai unha décadas contaban con máis núcleos habitados foron as que máis incrementaron o seu número de aldeas abandonadas. Trátase de comarcas caracterizadas por un tipo de asentamento da poboación disperso no territorio, o que leva a que existan moitos núcleos con pouca poboación en cada un deles. En cambio, no sur do país, sobre todo na provincia de Ourense, é máis habitual que a poboación se estruture en núcleos algo máis grandes, o que leva a que haxa poucos totalmente despoboados (a pesar de que Ourense é a provincia que máis poboación está a perder).
A Laracha, O Valadouro, Silleda e Oia encabezan os ascensos
Se tomamos como referencia os datos de hai unha década, do ano 2015, vemos como hai 128 concellos no que a cifra de aldeas abandonadas aumentou e 100 localidades na que esta descendeu. Destacan os ascensos na Laracha (24), O Valadouro (18), Silleda (16) ou Oia (16), e tamén no Vicedo (13), Alfoz (12), Cabana de Bergantiños (11), Valga (11), Viveiro (10), Ortigueira (9), O Saviñao (9) ou Ribadeo (9).
Onde máis se reduciu o número de aldeas abandonadas foi en Miño, As Somozas, Sober e Monfero
En cambio, atopamos un feixe de localidades nas que o número de núcleos deshabitados mesmos se reduciu na última década. Destaca o caso de Miño (21 menos), As Somozas (-9), Sober (-7) ou Monfero (-5). Hai descensos tamén en Castro Caldelas, Dodro, Lugo, Moeche, Arbo, Outeiro de Rei, Nogueira de Ramuín, A Merca, O Porriño, Santiago de Compostela, Barreiros ou Punxín.