O número de nacementos aumentou en 2025 por primeira vez dende 2008

O número de nacementos aumentou no ano 2025 en relación ao ano anterior © Montaxe: Praza.gal

En 2025 houbo 13.567 nacementos, 217 máis que os rexistrados en 2024 (13.350), unha suba pequena pero que supón o primeiro cambio de tendencia despois de 18 anos de descensos

2008: en Galicia gobernaba a coalición de PSdeG e BNG con Emilio Pérez Touriño de presidente e Anxo Quintana de vicepresidente; no Goberno do Estado José Luís Rodríguez Zapatero iniciaba a súa segunda lexislatura e, sobre todo, aínda ninguén escoitara falar da Gran Recesión que se iniciaría ese ano (a quebra de Lehman Brothers foi o 15 de setembro dese ano e o PIB español comezou a contraerse no cuarto trimestre). O 2008, hai 18 anos, foi a derradeira vez que o número anuel de nacementos aumentou en Galicia. Ata hoxe.

O INE publica este mércores a estimación mensual de nacementos correspondente a decembro de 2025, que completa os datos anuais e que amosa un incremento no número de nacementos en Galicia en relación ao ano anterior por primeira vez dende aquel 2008. Foron 13.567 nacementos, 217 máis que os rexistrados en 2024 (13.350), unha suba pequena pero que supón o primeiro cambio de tendencia despois de 18 anos de descensos. 

Iso si, mentres que no ano 2008 houbo 23.175 necementos, hoxe a cifra é inferior en case dez mil e sitúase moi lonxe do número de defuncións rexistradas (33.664 en 2025), cun saldo vexetativo negativo de máis de vinte mil persoas.

O aumento relativo no número de nacementos en Galicia (+1,62%) sitúase mesmo por riba do incremento rexistrado no conxunto do Estado (+0,99) e só por detrás do de Euskadi, Madrid e Castela-A Mancha

O aumento relativo no número de nacementos en Galicia (+1,62%) sitúase mesmo por riba do incremento rexistrado no conxunto do Estado (+0,99) e só por detrás do de Euskadi, Madrid e Castela-A Mancha. Os nacementos soben en todas as comunidades autónomas, agás Baleares, Canarias, Cantabria, Estremadura e Navarra.

Por provincias, o número de nacementos aumentou sobre todo en Ourense (+5,22%), ademais de na Coruña (+2,35%) e Lugo (+1,06%). En cambio, diminuíu lixeiramente en Pontevedra. En todo caso A Coruña (5.931) e Pontevedra (4.677) concentraron a maior parte dos nacementos en Galicia.

En 2025 aumentaron, sobre todo, os nacementos de nais entre 35 e 44 anos

En Galicia o aumento provisional é debido, principalmente, ao incremento no número de nacemento entre nais con idades entre os 40 e os 44 anos (+4,65%) e entre os 35 e 40 (+3,37%). Aumentan tamén os nacementos no grupo de idade de 25 a 29 (+2,11) e, en cambio, diminúen no de 20 a 24, 30 a 34 e 45 a 49.

En todo caso, a gran maioría dos nacementos concéntranse no grupo de idade entre 30 e 39 anos, que supoñen o 64% do total. Seguen gañando peso os nacementos de nais entre 40 e 44 anos (ao redor do 13%), que case igualan aos de nais de 25 a 30 anos (15%).

Aquel ano 2008 supuxo un cambio de tendencia en canto ao número de nacementos. Foi o final dun período dun lento ascenso da natalidade, iniciado en 1996, primeiro grazas á chegada ás idades máis fértiles da xeración do baby boom da década dos 70, e despois a consecuencia da vaga de inmigración chegada a Galicia nos primeiros anos deste século.

Despois viñeron case dúas décadas de descensos, acelerados nos primeiros anos polas consecuencias da crise económica, a diminución da poboación nova e a redución no fluxo de inmigración procedente do estranxeiro, recuperado a partir de 2016. Haberá que ver neste 2026 e nos seguintes e os datos de 2025 supoñen de novo un cambio de tendencia, neste caso de ascenso, ou se fican unicamente como un aumento conxuntural.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.