En oito de cada dez fogares non hai ninguén menor de 16 anos
Nos primeiros nove meses do ano 2025 a natalidade en Galicia deu lugar a un fenómeno estraño, por infrecuente. Por primeira vez en dúas décadas, experimentou un lixeiro aumento nun contexto no que é clave a inmigración. Fíxoo, non obstante, tras un ano 2024 que marcou un novo mínimo histórico de nacementos no noso país.
Ao ano 2024, precisamente, corresponde a actualización do módulo xeral da Enquisa Estrutural a Fogares publicada polo Instituto Galego de Estatística (IGE) este 25 de decembro. A información divulgada pola oficina estatística do Goberno galego trae consigo datos que ratifican ese panorama demográfico xeral, caracterízado -ata a devandita novidade de 2025- polo envellecemento e a escaseza de crianzas e poboación adolescente, indicadores que marcan novos récords.
Segundo o IGE, en algo máis do 80% dos fogares de Galicia non había en 2024 ningunha persoa menor de 16 anos, cinco puntos máis que no ano 2007, cando principia esta serie estatística. O indicador é aínda máis avultado ao consultar a porcentaxe de fogares onde reside cando menos unha nena ou neno menor de 5 anos: non hai crianzas nesa franxa de idade en case o 94% dos fogares.
Na cuarta parte de fogares só viven maiores de 65
Isto implica, segundo a mesma fonte estatística, que os 67.380 fogares galegos con crianzas menores de 5 anos teñan un peso residual, de apenas o 6%. Aqueles onde vive cando menos unha persoa menor de 16 anos quedan en pouco máis de 200.000, algo por baixo do 20% do total.
Mentres, os fogares onde todos os seus membros teñen máis de 65 anos continúan á alza. En 2024 eran algo máis de 280.000, algo máis do 25%.