O número de nacementos por trimestre baixa de 4.000 por primeira vez dende que hai datos

Un bebé, ao pouco de nacer Dominio Público Christian Abella

Lonxe fican as cifras de hai unha década, cando o número de nacementos por trimestre roldaba os seis mil, un 50% máis que na actualidade

O número de nacementos en Galicia continúa a caer, nunha tendencia descendente iniciada no 2008 e na que se van sucedendo mínimos históricos. O 2018 foi o ano con menos nacementos dende que hai rexistros e os primeiros datos publicados polo IGE sobre o 2019 apuntan na mesma dirección. No primeiro trimestre do ano por vez primeira o número de nacementos rexistrados foi inferior a catro mil, exactamente 3.854 (fronte aos 4.061 do mesmo período do ano anterior).

Lonxe fican as cifras de hai unha década, cando o número de nacementos por trimestre roldaba os seis mil, un 50% máis que na actualidade. Por provincias, na Coruña rexistráronse 1.623 nacemento, por 1.498 en Pontevedra. Os datos de Lugo (412) e Ourense (321) son moi inferiores e superan por pouco os cen nacementos por mes no conxunto de cada provincia.

 En Lugo houbo no primeiro trimestre 3,2 mortes por cada nacemento e en Ourense esta relación foi de 4,1 defuncións por cada novo rexistro

O número de defuncións foi de 8.711, unha cifra por debaixo da do primeiro trimestre do 2018 (9.735), pero que máis que duplica á de nacementos no conxunto do país. Mesmo na provincia da Coruña prodúcense dúas mortes por cada nacemento (3.419 fronte a 1.623), unha relación que case se acada en Pontevedra (2.644 a 1.498) e que en Lugo e Ourense é moi superior. En Lugo houbo no primeiro trimestre 3,2 mortes por cada nacemento e en Ourense esta relación foi de 4,1 defuncións por cada novo rexistro.

"Agardar que unha muller teña fillos cando a maternidade compromete a súa carreira e a súa permanencia no mercado laboral é un contrasenso", destacaba Isidro Dubert

Isidro Dubert alertaba nesta entrevista sobre a "culpabilización" que determinados discursos sobre o "devalo demográfico" deitaban sobre as mulleres. "Agardar que unha muller teña fillos cando a maternidade compromete a súa carreira e a súa permanencia no mercado laboral é un contrasenso", sinalaba o historiador. "Os estudos que se teñen realizado ao respecto proban que hai unha gran diferenza entre o número de fillos que as mulleres galegas desexarían ter e os que realmente teñen. E esa diferenza entre os fillos desexados e os fillos reais reflicte, de feito, o mal funcionamento do sistema económico e social existente, as desigualdades que xera", engadía.

A realidade é que a idade media da maternidade cada vez se adía máis. Se comparamos os datos dos nacementos que se produciron en 2018 cos rexistrados en 1998 e 2008, vemos como a pesar do descendo xeral nas cifras de natalidade, o número de partos de mulleres por riba de 35 anos non deixou de aumentar. Dos ao redor de 3.000 que se rexistraban en 1998 pasouse aos actuais 8.000. Pola contra, os partos de mulleres entre 20 e 30 anos pasaron de 7.500 a 3.400.

As dificultades para conciliar a vida laboral e os coidados familiares, a penalización que a crianza supón para as mulleres na súa carreira profesional (moi diferente á sufrida polos varóns) e a propia precariedade laboral supoñen na actualidade o maior obstáculo á hora de decidirse a ter un fillo ou filla. E, segundo amosan as propias estatísticas do IGE, os cheques-bebé e demais axudas impulsadas polo Goberno galego nos últimos anos apenas teñen impacto nas cifras de natalidade.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.