O PP bloquea no Parlamento a regularización da profesión de Educación Social

Protesta de educadoras e educadores sociais a prol da regularización da profesión © CEESG

"Están en xogo non só os intereses laborais das/os profesionais, senón algo moito máis importante: a calidade dos servizos socioeducativos que se ofrecen dende a administración pública"

As educadoras e educadores sociais de Galicia levan moito tempo demandando que a Xunta regularice e "dignifique" a súa profesión a través dunha reforma da Lei de emprego público e da convocatoria de postos de traballo desta especialidade (educación social). O pasado 6 de novembro publicouse no DOG a convocatoria da especialidade ‘Educadoras/es’, con 90 prazas, sen esixir nesa convocatoria como requisito a titulación de Educación Social

Esta semana o PSdeG-PSOE levou á cámara as reivindicacións deste colectivo, presentando unha moción para regularizar a profesión. A iniciativa contou co apoio dos restantes grupos da oposición, pero foi rexeitada pola maioría absoluta do Partido Popular. Ante o bloqueo exercido polo PP, o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (CEESG) alerta de que "están en xogo non só os intereses laborais das/os profesionais desta disciplina, senón algo moito máis importante: a calidade dos servizos socioeducativos que se ofrecen dende a administración pública".

Cartel de apoio á dignificación da profesión de Educación Social © CEESG

O PP rexeitou promover unha Lei de Profesionalización da Educación Social para “visibilizar, dignificar e reivindicar o papel destes profesionais como axente de cambio na nosa sociedade”

A proposta socialista apostaba por promover unha Lei de Profesionalización da Educación Social para “visibilizar, dignificar e reivindicar o papel destes profesionais como axente de cambio na nosa sociedade”. A deputada Noela Blanco salientou a importancia desta profesión para “abordar necesidades sociais ás cales dan solución con actuacións específicas”, como por exemplo fronte aos problemas de convivencia, as novas modalidades de exclusión ou a necesidade dun reparto máis equitativo dos bens. E advertiu de que a ausencia de regulación desta profesión “fai que non estean claros os límites e o alcance da mesma, tanto nas entidades públicas, nas entidades privadas como no terceiro sector”.

"Tendo en conta que nos encontramos ante servizos públicos que en moitos casos atenden a persoas en situación de vulnerabilidade, cobra aínda máis importancia garantir que ditos servizos sexan prestados por profesionais acreditadas/os", sinala o Colexio, que engade que en Galicia "existe unha titulación universitaria, a de Educación Social, implantada dende mediados dos anos 90".

O CEESG subliña que a aceptación doutras titulacións distintas de educación social "é un agravio e discriminación para as educadoras/es sociais, así como un factor que incide na calidade dos servizos socioeducativos ao non garantir o carácter interdisciplinar que debe caracterizar os equipos profesionais e a especialidade neste campo". E lembra que a creación do título de Educación Social tivo lugar "ao detectarse dunha necesidade de formación universitaria especializada á que non daba resposta ningunha titulación das existentes con anterioridade".

A día de hoxe, hai máis de 4.000 persoas tituladas en Educación Social en Galicia

"A Xunta de Galicia debería dar exemplo na defensa do dereito da cidadanía a recibir unha atención especializada, así como na defensa dos dereitos das persoas que investiron esforzo, tempo e cartos nunha formación universitaria oficial, recoñecida pola administración pública", di o Colexio, que salienta que a día de hoxe, hai máis de 4.000 persoas tituladas en Educación Social en Galicia.

O CEESG afirma que seguirá defendendo "que a única titulación que debe ser admitida no proceso selectivo de “educador/a” é a de Educación Social (diplomatura ou grao)" ante a Dirección Xeral de Función Pública e as organización sindicais, ás que critica a súa negativa a defender as súas reivindicacións.

Ademais, mantense aberta a campaña online que lle reclama á Xunta o recoñecemento profesional da Educación Social, e que xa recolleu máis de cinco mil apoios.

Protesta de educadoras e educadores sociais a prol da regularización da profesión © CEESG
Carteis de apoio á dignificación da profesión de Educación Social © CEESG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.