O primeiro ano da alta velocidade coa Meseta transportou 1,8 millóns de viaxeiros, o dobre que antes da pandemia

Un tren do servizo Alvia e outro do servizo AVE, os dous de alta velocidade, na estación de Ourense CC-BY-SA Praza Pública

Hai 57 frecuencias semanais por sentido entre Galicia e Madrid, pendentes de mellora coa chegada dos trens Avril que Talgo ten pendentes de entregar desde hai meses

O 21 de decembro de 2021, un día despois da súa inauguración por parte das autoridades, entraba en servizo comercial a liña de alta velocidade ferroviaria entre Galicia e a Meseta. Un ano despois Renfe informa este mércores de que neste tempo transportou, tanto a través dos seus servizos AVE como dos Alvia, 1,8 millóns de viaxeiros, case o dobre que a cifra rexistrada en 2019, o último ano antes da pandemia da COVID e das súas restricións.

Autoridades na inauguración do AVE entre Galicia e a Meseta o 20 de decembro de 2021 © Casa Real

A posta en marcha da nova liña entre Seabra e Ourense supuxo unha nova redución dos tempos de viaxe en preto dunha hora, deixando a conexión entre Madrid e Ourense en dúas horas e cuarto nos servizos AVE. Unhas melloras que serán maiores e se estenderán ao resto de Galicia cando entren en servizo, presumiblemente ao longo de 2023, os trens Avril de alta velocidade e ancho variable que debían estar operativos hai máis dun ano pero que Talgo aínda non entregou a Renfe.

Mentres, a nova liña inaugurada hai un ano permitiu aumentar un 56% as circulacións entre Galicia e a Meseta a respecto das que había en 2019, con 57 frecuencias por sentido á semana con Zamora e Madrid, ás que se veñen de sumar outro servizo diario directo por sentido entre Ourense e Cuenca, Albacete e Alicante.

A liña coa Meseta e a do Eixo Atlántico, aberta unha década antes, supuxeron un investimento duns 9.000 millóns de euros

A inauguración da liña coa Meseta de hai un ano chegou unha década despois de que Galicia xa viñese desfrutando dun tren interno de altas prestacións entre A Coruña e Vigo que é unha das liñas de media distancia máis empregadas de todo o Estado. Entre as dúas liñas, o investimento realizado ascendeu a uns 9.000 millóns de euros.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.