Tras ser condenada en primeira instancia, a Xunta recorreu para limitar a 12 meses a exención das gardas da afectada, pero o TSXG reitera que deberá ser "mentres se manteña a lactación", que Sanidade recomenda cando menos ata os 2 anos
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de condenar o Sergas a indemnizar a unha médica do complexo hospitalario de Ourense por non facilitarlle a lactación tras ser nai ao manterlle gardas de 24 horas continuadas. Tras ser condenado en primeira instancia por un xulgado de Ourense, o Sergas recorreu para limitar a 12 meses a exención das gardas, pero o tribunal reitera que deberá aplicarse "mentres se manteña a lactación".
A medida vai en liña coas recomendacións da propia Consellería de Sanidade. Como o consenso científico internacional, aposta pola lactación exclusiva ata os 6 meses e pola combinación con alimentación complementaria "ata os dous anos de idade ou máis".
A muller afectada deu a luz en febreiro do pasado ano e tras sumar permisos e vacacións debía incorporarse ao traballo en outubro. En xullo solicitou a adaptación do seu posto de traballo para ser eximida das gardas de 24 horas continuadas por risco para a lactación, pero o servizo de prevención de riscos laborais do hospital ourensán considerou que era apta para seguir facéndoas se tiña á súa disposición un lugar adecuado para "extraer o leite, aleitar o seu bebé e unha neveira para gardar o leite".
A propia Consellería de Sanidade recomenda "aleitar de día e de noite, cada vez que o neno o pida", con lactación exclusiva ata os 6 meses de con comidas complementarias "ata os dous anos de idade ou máis"
A muller alegou a esa decisión cun informe pediátrico que insistía en que "a xornada ininterrompida de 24 horas de traballo da nai pode poñer en risco a continuidade da lactación". Pero a Xunta xa nin lle respondeu, como adoita facer con todo tipo de escritos da cidadanía, e tivo que acudir á xustiza.
Un xulgado do Social de Ourense comezou por decretar unha medida cautelar de suspensión das gardas continuadas dous días antes de que a muller se reincorporase ao traballo en outubro. E en decembro emitiu a súa sentenza sobre o fondo do caso estimando a demanda da muller e e eximíndoa das gardas "durante a situación de lactación e mentres esta se manteña".
O Sergas non asumiu a sentenza e recorreu ao Tribunal Superior de Xustiza de Galicia con diversos argumentos. Un deles foi que o xulgado de Ourense non dera resposta á súa petición previa de que a exención das gardas tivese "o límite temporal de 12 meses". Porén, o TSXG salienta que a sentenza previa si que respondeu a esa cuestión establecendo que non tivese gardas durante toda a lactación, "sen que a maxistrada de instancia poida determinar dita duración", que deberá ser establecida por persoal médico "en función das circunstancias que concorran en cada caso concreto".
A sentenza agora feita pública polo TSXG tamén salienta que non está probado que o Sergas cumprise coas esixencias do seu propio servizo de prevención de riscos laborais de facilitar unha sala para extraer o leite, aleitar ou gardar o leite nunha neveira. Así, o tribunal ratifica a condena ao Sergas, que deberá indemnizar á afectada con 1.800 euros.
A sentenza pronúnciase en liña coas recomendacións sobre lactación da propia Consellería de Sanidade, acordes co consenso científico internacional. Estas recomendan "aleitar de día e de noite, cada vez que o neno o pida e ata que quede satisfeito", con lactación exclusiva ata os 6 meses e con comidas complementarias "ata os dous anos de idade ou máis".