En marzo do pasado ano o Xulgado do Penal número 1 de Santiago absolveu dos delitos de acoso sexual, abusos sexuais e acoso laboral a un ex-xefe de planta do Corte Inglés de Santiago que durante anos sometera a unha das súas empregadas a insinuacións, tocamentos e proposicións sexuais, que cando foron rexeitadas convertéronse nun comportamento hostil cara a ela.
A Audiencia Provincial da Coruña anula a sentenza ditada hai un ano, que non viu delito nas insinuacións, tocamentos e proposicións realizadas polo xefe contra unha empregada, feitos probados
Aquela sentenza, aínda que recoñecía todos este feitos como probados, como anteriormente fixera o xulgado do Social, que condenara á empresa a indemnizar á empregada, non os considerou suficientes para ser constitutivos de delito, pois "quedan fóra da órbita penal". A empregada, que entrevistamos en Praza.gal antes daquel ditame, apelou a sentenza e a Audiencia Provincial da Coruña vén de darlle a razón, anulando aquel xuízo, que ordena repetir.
A Audiencia destaca o feito de que a sentenza anulada si recolleu no apartado de feitos probados “unha serie de condutas de carácter sexual (como son as insinuacións e comentarios de contido sexual, exhibicións no teléfono móbil de material de natureza sexual, tocamentos en pernas e cintura e proposicións de manter relacións sexuais), algunhas reiteradas no tempo”. Porén, subliñan que aquel xuíz non realizou “unha valoración racional sobre a cuestión”.
A sentenza orixinal indicaba que "a pura solicitude de favores de natureza sexual no ámbito laboral non é delitiva" a pesar de ter sido realizada polo seu superior directo, que reaccionou con "hostilidade" á negativa
Por exemplo, a sentenza orixinal indicaba que "a pura solicitude de favores de natureza sexual no ámbito laboral non é delitiva", a pesar de ter sido realizada polo seu superior directo, é dicir, valéndose dunha situación de superioridade manifesta que coarta a liberdade da vítima. E, de igual xeito, admitía de que produciran "tocamentos sobre as súas pernas e cintura" e "contacto físico non desexado" pero non atopaba neles unha significación sexual.
Así mesmo, indicaba que os frecuentes comentarios que lle dirixía, como "qué pechotes", "menudos cántaros de miel", "¿por qué no te vienes a la cama conmigo?", "qué pena que llevas pantalón" ou "no me vengas con esos morritos que me están poniendo cachondo" non constituían un delito de acoso sexual se non se podía inferir que incluían unha "solicitude sexual".
Os xuíces da Audiencia Provincial salientan que o maxistrado ignorou "na vítima unha situación de sufrimento pola humillación sufrida e a hostilidade manifestada”
Por todo isto, os xuíces da Audiencia Provincial conclúen que se produciu unha "irracional valoración probatoria". Así mesmo, salientan que o maxistrado ignorou "na vítima unha situación de sufrimento pola humillación sufrida e a hostilidade manifestada”. E todo a pesar de que un informe pericial realizado polo IMELGA sinala que "a sintomatoloxía que a denunciante presenta na actualidade se atopa dentro do trastorno de ansiedade xeneralizada e é consecuencia total, directa e certa do dano psíquico que causou a situación de acoso".
"Consideran normal que ás empregadas lles digan cousas, que as toquen, que as soben..."
Isabel Fraga sufriu este acoso sexual por parte do seu superior directo na empresa de forma "grave e persistente", segundo concluíu anteriormente o Xulgado do Social, que condenou a El Corte Inglés a indemnizala con 42.000. A compañía despedira previamente ao acusado despois de coñecer as conclusións dun informe interno que ratificou as denuncias desta traballadora e doutras, que tamén sufriran esta situación, en maior ou menor medida.
Isabel Fraga sufriu este acoso sexual de forma "grave e persistente", segundo concluíu o Xulgado do Social
Porén, a sentenza do Xulgado do Social subliñou que nun primeiro momento El Corte Inglés non adoptara "ningunha medida correctiva" e que "nin sequera se molestou en investigar os feitos". E, de feito, despois dun "apercibimento verbal" o acusado mesmo foi ascendido. "É algo que ten montado esta xente, que ao final funciona como unha seita. Consideran normal que ás empregadas lles digan cousas, que as toquen, que as soben...", destacaba Isabel Fraga en conversa con Praza.gal.
Foi precisamente o obxectivo de procurar un cambio en El Corte Inglés e noutras empresas nas que se repiten este tipo de situacións o que animou a Isabel Fraga, asesorada pola CIG, a denunciar o acusado tamén pola vía penal, camiño inicialmente truncado coa absolución ditada o pasado ano e de novo aberto trala decisión da Audiencia Provincial coñecida este luns.