Durante o pasado ano 8.344 persoas residentes en Galicia accederon á nacionalidade. Trátase dunha cifra en aumento pero que fica moi por detrás doutras comunidades, mesmo de varios territorios con menos poboación
Está en marcha dende hai un mes o proceso de regularización de persoas migrantes en situación administrativa irregular, unha medida que vai abrir a porta ao traballo legal a entre 8.000 e 10.000 persoas en Galicia, persoas que xa residían (e traballaban nos máis dos casos) no noso país. Dende hai anos un número crecente de persoas procedentes doutros países veñen accedendo á nacionalidade a través dun proceso habitualmente longo e complexo.
Durante o pasado ano 2025 un total de 8.344 persoas residentes en Galicia accederon á nacionalidade española, a maior parte, precisamente, por residencia. Trátase dunha cifra en aumento nos últimos anos (6.667 en 2024) que case multiplica por catro o dato de 2019 (2.123). Con todo, cómpre salientar que o número de persoas nacionalizadas en Galicia supón apenas o 2,8% das que se produciron en todo o Estado español, case 300.000.
O pasado ano houbo máis nacionalizacións de mulleres (4.881) que de homes (3.463) case a metade foron de persoas entre os 25 e os 45 anos
Galicia está moi lonxe dos datos de Madrid ou Cataluña (70 mil en cada caso) e mesmo sitúase por detrás de comunidades autónomas con menos poboación, como Euskadi, Canarias, Murcia, Aragón, Baleares, Castela e León.
En Galicia houbo o pasado ano máis nacionalizacións de mulleres (4.881) que de homes (3.463) e unha parte significativa dos procesos correspondeu a poboación nova, pois case a metade das nacionalizacións foron de persoas entre os 25 e os 45 anos.
O país de orixe máis habitual foi Venezuela (2.059), seguido de Cuba (1.099), Colombia (1.053), Perú (581), Brasil (469), República Dominicana (431) e Arxentina (311)
De igual xeito, a maior parte das nacionalizacións foron de persoas con orixe en Latinoamérica. Así, dos 8.344 procesos, e deixando á marxe a 707 que naceron en territorio español, o país de orixe máis habitual foi Venezuela (2.059), seguido de Cuba (1.099), Colombia (1.053), Perú (581), Brasil (469), República Dominicana (431) e Arxentina (311).
Fóra de América, tan só Marrocos (260), Senegal (103), Romanía (57) e Portugal (56) acadaron cifras significativas. En total, preto do 80% das nacionalizacións corresponderon a persoas nacidas en Latinoamérica.