Os casos de agresión e abuso sexual medraron un 32% o pasado ano, sobre todo contra menores

Manifestación feminista na Coruña contra as agresións sexuais CC-BY-SA Praza Pública

Nos últimos anos non deixa de medrar en Galicia o número de delitos contra a liberdade sexual: abuso, acoso, agresión... No último ano, ademais, creceron de forma moi importante os abusos e agresións cometidos contra menores de idade. A Fiscalía fíxo pública esta semana a Memoria correspondente ao ano 2018, que recolle a evolución da actividade levada a cabo en cada un dos tipos penais. 

Abríronse 1.097 dilixencias por delitos contra a liberdade sexual, fronte ás 869 do ano anterior, un 26% máis. O crecemento acumulado dende o 2015 é xa do 51%.

Como xa recollera hai uns meses o Ministerio do Interior, o número total de dilixencias abertas por delitos contra a liberdade sexual marcou o pasado ano un novo máximo. Foron 1.097, fronte ás 869 do ano anterior, un 26% máis. O crecemento acumulado dende o 2015  é xa do 51%.

Aumentan todos os delitos, pero moi especialmente os abusos sexuais, que pasan de 283 a 403 (+42%). De igual xeito, as agresións sexuais elévanse de 296 a 351 (+19%). En total, os delitos de abuso e agresión sexual, en todas as súas variantes, medraron un 32% en 2018.

Cómpre salientar o grande incremento dos delitos sexuais no que a vítima é menor de idade. Os abusos sexuais a menores de 16 anos pasan de 43 a 82, cun aumento do 55%. Ademais, as agresións sexuais a menores de 16 pasan de 30 a 40 (+33%). Finalmente, a utilización de menores con fins pornográficos sobe de 22 a 33 (+33%).

Do 2015 ao 2018, o abuso a menores de 16 anos creceu un 193% e as agresións sexuais a menores eleváronse un 264%

Se observamos a evolución nos últimos catro anos (do 2015 ao 2018) as cifras son moito máis negativas. Os abusos sexuais medraron un 66%, as agresións sexuais un 49% e o exhibicionismo e provocación sexual un 39%. Se nos fixamos unicamente nos delitos cometidos contra menores, as porcentaxes dispáranse: o abuso a menores de 16 anos creceu un 193% e as agresións sexuais a menores eleváronse un 264%. 

Medran tamén os delitos por produción, distribución ou tenza de material pornográfico (+79%). E descenden unicamente as cifras de acoso sexual (-15%) e a utilización de menores con fins pornográficos (-13%).

O perfil de agresores e vítimas

O 84% das vítimas son mulleres, fronte a un 16% de varóns. En cambio, o 96% dos agresores son homes, fronte a un 4% de mulleres

O pasado ano o Ministerio do Interior publicou un informe centrado neste tipo de delitos, que debullaba varias características de agresores e vítimas: nacionalidade, idade, xénero..., o que permitía establecer un perfil das persoas que cometen este tipo de delitos e das persoas que os sofren. 

O 84% das vítimas son mulleres, fronte a un 16% de varóns, aínda que con diferenzas entre uns e outros delitos: no de pornografía de menores as proporcións están igualadas (49% nenos, 47% nenas), mentres que nos casos de agresión o 92% das vítimas son mulleres. O 70% das vítimas masculinas eran menores de idade, mentres que nas vítimas de sexo feminino a idade máis habitual é o treito comprendido entre os 18 e os 30 anos.

O 70% dos detidos foron de nacionalidade española e o 30% foron estranxeiros

En cambio, o 96% dos agresores foron homes, fronte a un 4% de mulleres. As mulleres só acadan unha porcentaxe significa nos delitos relacionados coa prostitución, nos que o 35% das acusadas foron se xénero feminino. Nos casos de agresión, abuso ou acoso, a proporción de homes responsables dos feitos vai do 97% ao 100%.

O 70% dos detidos foron de nacionalidade española e o 30% foron estranxeiros. Tamén a maioría das vítimas tiña nacionalidade española (78%) e o 22% eran estranxeiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.