INE e Imelga volveron rexistrar en 2025 arredor de trescentas as mortes por suicidio, "un dos máis graves problemas de saúde pública que padecemos", vén advertindo o Movemento Galego pola Saúde Mental
"Un dos máis graves problemas de saúde pública que padecemos". O Movemento Galego pola Saúde Mental (MGSM), composto por profesionais deste ámbito, resumía o pasado setembro, no marco do Día Mundial de Prevención do Suicidio, a "intolerable" realidade galega ao respecto, marcada por condicións materiais de vida e tamén de acceso á sanidade pública, advertían, e resumida nun número: os arredor de 300 mortes por suicidio cada ano, con escasas variacións.
Nos dous últimos días as fontes máis habituais para acceder a este dato, o INE e mais o Instituto de Medicina Legal de Galicia, ofreceron as cifras ao respecto correspondente ao ano pasado e a fotografía repítese case inalterable. Foron 303 suicidios no noso país, segundo o Imelga, e 295, segundo os datos provisionais da oficina estatística estatal.
No marco da presentación da súa memoria de actividades do pasado ano, o Imelga advirte da "importante repercusión epidemiolóxica" destes datos, dada a súa "capacidade para proporcionar información relevante e significativa". Neste sentido, indican, son clave no desenvolvemento do vixente Programa de prevención e postvención das condutas suicidas de Galicia e mais no Consello Interdepartamental de Coordinación para a Prevención e Atención das Condutas Suicidas.
O Imelga resalta que "a maior incidencia segue rexistrándose na poboación adulta maior de 50 anos", se ben é a principal causa de morte en idades mozas
As 303 mortes por suicidio investigadas polo Imelga en 2025, indica o documento, supuxeron un terzo das mortes violentas no país no mesmo período. Un ano máis, a súa incidencia é moito máis elevada en homes (tres de cada catro) ca en mulleres. En canto a idades, advirte, "a maior incidencia segue rexistrándose na poboación adulta maior de 50 anos, cunha maior relevancia entre as persoas entre os 51 e os 60 anos" e mesmo once casos entre maiores de 90.
Alén das pequenas diferenzas nas cifras absolutas anuais a respecto das memorias do Imelga, as series estatísticas do Ine, que se remontan a hai máis de catro décadas, permiten observar con maior detalle a incidencia das condutas suicidas por anos e idades. Así, por exemplo, nos anos da pandemia rexistrouse un incremento entre a poboación na contorna dos 50 anos.
Mentres, segundo a mesma fonte estatística, os suicidios entre menores de 30 anos son agora, en termos absolutos, menos que nos anos 90. Pero actualmente son a principal causa de morte, mesmo por diante dos accidentes de tráfico.
A taxa galega de mortes por suicidio foi en 2025 a segunda máis elevada do Estado, só por tras de Asturias
Na ollada ao longo do tempo detíñase tamén o Movemento Galego pola Saúde Mental nas devanditas consideracións. Así, advertían de que "as cifras melloraron, as condicións materiais de vida da poboación tamén, e estes son factores esperanzadores para a evolución desta cuestión", se ben elementos como "a imposibilidade de acceso de moita xente a unha vivenda digna" xunto a outras "condicións de existencia" como "emprego, convivencia, apoio social, atención sanitaria" seguen a ser "factores determinantes" para previr e evitar suicidios.
Todo isto sucede nun contexto no que a taxa galega de suicidios segue entre as maiores do Estado ao ser o pasado ano a segunda máis elevada. Atendendo aos datos do INE tanto para o número de casos de mortes por esta causa (2025) como para as cifras poboacionais actualizadas (pechadas o pasado abril), no noso país rexistráronse case 11 suicidios por cada 100.000 habitantes, só por tras de Asturias.