Persoal do Fuenlabrada volve á Coruña a escasas horas das restricións polos brotes da COVID-19 na comarca

Estadio de Riazor, nunha imaxe de arquivo © RCDeportivo

Ás cero horas deste sábado, 8 de agosto, comezará a rexer na comarca da Coruña o paquete de restricións aprobado de urxencia pola Consellería de Sanidade para procurar frear o espallamento dos brotes de coronavirus que, admite a Xunta, xa implican "risco de transmisión comunitaria". Peches de pubs e discotecas, illamento de residencias de maiores, peches de centros de día ou redución de capacidade e horarios de comercios e negocios son as principais medidas implantadas por un mínimo de cinco días, ampliables en tempo e intensidade en función da evolución epidemiolóxica da contorna.

O encontro suspendido polo brote da COVID-19 importado pola expedición do Fuenlabrada á Coruña foi reprogramado mentres segue aberto o proceso xudicial polos incumprimentos dos protocolos sanitarios

Poucas horas antes da entrada en vigor destas limitacións, o Club de Fútbol Fuenlabrada volveu desprazar a parte do seu persoal á cidade da Coruña, a onde chegou en dous autobuses escoltados pola Policía Nacional dende o aeroporto compostelán de Lavacolla. Viaxaron para disputaren, no estadio de Riazor, o partido fronte ao Deportivo reprogramado pola Liga de Fútbol Profesional tras ser suspendido o pasado 20 de xullo por mor do brote da COVID-19 importado a Galicia pola expedición do club madrileño.

Tras ficar constatado nas últimas semanas que tanto o club como a patronal do fútbol profesional coñecían a existencia dun brote de coronavirus, a nova viaxe prodúcese nunha situación de incerteza en torno a situación epidemiolóxica do persoal desta sociedade anónima deportiva. E produciuse, sobre todo, mentres nun xulgado coruñés continúa o procedemento xudicial contra a Liga, o seu presidente, Javier Tebas, e o propio Fuenlabrada por presuntos delitos de lesións e contra os dereitos dos traballadores.

O propio Tebas, que días atrás se mostrara partidario de suspender definitivamente este partido e admitía ser "responsable" da viaxe co brote importado, mudou o seu discurso nos últimos días. Así, por exemplo, suxeriu a través das súas redes sociais que, en realidade, a situación creada foi un "circo" impulsado pola directiva do Deportivo da Coruña ante o risco de ver consumado o seu descenso á Segunda División B. "A Liga actuou correctamente", insistiu.

"A Liga actuou correctamente", vén defendendo o presidente da patronal futbolística, a quen o Concello da Coruña acusa de promover a viaxe do pasado xullo "aínda sabendo que na súa expedición figuraban persoas que supuñan un risco evidente de difusión da COVID-19"

Mentres isto sucedía, dende o Concello da Coruña esixíase coñecer a situación sanitaria do persoal do Fuenlabrada desprazado á cidade. Facíao tras confirmar a súa comparecencia no devandito proceso xudicial e despois de que a Fiscalía asumise como propia a denuncia formulada ao respecto polo propio goberno local. Cómpre, sinalou o Concello, "actuar coa máxima contundencia contra aqueles que, movidos por intereses espurios, foron quen de pór en risco unha cidade e realizar unha viaxe aínda sabendo que na súa expedición figuraban persoas que supuñan un risco evidente de difusión da enfermidade da COVID-19", indican.

Previamente, o propio Concello amosara tamén a súa indignación polo feito de que Álex Bergantiños, capitán do Dépor, fose interrogado por axentes da Policía Nacional expresamente desprazados dende Madrid á Coruña. A intención, segundo transcendeu, foran pedirlle contas por un audio filtrado a varios medios no que se refería á posible celebración do partido adiado ante o Fuenlabrada como un "paripé". O interrogatorio produciuse tras unha denuncia da propia Liga.

Declaracións de Álex Bergantiños, distribuídas polo Deportivo da Coruña, tras a súa declaración ante a Policía © RC Deportivo

A Xunta ultima senllas propostas de sanción superiores aos 300.000 euros para a Liga e o Fuenlabrada

Coa vertente deportiva sepultada baixo o aluvión de consecuencias do brote de coronavirus importado, o pasado mércores o xornal La Voz de Galicia e a axencia Europa Press adiantaban que a Consellería de Sanidade ve xa claro que tanto a Liga como o Fuenlabrada incumpriron o protocolo da propia organización deportiva para evitar contaxios do coronavirus, ademais da normativa xeral que obriga a illar as persoas que dan positivo e aos seus contactos. Por todo isto, a autoridade sanitaria prevé propoñer senllas sancións de 360.000 euros para a Liga e o Fuenlabrada.

Mentres, no litixio futbolístico, o Deportivo da Coruña asinaba conxuntamente co Numancia de Soria unha petición ante o Consello Superior de Deportes, dependente do Ministerio de Cultura e Deporte, para a apertura dun expediente disciplinario contra Tebas. O presidente da Liga, acusan, cometeu "reincidentes infraccións moi graves", dende o propio desprazamento do Fuenlabrada á Coruña sabendo da existencia de positivos ata o incumprimento do protocolo sanitario, alén dos aspectos deportivos que ocasionan, na súa opinión, "graves danos e prexuízos" á Liga e aos clubs que fan parte dela.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.