Política Social abre expediente ao persoal que denunciou a filtración das datas de inspección ás residencias

A conselleira de Política Social, Fabiola García, nunha visita a unha residencia de maiores na Pobra do Caramiñal CC-BY-SA Xunta de Galicia

Advertiuno a conselleira de Política Social, Fabiola García, hai menos dun mes no Parlamento. "A Consellería realizará as actuacións correspondentes e adoptará as medidas necesarias para depurar as responsabilidades ás que haxa lugar", ameazou en resposta á denuncia que inspectores e inspectoras de centros fornecedores de servizos sociais lanzaran no pasado mes de agosto. 

Entre duras críticas á conselleira, á que acusaron de "obstaculizar a eficacia" do seu labor nas residencias de maiores, advertiron de "filtracións" mesmo desde o propio departamento da Xunta das datas e horas das inspeccións nalgúns centros para que estes puidesen "tapar só durante a visita as irregularidades e ilegalidades nas que están incorrendo". 

Política Social responde ás denuncias de filtracións de datas de inspección abrindo expediente aos inspectores e citándoos a declarar

Ante a gravidade das denuncias, a Consellería apurouse a "negar con total contundencia" unhas acusacións que consideraba "moi graves" e que, advertía, "carecen de veracidade e fanse sen ningún tipo de proba". Esa fora a resposta ao comunicado emitido pola Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais (Agiss), que sinalaba directamente a Fabiola García por "permitir que as visitas da Inspección se coñezan de antemán nas residencias de maiores a inspeccionar".

A resposta de Política Social foi tamén contundente: abriu expediente sancionador aos inspectores e inspectoras, aos que está chamando a declarar estes días na sede da Consellería. Este mesmo mércores acudiu algún deles a unha cita na que o departamento que dirixe Fabiola García busca "determinar as posibles responsabilidades que xustifiquen a iniciación dun procedemento disciplinario pola nota informativa" que a Agiss emitiu a principios do mes de agosto. 

Persoal e residentes nun centro de maiores da Xunta CC-BY-SA Xunta

A Consellería busca "determinar as posibles responsabilidades que xustifiquen a iniciación dun procedemento disciplinario" aos inspectores

As declaracións do persoal do corpo de inspectores —que non chega ás quince persoas para toda Galicia— chegan estes días mentres que as citacións fóronlles chegando xa a pasada semana. Pero a apertura do expediente data xa do pasado mes de agosto e foi orde da Secretaría Xeral Técnica da Consellería, tal e como reza nas citacións ás persoas afectadas.  

Consultada por este diario, a Consellería aclara que "a Xunta abriu unha investigación interna con todo o equipo de inspección para descartar posibles irregularidades no servizo, como as que se denunciaron nun comunicado o pasado mes de agosto". "O Goberno galego é o máximo interesado en saber se hai algún problema no funcionamento do servizo e, por iso, é necesario que os demandantes, ante unhas acusacións tan graves, acheguen as probas pertinentes", din desde o departamento que dirixe Fabiola García, que di non ter "indicios de que sexa certo o que se afirma no comunicado". "Seguiremos investigando para esclarecelo", engaden. 

Pola súa banda, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, aludiu á "transparencia" e á "investigación" para advertir dun proceso aberto para "saber exactamente o que pasou". "Quen non sexa responsable de ningunha conduta non axeitada como funcionario público non debe temer ningún problema", dixo. 

A Xunta di que abriu unha "investigación interna para descartar posibles irregularidades" e para procurar "probas" ante unhas acusacións "tan graves"

A Federación Galega de Asociación de Familiares e Usuarias das Residencias e da Dependencia (REDE), pola súa banda, reaccionou ao coñecerse a apertura deste procedemento acusando a Política Social de levar a cabo "unha caza de bruxas contra dos inspectores que denunciaron corrupción de altos cargos do departamento". 

REDE denuncia que as inspectoras e inspectores "sentíronse recorrentemente coaccionados polos mandos e altos cargos do departamento de inspección e da propia Consellería ata que na pasada semana recibiron a notificación de apertura de expediente sancionador". 

O conflito vén de lonxe. Segundo Agiss, foran varias as denuncias de persoal de centros de servizos sociais que alertaban da "evidencia de filtracións" sobre a data e hora das inspeccións en centros que eran avisados con antelación das visitas dos inspectores e das inspectoras. Froito daquelas denuncias, acordouse un cambio no sistema de fixación de citas, optándose por outro que se prevía máis seguro e confidencial pero que foi substituído polo anterior en xullo. 

Residentes dun centro de maiores da Xunta © Xunta

A resposta da conselleira de Política Social o pasado 14 de setembro durante a súa intervención no Parlamento foi aínda máis dura. "Negamos taxativamente e con total contundencia as acusacións", dixera na Cámara ás preguntas de BNG e PSdeG, que reclamaban unha "resposta contundente" ante as denuncias e unha investigación "rigorosa e inmediata". 

Para García, as acusacións son "gravísimas", "falsas" e "infundadas" e "carecen de toda veracidade". "Fanse sen ningún tipo de proba; e non hai probas porque do que non aconteceu non pode habelas", engadiu a conselleira, que cre que as denuncias "só buscan facer dano, desprestixiando un servizo público fundamental". "Non podemos toleralo, non todo vale", insistiu quen foi máis aló e ameazou as persoas que advertiron e denunciaron as supostas filtracións. 

Versións diferentes

García renegou tamén das críticas que o corpo de inspectores fixo por volver un sistema que fora mudado tras as queixas dos traballadores. Acordouse que a cada inspector ou inspectora lle fose asignada unha listaxe de centros a inspeccionar, sendo unicamente este profesional o que decidía o día e hora da súa visita, que só sería comunicada no intre de acceder ás instalacións á xefa de servizo responsable de cada área "coa finalidade de garantir a máxima confidencialidade da actuación inspectora". 

Supoñía pór fin ao sistema anterior, que consistía na programación das visitas con arredor dunha semana de antelación por parte da xefa de servizo e a autorización destas pola subdirectora xeral de Autorización e Inspección de Servizos Sociais. "A esta programación tiñan acceso outros argos da Consellería, como a secretaria xeral, o vice-secretario ou o gabinete da conselleira", advirte o comunicado. Nel asegúrase tamén que "resulta curioso que dalgunha filtración fose acusada a propia conselleira", denunciaba o persoal. 

ntervención da conselleira de Política Social, Fabiola García, no Parlamento CC-BY-SA Xunta

Aquela mesma xornada, en conversa con Praza.gal, Marcelino Vidal, presidente de Agiss, lembráballe á conselleira que as filtracións "víñanse denunciando desde 2018" e advertía de que o cambio de sistema "xurdiu por algo, precisamente pola preocupación ante as devanditas filtracións". 

"O novo sistema beneficiaba as persoas usuarias e eliminaba unha gran parte das posibilidades de filtracións", engade Vidal, que recorda tamén á titular de Política Social que as denuncias sobre estas filtracións "puideron mesmo lerse nalgunha pancarta de traballadores" e foron feitas tamén por "asociacións de usuarios". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.